Category: Sen clasificar

950.000€ no bombeo de Cabanelas, pero os verquidos seguen acontecendo.

@somosribadumia

950.000 € despois, o bombeo de augas fecais de Cabanelas segue vertendo ao río Umia. E despois de anos de falsas promesas e de contarnos que a amplicación do bombebo ía resolver o problema de vertidos, o Partido Popular saénos con que iso non é así e que esa obra nunca se fixo pensando en resolver o problema e verquidos. Minten e enganan para non asumir responsabilidades. Pero a realidade está ben a vista e ao olfato. E mentres, David Castro desaprecido, como sempre que hai un problema. #Ribadumia #Ribadumiaabandonada #alcaldeausente#SomosRibadumia #Sergiosoutelo

♬ sonido original – somosribadumia – somosribadumia
  • Fiasco monumental e estrago de case 1 Millón de Euros.
  • Os verquidos seguen a  producirse igual que sempre, porque o problema de fondo está sen solucionar.
  • A resposta da Xunta parécenos unha burla a toda a veciñanza.
  • Esiximos explicacións públicas, da Xunta e de David Castro, e vendo que dende a Xunta confirman que a obra resulta inútil, responsabilidades políticas.
  • Esiximos que se determine dunha vez quen é a industria responsable destes verquidos e se tomen medidas contundentes e efectivas.

 Nin dous meses tardou o bombeo de Cabanelas en demostrar o  que dende Somos Ribadumia levamos advertindo dende o  2022, incluso antes, que é que o problema de verquidos  nese punto non ten que ver coa capacidade do bombeo, senón coas deficiencias na rede se saneamento, en concreto na parte de Vilanova de Arousa, que meten máis auga da que ningún bombeo vai poder canalizar. E isto é algo que non dixemos nós, senón que consta nos informes que a concesionaria do saneamento fixo xa no ano 2016, e que deixaban moi claro que as actuacións a realizar para evitar desbordes neses punto deberían centrarse na revisión e reparación nas redes de saneamento para eliminar as entradas de augas pluviais.

  Cómpre recordar que estando Somos Ribadumia no goberno local, en Ribadumia, da man de Enrique Oubiña como Concelleiro de Urbanismo, actuouse  en base a esas recomendacións, grazas ao cal  o número de episodios de verquidos nese punto  reduciuse significativamente. Por desgracia, Gonzalo Durán ignorou eses informes, que poñían en entredito a súa xestión como alcalde, e optou, co aplauso entusiasta de David Castro, pola solución máis populista: anunciar unha obra  moi cara para ter un bombeo  máis grande e máis potente e máis de todo, pero que na práctica, nove anos e case  1 Millón de euros despois, resulta un completo fiasco.

   Dende Somos Ribadumia agardamos que de maneira inmediata se dean explicacións públicas, claras e transparentes e que se se confirma que o bombeo non  é suficiente nin sequera logo deste potente investimento, se depuren responsabilidades políticas.

 Sobre o traballo de prevención e control da Mancomunidade.

 Por outra banda, dende Somos Ribadumia non saímos do noso asombro ao comprobar que co desborde do bombeo saiu a relocer un verquido que é das mesmas características que verquidos anteriores que levan anos apuntando a  que proceden da mesma industria. Hai que recordar que a Mancomunidade, da man de Marta Giraldez,  puxo en marcha un departamento específico. Este departamento comunicaba o pasado novembro que realizara ata esa data 86 inspeccións en industrias, un traballo moi positivo sen dúbida que provocou melloras en todos os sentidos . Por iso resulta preocupante que logo de tantos anos de verquidos e agora con este departamento traballando, aínda non fóra posible localizar e tomar medidas contundentes  contra a empresa responsable destes verquidos concretos.

Inaceptable resposta de Augas de Galicia e da Consellería de Medio Ambiente.

  Dende Somos Ribadumia non podemos aceptar as explicacións aportadas por Augas de Galicia e pola Consellería de Medio Ambiente en relación aos verquidos no bombeo de Cabanelas. É máis, parecennos directamente unha tomadura de pelo cara a nosa veciñanza.

  Que a ampliación do bombeo tiña por obxectivo eliminar os verquidos en Cabanelas é algo que se dixo dende o primeiro minuto. Tanto Gonzalo Durán como David Castro como todos os responsables políticos que pasaron polo Salnés a falar deste asunto dende que no ano 2016 se propuxo esta solución, insistiron en que  esa ampliación  tiña como obxectivo  eliminar os verquidos nese bombeo. E así consta en innumerables comunicacións de prensa.

  Polo tanto, resulta de todo inaceptable que agora se diga que a obra non perseguía ese obxectivo. E dende logo falar dunha mellora da eficiencia enerxética  cando se veñen de gastar 950.000€ € nun bombeo que duplica ao anterior en potencia co correspondente sumento dos consumos enerxéticos, resulta indignante.

  Como resulta indignante que se pretenda cargar o morto ao polígono de Sete Pías. Para empezar, quizais dende a Consellería deban facer un cursiño de reciclaxe para que cando falen destes temas entendan de que están falando. O verquidos que se producen en Cabanelas non son verquidos producidos unicamente por unha fábrica, senón  que o que desborda é de toda a rede de fecais. O verquido prodúcese, e queremos insistir nisto, por que o bombeo colapsa, e colapsa  por que a rede de fecais está saturada de auga de choiva, que non debería viaxar por esas tuberías.  E ese é o problema, cuxa orixe está perfectamente identificado no Concello de Vilanova, moi dado  a ter este tipo de problemas porque non ten separada a rede de pluviais da de fecais. Se no canto  de gastar case 1 millón de euros nun bombeo que non soluciona nada, se dedicaran a resolver os problemas na rede de fecais en Vilanova como fixemos en Ribadumia e como fixo e segue facendo Cambados, hoxe, co mesmo bombeo que había, non estariamos falando deste tema.

Dende Somos Ribadumia volvemos insistir en pedir responsabilidades políticas, pois é evidente que esa obra de mellora do bombeo non cumpre o seu obxectivo de eliminar os verquidos en Cabanelas. Todo o que non sexa iso, é rirse da veciñanza. E por suposto, que se aporte unha solución a este problema.

 Onde está David Castro?

  E falando de responsabilidades políticas, dende  Sonos Ribadumia botamos en falta as explicacións ou opinións que sobre este tema poida aportar o alcalde de Ribadumia e tamén Presidente da Mancomunidade. O mesmo señor que antes das eleccións andaba a facerse fotos na ribeira do Umia anunciando a bombo e platillo esta mesma obra que se demostrou pouco menos que unha estafa.

   Seguramente en vez de estar atendendo aos problemas do noso Concello dedique estes días a pasearse por FITUR, pero dende a nosa formación entendemos que en base aos seus dous cargos debería comparecer publicamente e de maneira urxente, dar explicacións e esixirlle ao Concello de Vilanova que resolva os seus problemas na rede de saneamento e á Xunta de Galicia que deixe de rirse da veciñanza e de poñer escusas e actúe.

Mellorable xestión das actividades de Nadal.

  •   Nula campaña de apoio ao Comercio Local.
  • Queixas pola organización da Cabalgata de Reis.
  • Escaso e discreto alumeado.
  • Fracaso do concurso de carrozas, cunha única presentada, e sen apenas repercusión e apoio social do resto de concursos.

  Unha vez pasado o Nadal compre facer unha valoración sosegada das diferentes actividades organizadas dende o Concello, e o primeiro que queremos pedir dende Somos Ribadumia é que David Castro siga o noso exemplo e analice ben como está desenvolvéndose o Nadal ribadumiense nos últimos anos, porque a deriva que leva é do máis preocupante.

   De partida debemos lamentar a completa falta de previsión e a sensación de continua improvisación. A campaña de actividades de Nadal foi presentada o 16 de decembro, días despois do encendido “oficial” do alumeado de nadal. Logo diso, á maior parte das actividades apenas se lle deu repercusión, algo que choca coa intensa campaña de promoción do AF7 indoor, un evento que tamén aconteceu en Nadal e que contou con todos os focos do goberno local, que lle deu toda a prioridade deixando os actos propios do Nadal en segundo plano.

Unha cuestión que consideramos moi grave é a desaparición das campañas municipais de apoio ao comercio e hostalería locais. Os feitos son indiscutibles: nin unha soa publicación nas redes do Concello en apoio ao comercio local nin ao longo do  Nadal nin nas semanas previas, e nin sequera este ano o Concello se fixo cargo de realizar o video promocional que se ten realizado en anos anteriores; a campaña de recollida de xoguetes organizada pola asociación de comerciantes supostamente co apoio do Concello,  anunciouse nas redes municipais catro días antes do seu remate, e apenas se lle deu repercusión. Un dato, a campaña de recollida de xoguetes foi publicitada no perfil de facebook do Concello con dúas publicacións, o AF7 indoor, só en decembro, antes de rematarse tivo quince publicacións distintas. Tamén foi perdendo peso o concurso de escaparates, pero diso  falamos máis adiante. A falta de diálogo e de apoio ao comercio é evidente. Cando se puxo en marcha o acto de encendido de luces, con Somos Ribadumia no goberno, os comerciantes eran a peza central do acto, dábaselles visibilidade e protagonismo e apoio a través doutras campañas, un apoio que sempre dixemos que era insuficiente, pero é que agora nin iso, e co paso dos anos o protagonismo que se lle daba ao comercio local en actos como o encendido do alumeado diluiuse polas ansias de 3 de figurar do señor Castro, ata o punto de que o comercio e a hostelería xa non estiveron presentes  neste último acto de encendido do alumeado, que por completo quedou convertido nun acto meramente político, para maior gloria do señor Castro, e con cada vez menos público asistente.

   Dende Somos Ribadumia debemos lamentar a falta de compromiso, de apoio e de dialogo do goberno do señor Castro co comercio local. Non botamos en falta á anterior concelleira de comercio, e temos criticado moito a súa escasa ambición e traballo de impulso ao comercio e á hostalería, pero cando menos con ela no cargo víase algo máis do que se  mira agora. É inaceptable que o Concello de Ribadumia sexa a única administración local que non realiza campañas de apoio ao comercio e hostalerías locais.

  Por outra banda, os diversos concursos de decoración que se organizan dende fai anos teñen o formato esgotado, algo que se nota moi especialmente no concurso de escaparates. Cada vez estes concursos contan con menos apoio social, e dende o noso punto de vista o problema está en que nin os premios resultan atractivos, nin hai unha implicación do Concello en facelos visibles e en impulsalos para que logren os seus obxectivos. Ao señor Castro chégalle con poñelo todo nun cartel e facerse a foto, pero este tipo de iniciativas non se realizan para que os alcaldes se fagan fotos, senón para dar vida aos Concellos. 

  Mención a parte o concurso de Carrozas de Reis. A iniciativa, posta en marcha por Salomé Peña, logo suspendida por decisión do señor Castro no ano 2016 e posteriormente recuperada polo propio Castro o Nadal pasado, resulta un completo fiasco. Nestas dúas últimas edicións unicamente se presentou a concurso unha carroza, a das ANPAs Ribadumienses, que xa participaban cando non había concurso. Resulta evidente que ese concurso, tal como xa dixemos o ano pasado, ten que organizarse doutro xeito, para lograr a implicación doutros colectivos, senon non ten ningún sentido.

   E falando da propia cabalgata de Reis, temos que dicir que se produciron moitas críticas da veciñanza pola mala xestión da alternativa ante o mal tempo. Todos e todas estamos de acordo con que suspender o desfile de carrozas foi unha decisión acertada. O que non se entende é que se organizase a presenza dos Reis no auditorio tendo tres pabillóns de deportes, amplos e con espazo suficiente para organizar unha alternativa acorde á importancia do que en cantidade de público é o terceiro evento máis importante que organiza o  Concello, logo da festa do Tinto e a do Pan. Pero a falta de espazo e o mal xeito do auditorio para un acto destas características, que ademais o goberno non se molestou en organizar minimamente provocando un caos absoluto, non foi o único problema. Coa xornada que estaba, ao goberno ocorréuselle poñer un posto de chocolate e churros, cousa que nos parece correcto, pero resultou que o puxeron á intemperie o no sitio menos abrigado que encontraron, obrigando aos pais e nais a facer cola ao frío, choiva e vento. Ademais o goberno non calculou ben a asistencia e o posto pechou xa a metade de acto, porque  dende o goberno local non quixeron pagar mais que un par de centos de racións cando nese acto menos de 300 nenos e nenas non se xuntan, aos que hai que sumar a nais, pais, avos e avoas … Como é lóxico, se facer cola á intemperie non gustou as persoas asistentes, menos que lle pecharan o posto antes de tempo e os deixaran con frío e sen o chocolate quente.

   Tampouco convence o alumeado de Nadal. E non convence por que a pesar da enorme melloría na calidade das luces, polas súas características este tipo de alumeado  resulta moi pouco vistoso se non se modifica a colocación do mesmo para adecualo aos parámetros actuais. Non esquezamos que o Concello de Ribadumia é dos Concellos da comarca  que dedica máis euros por habitante ao alumeado de Nadal, e iso debería verse reflectido no mesmo, máis non se mira. Ao final, a sensación de cutrez mantense a pesar, insistimos, da melloría notable. Instamos a David Castro a que en vez de ir aos Plenos a queixarse e bracear, se sente a analizar con calma os contratos de alumeado público e a distribución dese alumeado para lograr que sexa un alumeado que alegre o Nadal, pois esa é a súa función.

  En resumo, dende Somos Ribadumia consideramos que o goberno local ten moito que mellorar na xestión das diferentes actividades de Nadal. Dende Somos Ribadumia animamos a David Castro a analizar con ollo critico todo o acontecido este ano e a traballar para que o ano próximo a nosa veciñanza non sinta a necesidade de ir cos seus fillos e fillas a visitar os Concellos veciños en busca de alternativas con máis espírito navideño que as que teñan en Ribadumia, e a impulsar campañas a favor de que as compras en comercio e o gasto en hostalería se realice en Ribadumia.

David Castro renuncia por fin a continuar a súa guerra contra unha traballadora municipal.

  • O Xulgado da por desistido ao Concello por non presentar recurso (anunciado) na reclamación de indemnización por accidente laboral da traballadora.
  • Confírmase obriga do Concello de pagar  30.100 €.
  • Fin a unha guerra personalista de David Castro que costou miles de euros da veciñanza en avogados para non chegar, cinco anos despois,  a ningún sitio.

 David Castro , non sabemos se por erro ou intencionadamente, pero deuse por vencido, cando menos xudicialmente, na súa guerra particular, pagada con fondos públicos, contra unha traballadora do Concello.

   Fai uns días facíamos público que o Concello anunciara recurso de suplicación ante a sentenza que obriga ao Concello a pagarlle a esa traballadora 30.100€ , logo dun proceso xudicial no cal o Concello pelexou de maneira insistente sabendo que o dereito era innegable e que esa guerra estaba xa perdida de antemán.

   Onte mesmo foille  comunicado á traballadora e obviamente ao Concello,  que logo  de anunciar ese recurso, un trámite dentro do proceso a través do cal se anuncia que se van presentar alegacións á sentenza,  o Concello deixou vencer o prazo legal para presentar esas alegacións, de tal maneira que o xulgado deu finalmente  ao Concello por desistido do seu propio recurso e decretou a sentenza como firme.

   Aínda que hai 3 días para presentar impugnación non parece que haxa motivo para tal cousa, polo tanto entendemos que, a falta de facer efectivo o pago da indemnización, remata aquí un proceso que dende o inicio denunciamos como un ataque personalista de David Castro, que leva supostos miles de euros das arcas municipais e polo tanto da nosa veciñanza, en servizos xurídicos e nalgún Pleno Extraordinario para obrigarlle ao señor Castro a explicar o que andaba a facer, aos que agora hai que sumar os 30.100€ de indemnización que tamén deberán saír das arcas municipais gracias á irresponsabilidade de  non ter contratados uns seguros que terían costado moito menos do que se leva pagado en avogados.

  En resumo, catro anos despois de iniciar a guerra contra esta muller, o señor Castro unicamente logrou gastar  cartos da veciñanza, porque nin conseguiu o castigo de que lle recortaran a pensión, nin o de evitar o pago da indemnización que por dereito lle corresponde. Con todo, alegrámonos de que, de maneira intencionada ou non, David Castro desista desa guerra. Agardamos que o exemplo se aplique a outras cuestións e que o sentido común vaia prevalecendo. .

O Concello de Ribadumia  condenado a pagar unha indemnización de 30.100 € á traballadora á que David Castro pretendía recortarlle a pensión.

  • Novo pau xudicial a David Castro na súa guerra persoal contra unha traballadora.
  • A indemnización de 30.100 €, debido á incompetencia de David Castro, terá que ir  a cargo dos cartos da veciñanza.
  • A sentenza, clara e contundente , volve deixar no máis absoluto  ridículo a David Castro.
  • David  Castro dilapida cartos públicos en procesos xudiciais contra veciños e traballadores. 50.000€ en catro anos.

 David Castro segue acumulando paus xudiciais nas súas guerras persoais. Neste caso volvemos falar da batalla xudicial que dende fai anos enfronta a David Castro  cunha traballadora xa retirada, á  cal o señor Castro pretendía negarlle o seu dereito a unha pensión primeiro e unha indemnización despois motivadas por accidente laboral, unha situación pola cal a oposición chegou a forzar un pleno no mandato anterior.

 Resumindo todo o acontecido anteriormente, David Castro  recorreu no  xulgado unha sentenza favorable a esta traballadora – en contra do que fixo  a Seguridade Social e a Mutua – coa intención de que se  denegará o dereito a que se lle recoñecera  unha incapacidade permanente como motivada por un accidente laboral, o cal afectaba directamente e nunha cantidade  importante ao importe da pensión desta muller. David Castro perdeu esa batalla xudicial e todos os recursos que presentou, todo elo pagado con fondos públicos.

 Posteriormente a  traballadora reclamou o seu dereito a percibir unha indemnización recollida no Convenio. O Concello presentou alegacións contra esa reclamación e fai unhas  semanas, concretamente o 26 de novembro,  o xulgado do social n° 2 de Pontevedra ditou sentenza dando a razón á traballadora, condenando  ao Concello a pagarlle unha indemnización de 30.100 €.  Non só iso, a propia sentenza establece que, tal como dende o noso partido informamos fai meses, o Concello non contaba no seu momento co seguro – obrigatorio – que  debería facerse cargo deste tipo de indemnizacións polo que o Concello, gracias a incompetencia e desidia de David Castro,  deberá aboar esa cantidade con  fondos públicos.

   A David Castro débenlle parecer poucos paus os que leva ao lombo e, a pesar da claridade e contundencia da sentenza emitida, que recolle entre outras cousas que “ os motivos de exposición exgrimidos polo Concello teñen pouco percorrido”  debido a que o recoñecemento da incapacidade permanente da traballadora foi  “finalmente confirmada por sentenza do TSXG”,  aínda presentou recurso, que neste caso só pode recorrerse sobre a cantidade, quedando o dereito da traballadora xa fóra de toda dúbida.

  Que David Castro ten unha guerra persoal contra esta traballadora é  algo que ademais de ser de coñecemento público   quedou patente dende o primeiro momento e que se puxo de manifesto en Pleno, e para Somos  Ribadumia resulta totalmente inaceptable. Pero incluso pasando os personalismos de David Castro por alto, a realidade é que no xulgado  non da unha, pois leva perdida a  práctica totalidade dos procesos xudiciais nos que se veu inmerso o Concello dende o ano 2017. E isto non sae gratis, obviamente . Dende  o 2019 o  bufete que leva as cuestións municipais   leva ingresados, a falta de aprobarse as contas de 2023 e 2024 e dispor dunha cifra exacta , ao redor de 50.000€, boa parte por certo, por recursos que as  sentenzas poñen en entre dito, e que de non presentarse, ademais de aforrarlle traballos á administración, aforraríanlle cartos á veciñanza.  Con isto non poñemos en dúbida a profesionalidade dos avogados do Concello, pero resulta evidente  que ou ben non están asesorando correctamente a David Castro, ou ben David Castro non escoita os seus consellos,  pero quen paga o pato é a carteira da veciñanza, e iso non nos parece aceptable. O Concello non pode dilapidar cartos en procesos onde está claro que a parte contraria leva todas as de  gañar.

   Dende Somos Ribadumia instamos a David Castro a que deixe de usar os recursos do Concello  para dirimir as súas cuestións persoais,  que abandone esa dinámica de atacar aos traballadores e traballadoras que non lle rien as gracias e de levar ao xulgado a calquera que non sexa do seu agrado e en xeral que abandone dunha vez uns comportamentos que resultan de todo inadecuados e inaceptables nun alcalde.