Category: Sen clasificar

Presentamos unha proposta para que o Concello dote terreos para vivenda pública.

·               Propoñemos dotar terreos e ofrecerllos á Xunta para o seu plan de construción de vivendas públicas.

 Dende Somos Ribadumia temos moi claro que o noso é un Concello moi atractivo para que as familias queiran asentarse e do cal as novas xeracións non queren marchar, pero tamén de que a día de hoxe resulta case imposible encontrar vivenda, e a pouca que hai dispoñible ten uns prezos cada vez máis altos.  Con estas premisas principais, e subíndonos a estela do PP de Galicia e da súa tan cacarexada intención de construír miles de vivendas públicas neste mandato, Sergio Soutelo ven de presentar por rexistro unha proposta para debater en Pleno a dotación de terreos edificables co obxectivo de poñelos a disposición da Xunta para que constrúa en Ribadumia unha parte de  todas esas vivendas públicas prometidas.

  En realidade, os motivos para realizar esta proposta son moitos. Na exposición do documento recóllense os mais importantes, asentando a proposta na nosa realidade, aportando datos como que mentres que dende o ano 2004 ao ano 2013, Ribadumia medrou a un ritmo de 103 habitantes por ano de media estatal, dende o 2013 ata o 2023, Ribadumia ese ritmo foi de 2,1 habitantes por ano de media, e so sumou 21 habitantes netos en todo ese período,  un indicador de que o crecemento en Ribadumia, aínda que mellor que outros concellos da contorna, segue o camiño do retroceso poboacional, e de feito o dato a 1 de xaneiro de 2023 é menor que o do ano anterior, perdemos habitantes.

Outros datos a ter en conta que se recollen na en proposta son que o saldo vexetativo, que a pesar do crecemento poboacional leva en tendencia negativa dende o ano 1989, nos últimos vinte anos resultou negativo en 198 persoas, con unicamente tres anos nos que naceron máis persoas das que morreron. Tamén temos un crecemento paulatino da idade media, que actualmente está nos 44 anos, acompañado dunha redución drástica do número de nacementos, que nos leva a un escenario de estancamento primeiro, e de baixada de poboación despois, salvo que novas familias se asenten en Ribadumia no medio prazo.

 Da boa nova de que en Ribadumia temos unha importante porcentaxe de poboación nova, 422 persoas entre os 16 e os 24 anos, resulta que, como é lóxico, a maior parte desas persoas entre o 2025 e o 2030 van intentar independendizarse, e moitas delas quererán quedar a vivir en Ribadumia. Ademais , entre os 24 e os 35 anos, en Ribadumia hai censadas 654 persoas, moitas delas vivindo aínda nas casas de seus pais.

  O resultado de todos estes datos e outros moitos amosan a realidade dun Concello que ten unha enorme dependencia para o seu crecemento do seu mercado inmobiliario, dependencia que se ve incrementada ao ter un importante grupo de persoas entre os 16 e os 30 anos. A falta de vivenda é de terreos edificables é un problema á hora de evitar que esa poboación marche cara outras zonas que están medrando, como Vilagarcía ou incluso Pontevedra.

 Dende o punto de vista da xestión administrativa do Concello, Ribadumia precisa nos próximos anos asentarse moi por enriba dos 5.000€ habitantes, porque se non non vai poder facer fronte aos elevados custes resto de mantemento de infraestruturas, neste concello moi superiores ao normal para a súa masa poboacional,  e de competencias varias, moitas delas certamente impropias, pero asumidas e consumindo recursos.  Non esquezamos neste senso, que máis vivendas supoñen máis ingresos por impostos e taxas municipais. Cun numero suficiente de vivendas nos próximos cinco anos sería posible aguantar o nivel impositivo sen grandes subas, pero se non se constrúe vivenda, vai ser imposible aguantar os impostos municipais conxelados moito tempo máis. Unha dura realidade que David Castro debe asumir dunha vez.

  Por outro lado, a  Xunta de Galicia, que é a administración con competencias en vivenda,  leva meses anunciando a súa intención de multiplicar o parque de vivenda pública, e deu varios pasos nesa dirección, como a creación da Sociedade de Vivenda Pública de Galicia, e non hai semana na que non emita unha comunicación relativa a esta cuestión, como xuntanzas co sector da  construción ou anuncios de novos proxectos de vivendas públicas. Moitos están sendo os Concellos que están poñendo a disposición da Xunta de Galicia terreos para que constrúa vivenda pública (Salceda de Caselas, Bueu, etc), e dende o noso partido consideramos que Ribadumia, que xa conta cun edificio de vivendas públicas – pero cuxa cantidade de vivendas é pequena para as necesidades reais actuais -,  debe subir a ese tren, por varios motivos, pois ademais da necesidade de vivenda, tamén resulta interesante que quen se asente en Ribadumia sexan persoas mozas que formen familias estables.

  Actualmente o Concello de Ribadumia non dispón en propiedade terreos adecuados para a construción de vivenda pública que poder ofrecer á Xunta de Galicia, pero si existen en Ribadumia moitos terreos que poderían servir para esa función, fincas urbanizables e polígonos por desenvolver no espazo urbano de Barrantes e Ribadumia.

  Resumindo: Ribadumia, como Concello, precisa aumentar a súa poboación. E esta en condicións de facelo porque  hai persoas e familias que queren establecerse en Ribadumia, e hai unha importante cifra de persoas novas nadas en Ribadumia, que están ou estarán nos próximos anos en idade de emanciparse e/ou de asentarse e formar unha unidade familiar,  que queren quedar en Ribadumia por que teñen ou van ter esa posibilidade dende o punto de vista laboral. Pero non hai vivenda dispoñible, e a que hai non ten prezos asequibles.  Por ese motivo presentamos a proposta  para instar ao goberno a dotar terreos e poñelos a disposición da Xunta de Galicia e dar  un impulso a obra nova en Ribadumia .

Unha proposta que agardemos non quede como outras esquecida no caixón do alcalde, nin que chegue ao Pleno xa coa negativa do goberno do señor Castro decidida de antemán unicamente por ser  unha proposta do noso partido. Nós, do goberno agardamos madurez.

Comunicado conxunto de Somos Ribadumia, Xuntos por Ribadumia e BNG de Ribadumia.

   O Alcalde do Concello de Ribadumia, o señor David Castro, convocou para este martes 17 de decembro o Pleno que inicialmente estaba convocado para este pasado xoves. Na convocatoria, que reúne a mesma Orde do Día, prodúcese un cambio importante, que é que se convoca as 14.:00 horas no canto de convocarse as 20:00 horas, como estaba convocado o Pleno deste pasado xoves, tendo o mesmo carácter Extraordinario. 

  Para os dous concelleiros e a concelleira que asinamos este comunicado, unha convocatoria neste horario, debido ás nosas obrigas laborais e ás particularidades das empresas nas que traballamos, máis aínda se cabe nestas datas, resulta moi complicada, se non imposible, de atender, o cal vai provocar que moi posiblemente no poidamos asistir a ese Pleno. Por tal motivo, e como ademais contabamos co compromiso expreso do goberno de convocar  os Plenos con temas da importancia do que vai a este no mesmo horario no que se convocan os Plenos Ordinarios, achegamos ao Concello un escrito solicitando o cambio de hora, que transcribimos a continuación, e no cal consideramos que queda perfectamente exposto o que queremos facer público:

 Ramiro Lorenzo Balvuena, en calidade de Concelleiro no Concello de Ribadumia polo partido  Xuntos por Galicia, Sergio Soutelo Martinez,, en calidade de Concelleiro no Concello de Ribadumia polo partido  Somos Ribadumia e Vanessa Fariña Padín, en calidade de Concelleira no Concello de Ribadumia polo partido Bloque Nacionalista Galego,

EXPOÑEMOS:

Está convocado un Pleno Extraordinario o día 17 de Decembro do presente ano 2024 as 14:00 horas.

  Os asinantes desexamos deixar constancia de que para nos resulta case imposible asistir a Plenos convocados nese horario, debido ás nosas obrigas laborais. Este feito  xa foi posto de relevancia polo Concelleiro de Xuntos Ramiro Lorenzo Balvuena, no Pleno Ordinario do 7 de marzo deste 2024, onde solicitou que os Plenos de carácter Extraordinario, moi en particular os que incluíran temas de certa relevancia, tales como modificacións de crédito ou aprobacións de Contas Xerais, por citar dous exemplos, se convocaran respectando o mesmo horario establecido para as Sesións Plenarias Ordinarias, e debemos dicir que da resposta dada pola Concelleira de Contas, asumimos que se tomaba nota da solicitude e que se ía respectar, cousa que non está acontecendo nesta ocasión.

   O Pleno convocado para este 17 de decembro inclúe na súa Orde do Día o debate e aprobación dunha cuestión de máxima importancia, non en van falamos dunha modificación de crédito de 839.628,16 euros. Ante unha cuestión deste calado consideramos de vital importancia que se facilite a participación do máximo número posible de concelleiros e concelleiras e de forzas políticas con representación. 

Por todo o anterior, SOLICITAMOS:

Que alcaldía modifique a convocatoria do Pleno para trasladalo, no día que considere convinte, ao horario no que normalmente se convocan os Plenos Ordinarios no cuarto trimestre do ano, esto é , as 20:00 horas.

Ramiro Lorenzo Balvuena        

Sergio Soutelo Martinez             

Vanessa Fariña Padín  

David Castro volve suspender un pleno de maneira interesada.

  • Por segunda vez en tres meses suspende un pleno para evitar dar a cara.
  • David Castro podía aprazar o Pleno 24 horas e así cumplir a lei que el mesmo se saltou, pero prefiere fuxir da oposición, e de paso afondar na crise económica do seu goberno.
  • Falta de respecto cara a oposición, xogando ao gato e o rato cos plenos. 
  • A realidade que David Castro quere ocultar: pretendía coller do peto case 840.000 € ocultando que boa parte son para pagar festas, o AF7 , un desfase no consumo de auga do propio Concello e obras que ten descontroladas.

 Por segunda vez en tres meses, David Castro volveu suspender un Pleno Convocado por el mesmo. E por segunda vez pretende culpar a Somos Ribadumia porque mantemos a nosa coherencia e esiximos que se cumpra a lei, se entregue toda a documentación completa e dentro dos prazos legais. 

    O Pleno, de carácter Extraordinario estaba convocado para este xoves, e incluía dous puntos na Orde do Dia, a aprobación de actas anteriores e unha modificación de crédito por valor de 839.628,16 €, unha cantidade moi alta, tendo en conta que o orzamento aprobado en xullo foi de  4.845.202,64 €. Este incremento nas partidas de gasto suporía, en caso de aprobarse, incrementar o gasto deste ano 2024 un 17% sobre o previsto cando en xullo se levou o orzamento a pleno.

  Neste caso, o que aconteceu foi que David Castro presentou unha Memoria de Alcaldía, documento imprescindible onde se debe pormenorizar que tipo de modificación de crédito se realiza e tamén as partidas afectadas, no caso de actuar sobre partidas do orzamento esgotas, ou cales son novas partidas no caso de cuestións sobrevidas. E nesa memoria estivo o primeiro problema, pois o señor Castro, tal como explica o noso concelleiro Sergio Soutelo , pretendía aprobar a modificación de crédito para pagar cuestións que el definiu como “etcetera”, “puntos suspensivos” e “cuestións diversas”, algo totalmente inaudito, pois como se dixo, os concelleiros e concelleiras teñen que saber para que cousas concretas se pretenden coller os cartos”. 

   O noso Concelleiro presentou o pasado luns dous escritos, un a secretaría-intervención e outro a propia alcaldía, solicitando a ampliación da información, con tempo suficiente para que antes da convocatoria do pleno, que foi o martes, e das comisións informativas, todos e todas as concelleiras puideran ter a información completa. Isto non aconteceu. De feito, Soutelo tivo que na mañá do mércores, día antes do Pleno convocado, chamar e insistir para que se lle entregara a documentación. O compromiso foi entregala antes do mediodía dese mesmo día, pero chegou a media tarde, sen apenas marxe para analizar a documentación que, como veremos gardaba sorpresas.  E ese foi o motivo polo que este xoves pola mañá Soutelo presentou outro escrito solicitando a retirada do punto da Orde do Día.

   Dende Somos Ribadumia temos claro que o motivo polo que o señor Castro suspendeu o  Pleno, non foi a petición de Soutelo, senón que a documentación que se viu obrigado a facerlle chegar aos concelleiros e concelleiras, e polo tanto a facela pública, garda cousas que el non quería que foran de coñecemento da veciñanza. De feito, se o motivo fose a cuestión de prazos legais, con aprazar o pleno a este venres ou ao próximo luns, quedaría resolto. Non foi o caso. David Castro aproveitou a escusa e fuxiu dos Concelleiros e Concelleiras da oposición, pero ao facelo deixou no aire centos de miles de euros en fácturas sen pagar, que van seguir no caixón, engordando o Período Medio de Pago e levando ao Concello á sufrir a intervención do estado. Unha completa irresponsabilidade pola súa parte. 

O que ocultaban os etcetera.

  O fondo da cuestión, que ninguen se despiste, está no destino dos cartos e na xestión económica do goberno local. Na proposta incluense algunhas actuación sobrevidas, aínda que algunhas, como a suba de custes no servizo do SAF, logo do bloqueo que tivo ese servizo en anos anteriores, era coñecida polo goberno e debería terse recollido no orzamento en xullo. Pero o problema real esta noutras actuacións, algunhas das cales son:

78.000 € que pretende meter para pagar sobrecustos de varias festas, dos cales 50.000 € irían para a Festa do Tinto. Pero quizais o máis grave sexa o relacionado coa festa do Pan, por dous motivos: duplicouse o custo da festa sen que se realizara ningún cambio con respecto ao que se fai cada ano, nin a nivel de actuacións nin a nivel de loxística nin de ningun tipo. E o máis grave, dende agosto que tivo lugar a festa, tendo 12.000 € iniciais de partida económica, o concello so usou 1.000€, deixando no caixón 21.000 € en facturas que a día de hoxe están sen pagar. Algo totalmente inasumible e inaceptable.

– A partida dedicada ao alumeado de nadal e ao desfile de Reis, que contaba con 25.000 €, resulta que antes xa de comezar o nadal quedou escasa, nada menos que en 10.000€. 

O Arousa Fútbol Sete, do que xa temos dito que ten un custe desproporcionado para o noso Concello, aconteceu en maio e é dos poucos eventos, por non dicir o único, cuxas facturas están pagadas. Pois en xullo, as facturas estaban pagadas, collendo cartos doutras partidas,  pero David Castro ocultouno non incluíndo unha partida no orzamento. Agora temos que repoñer o que se pagou con cartos de toda a veciñanza.

Tamén se desfasou o consumo de auga municipal, nun ano onde non houbo seca, e nada máis e nada menos que 50.000€. Iso son moitos litros de auga polos que David Castro sabía que íamos pedir explicacións.

Como tamén debe dar explicacións e polos supostos 10.000 € en “suministros “ para o colexio cando a partida era como cada ano de 1.500€., aos que hai que sumar outros 12.000 € para mantemento enriba dos 8.000 € inicalmente orzamentados, cando no colexio non consta ningunha reparación dese calibre.

E hai má unis cuestións que comentaremos máis adiante, como que se aumente en 5.000 € , un tercio, a partida para asistencias a plenos e comisións cando resulta que temos as mesmas e o mesmo numero de concelleiros que nos anos anteriores, e ademais a día de hoxe non se pagou nin un euro por ese concepto neste 2024. Ou o descontrol coas obras na rúa condesa, que non sabemos a canto vai a chegar o seu custe final. E unha serie de partidas de carácter xenérico que non se quixo especificar e polo tanto, non deberían aparecer na proposta. 

  En resumo, “David Castro pretendía levar a pleno unha proposta para pagar etceteras e cousas sen especificar nun exercicio de ocultación difícil de soster, e agora pretende que a culta é de Somos Ribadumia por esixirlle a mesma transparencia á que obriga a lei. Pois debo darlle  señor Castro unha mala nova: a veciñanza vai saber en que enterra os seus cartos, queira el ou non queira”.

   Dende Somos Ribadumia consideramos moi importante manter a coherencia do discurso cos feitos. Viñemos para defender unha xestión transparente do que é de todos e todas,  e non imos pasar por menos. Outros quizais consideren que pedir a retirada dun punto dun Pleno por que non se cumplen as normas de transparencia e de prazos para que a oposición faga o seu traballo resulta esaxerado ou unha estratexia política errada, ou algo “pouco prudente”, pero nós, que antepoñemos os intereses da veciñanza por enriba do interese partidista, e tamén a nosa coherencia como formación política, non temos esa opinión. Onte Soutelo poderia estar no pleno falando de xeralidades por non ter todos os datos, pero nós non imos aos plenos a iso, imos a falar dos problemas da veciñanza e de Ribadumia, e gustanos ir con coñementos e datos, por iso pedimos toda a documentación. E onte preferiamos ter a Soutelo nun pleno expoñendo a nosa posición ante este desastre, pero parécenos que o primeiro debe ser o respecto polos funcionamentos democráticos que son os que nos igualan a todos ante a veciñanza, e non permitr que un alcalde faga o que lle veña en gaña. E se por non facer as cousas ben, ou por facelas de maneira interesada, o señor alcalde ten que suspender un pleno, que o suspenda. A responsabilidade segue sendo de que goberna.

David Castro volve ter bloqueado o pago das axudas económicas ás entidades deportivas e asociacións do Concello.

  • As axudas anuais a colectivos están  aprobadas, pero nin se pagaron os adiantos nin o resto de axudas.
  • O prazo para xustificar as axudas e poder cobralas rematou o 30 de novembro, pero os cartos non chegan.A situación é inaceptable.
  • Non son só as axudas correntes, tamén se retrasan o pago de convenios e de axudas específicas para comedor escolar  e transporte do CRA, entre outras.
  • Pedimos a David que pague o que debe, e que dea a cara e explicacións ante a veciñanza, e que asuma as consecuencias políticas deste desastre de xestión.

 Que David Castro deixou a maior parte dos colectivos do concello abandonados, cando directamente non os ataca por non ser “da súa corda”, é  algo que vimos repetindo dende fai meses, ou incluso anos, pero cada día que pasa, os feitos dannos máis a razón. 

   Vémonos na obriga, unha vez máis, de por de relevancia a situación de desprezo e de falta de respecto que o goberno do señor Castro mantén cara os colectivos do noso Concello. As axudas anuais que o Concello de Ribadumia concede a entidades deportivas e asociacións culturais, sociais e de comercio, aprobáronse con seis meses de retraso, pero é que  estándo xa aprobadas, e vencido o prazo de xustificación, están sen pagar.

   Pero non é só iso, é que  o adianto do 25% , que se ten que efectuar  de xeito inmediato unha vez se aproben as axudas en pleno, cousa que aconteceu o pasado 14 de outubro, están a día de hoxe  sen realizar.  Cabe recordar que este adianto do 25%  foi aprobado estando Somos Ribadumia no goberno co único obxectivo de aportar algo de liquidez aos colectivos, tendo en conta que esas axudas se aprobaban normalmente antes do verán, pero xa con medio ano andado, co cal nalgún caso ese adianto era un balón de osixeno económico importante que agora se lle nega aos colectivos. Todos isto ao señor Castro dálle bastante igual, tanto que o 100% das diferentes axudas que o Concello concede  a colectivos e entidades, dende as ANPAS aos diferentes clubs deportivos, están a día de hoxe sen pagar, e algunha fraccionada, como as axudas para o taxi ou o convenio con O Muiño polo uso do ximnasio, páganse con meses de retraso,  co prexuízo que iso ten para estas entidades.

   Os únicos que polo visto recibiron todo o que precisaban foron os do Arousa Fútbol Sete, co cal xa quedan claros os intereses do señor alcalde, e ningún deles é Ribadumia.

Con partidas económicas dende xullo.

    E non é, a priori, por falta de cartos. A falta de orzamento foi a escusa en anos anteriores, escusa valeira de contido porque as axudas levan anos conxeladas e ante a falta de orzamento regular, fica prorrogado o do ano anterior, polo que sempre houbo dispoñibilidade para pagar as axudas. O orzamento deste 2024, logo das reiteradas e falsas promesas de David Castro, en vez de chegar en decembro do 2023 como moi tarde, chegou en xullo do 2024…  Pero chegou. Polo tanto, non hai nin escusa nin explicación posible que xustifique este retraso nos pagos aos colectivos do noso concello, salvo dúas: a completa incompetencia para o goberno de David Castro, ou que reteña os fondos intencionadamente. Ou ambas.

  Por ese motivo, pedimos a David Castro que ,antes de nada e de xeito inmediato, pague  todo o que ten atrasado, e despois que dea a cara e explique  publicamente por que motivo somete aos colectivos a este castigo. Se o motivo é a incompetencia política, que asuma responsabilidades, que por algo é alcalde, e cese á concelleira de Contas,  e se o motivo é interese político ou mesmo os seus odios persoais, que dimita el directamente.