Category: Sen clasificar

A Conta Xeral de 2023, tarde, mal, arrastro, e sen avalar por Intervención.

  • Pretende aprobar a Conta Xeral do ano 2023 sen informes de Intervención e ocultando información e documentación imprescindible.
  • Outra volta, con documentos mal elaborados e partidas sospeitosas.
  • Pagos “extraños” a IR  e ingresos sen declarar.

   Un ano máis David Castro presenta para o trámite de aprobación unha Conta Xeral con máis de un ano de retraso. Neste caso referímonos á Conta Xeral do ano 2023, que leva en exposición pública dende o 24 de xaneiro e que está previsto que vaia a Pleno a semana próxima.

  Dende Somos Ribadumia tomámonos  moi en serio a xestión económica do Concello, por iso non podemos aceptar a maneira na que se están facendo as cousas. De partida, a Conta Xeral debería estar dispoñible  no portal de transparencia da web do Concello tal como recolle o edicto publicado o pasado 24 de xaneiro do BOPPO, asinado polo propio alcalde. De feito, e así o fixemos  constar no escrito de alegacións presentado. na web do Concello nin sequera consta o edicto co anuncio do período de exposición pública, un exercicio de oscurantismo , que ademais é ilegal.

   Pero o problema non é so de falta de transparencia. No expediente  achegado  a Sergio Soutelo, faltan documentos de obrigada presencia, como a Memoria Explicativa, que debe aclarar o documento e certificar que cumpre a lei e que todo esta correcto, e o informe da Comisión Especial de Contas. Tampouco se aportan as certificacións bancarias, unicamente as anotacións  elaboradas por Intervención, pero que non están certificadas polas entidades bancarias  como corresponde, polo que non teñen garantías de ser correctas. Estás deficiencias xa  as detectamos no proceso coa Conta Xeral do 2022, pero o señor Castro insiste unha vez máis  en estar por enriba da lei.

   En resumo, David Castro pretende aprobar un documento da importancia da Conta Xeral sen contar cos imprescindibles informes e certificacións que aseguren que o que pon nos documentos se corresponde coa realidade, algo totalmente fora da lei e que deixan esa Conta Xeral en papel mollado.

   Por se non fora bastante, resulta que hai erros na documentación contable, algúns realmente graves e/ou moi sospeitosos,  máis faltando a Memoria Explicativa que xustifique o que aparece nos papeis. Hai anotacións de partidas económicas que -entendemos por un erro de transcrición – aparecen sen identificar. Outras, directamente faltan, como certos ingresos, por exemplo os correspondentes coa venta de lotería para a Festa do Tinto. Non é unha cantidade importante, pero a onde foron os cartos?  E cantas partidas máis hai incorrectas? Porque vendo estes erros documentais e en ausencia de informes de Intervención é difícil  non ter dubidas sobre o que a priori está correcto.

  Outras partidas que chaman a atención son as relativas as aportacións aos grupos políticos. Ademais de que dous partidos , Xuntos e BNG e os concelleiros que os representan non aparecen na Conta Xeral cando deberían por que  lles corresponden as aportacións dende xullo a decembro , aparecen pagos e débedas inxustificadas con IR,  o anterior partido de David Castro, do que el é presidente dende  novembro de 2022 -antes o presidente era Feliciano  Barral-  . En conxunto duplicase –  aparentemente  – unha partida que non se debería alterar por que a Corporación ten os mesmos grupos políticos e concelleiros que no mandato anterior, aparece duplicada e con pagos sen aclarar.

  Por estes  motivos, dende Somos Ribadumia presentamos dentro do período o correspondente escrito de alegacións, pedindo que se paralizase o proceso e se volvera iniciar incluíndo no expediente a documentación necesaria, e expoñendo uns erros que en todo caso deberán resolverse en Comisión Especial de Contas antes do Pleno.  

Inútil visita da furgoneta do Plan +Renovables e de  Javier Touris a Ribadumia.

  • Non se informou á corporación nin a veciñanza da data da  visita.
  • Non se deu información precisa sobre o contido visita nin se contou con posibles sectores interesados, nin se convidou asociacións veciñais, a colectivos ou a particulares ou empresas interesadas.
  • Moita foto pero cero traballo. Pura promoción particular de Javier Tourís.
  • Esiximos seriedade e rigor no uso de recursos públicos.
  • Esiximos a David Castro que avance na creación dunha Comunidade Enerxética que él mesmo anunciou fai meses.

  Dende Somos Ribadumia non podemos deixar de amosaron noso asombro ante o que vestido de campaña de impulso á creación de Comunidades Enerxéticas, resulta ser unicamente unha campaña de autobombo e autopromoción dun Deputado provincial, Javier Tourís, que vai de Concello en Concello facéndose fotos pero aportando moi pouco ou, como no caso de Ribadumia, nada.

   Vaia por diante que dende o noso partido estamos moi a favor da creación de Comunidades Enerxéticas que permitan facer fronte aos problemas do custe da enerxía. Nese senso valoramos positivamente a aposta da Deputación por impulsar este tipo de comunidades. O que non podemos aceptar é que se lle tome o pelo á nosa veciñanza.

   A visita da furgoneta da Deputación, que supostamente a parte de ao Deputado Javier Tourís, leva persoal técnico experto e capacitado para dar información sobre este tipo de Comunidades Enerxéticas e como poñelas en marcha, non foi anunciada previamente, nin se acompañou dun traballo de información pública para captar colectivos interesados ou persoas interesadas ou empresas ás que dar información.

  O resultado foi unha visita, que ten o seu custe económico, dobremente inútil, pois o goberno local nin sequera tivo a elegancia e a profesionalidade de convidar aos membros da Corporación e aproveitar para traballar sobre a situación en Ribadumia.  Ademais, se a intención do Deputado era unha reunión co goberno local, para iso non é necesario andar cunha furgoneta de aquí para  ala como se os Deputados foran feirantes ou vendedores de aspiradoras americanas. As administracións teñen despachos e unha maneira formal de reunirse, e no caso que nos ocupa suponse que hai unha oficina en Barro, suficientemente preto como para o noso alcalde se achegue as veces que faga falla.

  De feito xa o fixo.  Cómpre recordar que a posibilidade de crear unha comunidade enerxética en Ribadumia co apoio da Deputación  xa se puxo enriba da mesa fai un ano,  xa  se produciron reunións con foto e anuncios a bombo e pratillo , como as comunicadas en xuño e setembro do ano pasado, e xa se puxeron placas solares e suponse que se está traballando nunha comunidade enerxética local. Polo tanto, a que veu Tourís a Ribadumia?  Que veu impulsar e informar que non informara nas xuntanzas producidas anteriormente? A parte de para facerse fotos, para que serviron os escasos quince  minutos que estiveron no Salón de Plenos?

   Dende Somos Ribadumia non aceptamos este tipo de bromas de mal gusto, nin podemos validar o que claramente é unha campaña de Javier Touris para promover a súa carreira política persoal. Se quere  ser o próximo presidente da Deputación ou o próximo alcalde de Vilanova que fale con Gonzalo Durán e co Partido Popular, pero que non tire recursos públicos en campañas de autobombo. E se en realidade quere impulsar a creación de comunidades enerxéticas, que faga o traballo ben,  e se deixe de tanta foto. Sabemos que a implicación local é necesaria, pero igual antes de acender a furgoneta hai que facer un traballo previo cos Concellos, para que non vivamos o absurdo que vivimos esta semana  en Ribadumia.

   Para rematar. Dende Somos Ribadumia temos moi presente que o señor Castro  anunciou a creación dunha Comunidade Enerxética.   Pero de momento o único que fixo foi repartir uns cantos paneis solares polos tellados do Concello, na maior parte dos casos desaproveitando boa parte deses tellados con instalacións de poucos paneis e con escasa relevancia enerxética que malamente van supor algo de aforro neses edificios, polo que difícilmente se vai poder conformar unha comunidade enerxética. Non consta ningún tipo de acción máis, nin reunións con propietarios de tellados nin xuntanzas con comerciais, hosteleiros ou particulares. Outro Bluff do goberno local que unicamente quería colocar uns titulares de prensa e aparentar que facía algo e de paso axudar a Javier Tourís a facerse catro fotos máis,  pero que en realidade non ten intención de facer nada de proveito. Pola nosa banda animamos só señor Castro a deixarse de tanta acción de propaganda e a tomarse o tema en serio, dar os pasos correctos e poñer enriba da mesa un proxecto serio con prazos e fondos para desenvolvelo.

Propoñemos que o Concello saque a concurso público todos os alumeados decorativos, dende o de Nadal aos das festas parroquiais.

  • Propoñemos unificar todos os alumeados decorativos que se colocan ao longo do ano nun lote.
  • Aforrar cartos, e facilitar a xestión a través dun contrato por varios anos.
  • Mellorar a relación calidade-prezo dos alumeados e axudar ás comisións de Festas.

  Dende Somos Ribadumia propoñemos seguir a estela doutros concellos, reunindo os diversos alumeados que se colocan ao longo do ano en Ribadumia nun único lote e sacar o seu alugueiro a concurso público.

  Os alumeados decorativos, con independencia de se falamos dos de Nadal ou das diferentes festas e eventos que un Concello acolle ao longo do ano, son un elemento case imprescindible por moitos motivos. Animan e convidan a saír a rúa e a participar do ambiente festivo, sexa no Nadal ou durante outras datas remarcadas. Serven para indicar que nun lugar ou parroquia están de celebración,  para orientar ás visitas  cara a zona central do evento, onde normalmente se desenvolven as verbenas e actos festivos e  para dar ambiente e para animar á participación.   Polo tanto, o alumeado é unha parte fixa do orzamento de calquera comisión de Festas e tamén dun Concello.

   Centrándonos no que afecta á administración local ribadumiense, o Concello leva anos colocando  o alumeado no Nadal, na Festa do Tinto e na Festa do Pan. As luces, como ven sabemos en Ribadumia, son un elemento decorativo que a veciñanza mira e valora, e polo tanto compre ser moi escrupuloso a hora de xestionar este tipo de decoracións. Dito doutro xeito, cos alumeados municipais hai que saber o que se fai, e  non se trata de gastar pouco ou moito, senón de gastar ben, e poñer unha decoración axeitada ao momento.

   En Ribadumia, segundo os datos que nós temos, aportados polo goberno local, o alumeado da Festa do Tinto do ano 2022 custou 7.139 €, o de Nadal segundo o último dato dispoñible – a Conta Xeral do ano 2023 –  no 2023 custou 28.690 €, neste caso debemos entender que ademais de alumado inclúense no gasto outros elementos decorativos colocados na Praza do Concello, e o alumeado da Festa do Pan  no 2022 tivo un custe de 2.420 €. En total podemos dicir que o Concello gasta cada ano ao redor de 40.000 € en alumeados decorativos.

  Con este dato, o Concello de Ribadumia é dos Concellos da comarca que máis cartos gasta por habitante neste concepto, ao redor de 7€/habitante. Outros Concellos gastan ao redor de 4-5€/habitante incluso menos. Pero neste caso queremos reseñar, por que nos parece que é  o exemplo que resulta interesante seguir, o caso de Vilagarcía. O seu goberno local saca a concurso de maneira anual  o alumeado para as súas Festas de Nadal, Santa Rita e San Roque, logrando no 2023 situar o contrato nos 95.000 €,  unha cifra a destacar tendo en conta o tamaño do Concello e a cantidade iluminación disposta, e que ten dous grandes eventos a parte do Nadal cubertos por ese contrato. En resumo no 2023 supuxo un esforzo de 22’5 €/habitante. Logo no 2024 o contrato subiu ata os 115.000 €, motivado maiormente por un aumento nos elementos contratados, pero con todo o custe por habitante mantívose nos 3€.

  Só con estes datos, estaría máis que xustificado instar ao Concello de Ribadumia a sacar a concurso o alumeado dos seus eventos nun único lote e buscando a mellor relación calidade e prezo. Pero dende a nosa formación pensamos que é unha boa oportunidade para ir algo máis aló.

   Cada ano ás comisións de festas parroquiais resúltalles máis difícil organizar as festas en cada lugar. Hai moitos motivos, pero os máis salientables son dous: burocráticos e económicos. Cada vez máis papeleo, máis seguros, máis autorizacións, e por outra banda cada vez as verbenas no seu conxunto saen máis caras, ao que hai que sumar o resto actividades que se organicen para cada ocasión, dende misas, alboradas, desfiles de bandas …

   Cómpre ter en conta que as  pequenas festas parroquiais forman parte da nosa identidade cultural como pobo e son un ben social a conservar. Son eventos que unen e que reúnen a familias e veciñanza, e ademais moven a economía local. Dende o noso punto de vista, sen ir máis aló, son moitos os motivos polos cales as administracións deberían facer un esforzo moito maior na preservacións destes eventos locais.

   Neste caso nós propoñemos algo moi sinxelo e economicamente perfectamente viable, que suporía unha axuda pequena, pero sen dúbida ben recibida polas comisións de festas do noso Concello. En Ribadumia actualmente contabilízanse un ano normal seis verbenas, sen contar Santa Marta nin a romaría da Carballeira de Ribadumia, e xa se perderon algunhas, como a de Besomaño. Se temos en conta que o custe dun alumeado pode chegar aos 1.000 € por verbena, máis incluso dependendo dos días de festa que sexan, estamos falando de que as verbenas e romarías que temos no concello  conlevan pouco máis de 5.000 € cada ano.  Dende Somos Ribadumia pensamos que nun contrato  sacado a concurso sería factible que polo que hoxe por hoxe gasta o Concello nos seus propios eventos, se puidera conseguir un contrato que incluíse o alumeado de todas  esas festas, e en último caso a diferenza económica é perfectamente asumible.

  Quedaríanos falar doutros eventos organizados por outros colectivos, como a concentración moteira ou algún evento local máis como a “ruada das gotas” ou algunha actuación de verán que puidera xurdir, que tamén se podería, cun correcto traballo de previsión,  ter en conta.

  Reunir todas estas necesidades de alumeado nun lote e sacalos a concurso público ao noso entender tería varias vantaxes. A primeira e máis evidente a posibilidade de conseguir mellor prezo, máis aínda negociando todo nun único lote. A segunda, polo mesmo motivo,  sería a posibilidade de lograr unha excelente relación calidade-prezo, e ter así acceso a uns alumeados de calidade durante o tempo que se estime oportuno sen necesidade andar negociando cada ano e para cada evento. Ademais a través das propias cláusulas e das melloras que se oferten sempre será posible obter melloras en canto cantidade de elementos ou aquelas cuestións que se consideren. Polo tanto, un concurso cunhas cláusulas ben elaboradas, dentro dunha lóxica razoable, permitirán ter durante anos solucionada a cuestión de todos eses alumeados, con garantías de calidade e cantidade e asumibles economicamente . Ademais diso estaríaselle dando unha axuda ás comisións de festas e entidades que organizan eventos máis aló do custe económico, pois tamén lles estariamos aforrando traballos e burocracia. 

   En resumo, dende Somos Ribadumia consideramos que sería moi positivo sacar a concurso nun único lote todo o alumeado de Nadal cos añadidos decorativos, o alumeados da Festa do Tinto e do Pan, e  o alumeado de todas as festas parroquiais, romarías e outros eventos que requiran deste tipo de iluminacións, e por este motivo vimos de presentar por rexistro unha proposta para o seu debate plenario que recolle este plantexamento.

A finais de xaneiro e as axudas a entidades e clubs  do ano 2024 sen pagar. INACEPTABLE.

·       Unicamente se adiantou o 25% inicial, e moi tarde.

·       O prazo para xustificar as axudas e poder cobralas rematou o 30 de novembro, e hai partida dende xullo,  pero os cartos seguen sen chegar.

·       David Castro castiga aos colectivos intencionadamente, e culpa a persoal municipal de non facer os pagos que el mesmo ten bloqueados.

·       A situación é inaceptable e completamente excesiva. Pedimos a David que pague de maneira inmediata  o que debe,  que dea a cara e explicacións ante a veciñanza, e que asuma as consecuencias políticas deste desastre de xestión.

 Dixémolo en decembro, tamén antes, pero temos que volver poñer o foco na situación de abandono intencionado na que o goberno do Señor Castro mantén aos colectivos do noso Concello.

   A día de hoxe, cando o goberno debería ter enriba da mesa a aprobación do 15% do último tramo das axudas do 2024 que se reserva para as actividades realizadas  en decembro, ten o resto sen pagar.  Unicamente, e xusto despois de que dende Somos Ribadumia fixeramos pública a situación o pasado decembro, David deu orde de pagar o 25% inicial, que segundo as bases se tería que ter pagado inmediatamente despois de aprobarse as axudas o 14 de outubro, pero non pagou o resto ata chegar ao 85% da partida, a pesar de que o 30 de novembro rematou o prazo para a xustificación das axudas.

  Así pois, con xaneiro de 2025,  os colectivos que realizaron actividades no 2024 aínda non cobraron as axudas que lles corresponden. E non falamos únicamente de clubs deportivos, colectivos  como  ESMAR,  unha entidade de axuda a mulleres víctimas de violencia de xénero, que precisa deses escasos recursos para poder atender as súas mulleres, tampouco recibieron a súa axuda. E o mesmo co resto de colectivos sociais, culturais, deportivos…

Isto está provocando que algunhas desas entidades valoren suspender as súa actividade ante a inseguridades económica que o goberno de David Castro  está provocando.

  O máis lamentable é que non hai nin escusa nin explicación posible que xustifique este retraso nos pagos aos colectivos do noso concello, David Castro retén estés fondos de maneira intencionada para castigar a todos estes colectivos, pois mantén enfrontamentos con todos eles, sexa por unhas cousas ou sexa por outras. David Castro, actúa ademais covardemente, pois temos constancia de que aos colectivos estáselle dicindo dende  o goberno local que non cobran “por culpa de persoal municipal que ten parados os pagos”, algo que é totalmente falso, pois quen aproba os pagos é o alcalde e a Xunta de Goberno Local.

  Por ese motivo, pedimos a David Castro o mesmo que lle pedimos en decembro,  que antes de nada e de xeito inmediato pague  todo o que ten atrasado, e despois que dea a cara e explique  publicamente por que motivo somete aos colectivos a este castigo. Se o motivo é a incompetencia política, que asuma responsabilidades, que por algo é alcalde, e cese á concelleira de Contas,  e se o motivo é interese político ou mesmo os seus odios persoais, que dimita el directamente.