Category: Sen clasificar
David Castro obrigado a convocar un Pleno de urxencia para non perder axudas pola súa mala xestión.

- David Castro intentou ocultar a realidade da situación, con miles de euros en xogo pola súa incompetencia.
- Esperpento e ridículo coas convocatorias de Pleno.
- David Castro confirma todas as deficiencias detectadas por Somos Ribadumia na Conta Xeral do 2023.
Esta semana vivimos un novo episodio de comedia inglesa, co goberno dando bandazos incapaz de corrixir os seus propios erros.
De inicio o goberno local pretendía levar a Conta Xeral do ano 2023 a Pleno sen resolver as alegacións presentadas nin aclarar os erros expostos pola nosa formación, que ían dende a falta de Informes ata a falta de ingresos declarados ou pagos e débedas recoñecidas con Independientes por Ribadumia. Ante o evidente da ilegalidade, convocaron unha Comisión Especial de Contas de urxencia, a todo correr, onde por un lado confirmaron que todo o exposto nas nosas alegacións era correcto, e polo outro, sen ningún tipo de votación por parte dos membros da Comisión ditaminouse, non se sabe por quen, o desestimamento das alegacións.
Detrás de todo isto chegou unha convocatoria de Pleno para este xoves as 14:30 horas, seguindo a estratexia de Plenos anteriores de intentar minimizar a presenza dos membros da oposición, en concreto de Sergio Soutelo, a quen David Castro teme. Pero resultou que a convocatoria foi realizada fóra de prazo, polo que solicitamos a súa suspensións e unha nova convocatoria para ter tempo abondo a preparar o pleno. Ata ese momento dende o goberno ninguén declarou que houbese ningunha urxencia por aprobar a Conta Xeral esta semana, cando total xa está fóra de todos os prazos legais de aprobación.
Cal foi a nosa sorpresa ao encontrarnos con que Alcaldía modificou a convocatoria, dándonos a razón unha vez máis e admitindo que era errónea, aparecéndonos cunha nova convocatoria para quince minutos despois do establecido na convocatoria anterior, toda unha tomadura de pelo, e ademais elevándoa ao carácter de Urxente, o cal obrigou a xustificar a urxencia.
E aquí foi onde saltou a lebre que o señor Castro pretendía ocultar : Hai varias axudas en risco de perderse por non ter aprobada a Conta Xeral de 2023, ata o punto que o prazo para presentar a documentación dunha desas axudas vence este venres, e o resto nos próximos días.
Así pois, o primeiro é lamentar a penosa xestión do goberno local, que xa non é que aprobe a Conta Xeral tarde, é que a aproba únicamente obrigado polo risco inminente de perder axudas.
Ademais , a xestión do proceso é irrisoria, pois podería convocar o Pleno de Urxencia dende o primeiro momento, pero as súas ansias por ocultarlle á opinión pública e a oposicións as vergoñas da súa xestión levarono ao absurdo este de convocar un Pleno tarde e mal para as 14:30, e logo corrixirse e convocalo a todo correr para o mesmo día pero as 14:45 horas.
Con independencia disto, dende a nosa formación solicitamos saber cáles son axudas que corren risco de perderse e as cantidades de cartos afectadas, pero o goberno, logo de comprometerse a entregar esa documentación como moi tarde as dúas da tarde, non a entregou, evitando así que sepamos o grao de fondura na metedura de pata, pero que poden supoñer cifras que ronden os 50.000€ en fondos públicos.
O segundo que temos que decir é que nos parece inaceptable que despois de admitir en Comisión e tamén no Pleno os erros na Conta Xeral expostos pola nosa formación, non se aceptará realizar a súa corrección, aprobando un documento que na práctica é un documento falso.
E en terceiro lugar, debemos lamentar as actitudes do señor Castro criticando a Somos Ribadumia por facer o noso traballo. Pero en verbas de Sergio Soutelo “ A realidade é que no propio Pleno foi o alcalde, o que nos deu a razón públicamente en todo o que dixemos, confirmando que actuamos correctamente, que tiñamos razón cando dixemos que había erros, e que tiñamos razón cando dixemos que o Pleno estaba mal convocado, e destras del toda oposición corrobou que hai erros na Conta Xeral. E hai que remarcar que gracias a Somos Ribadumia fíxose público que o goberno non cumpre os prazos legais. Gracias a Somos Ribadumia é publico que o goberno local falsea os números. E gracias a Somos Ribadumia agora sabemos que se a Conta Xeral non se aprobara hoxe, mañá perderíanse miles de euros pola incompetencia do Señor Castro”.
Do debatido no Pleno, en especial do relativo á Conta Xeral e as mentiras verquidas pola concelleira de Contas aproveitando a ausencia de Sergio Soutelo por motivos laborais falaremos con máis calma nos próximos días.
Lamentamos o retroceso na solución aos verquidos no Umia.

- As respostas e solucións aportadas implican asumir que o novo bombeo foi un fiasco .
- Retorno ao punto de partida de 2016, sen solucións claras e sen que ninguén asuma responsabilidades.
- David Castro ausente da xuntanza que el mesmo solicitou. Inaceptable.
Esta semana produciuse a xuntanza solicitada polo presidente da Mancomunidade, David Castro, entre ese ente e Augas de Galicia, para analizar o problema dos verquidos do bombeo de Cabanelas.
O primeiro que debemos lamentar é o inaceptable comportamento de David Castro, que non participou na xuntanza que el mesmo solicitou, na cal ademais se tratou un asunto de gravidade que afecta directamente ao noso Concello. Tampouco nos parece de recibo que non asistise a Conselleira de Medio Ambiente Ángeles Vazquez, ou Gonzalo Durán, que ata agora aparecía para todas as fotos e anuncios relacionados con este tema.
En todo caso o máis inaceptable é a ausencia do presidente da Mancomunidade. Como sempre David Castro, cando debe estar, non está. Dende o noso punto de vista, este comportamento, ademais de irresponsable é unha tomadura de pelo á propia mancomunidade e a toda a veciñanza, polo cal debería dimitir como Presidente da Mancomunidade de maneira inmediata, pero asumimos que non o vai facer porque carece de calquera ética ou moral e só quere ser presidente para intentar mellorar a súa imaxe pública, algo que por certo está lonxe de lograr con esas actitudes, do mesmo xeito que o PP sigue sen poñer orde no despropósito no que se converteu o PP a nivel comarcal, con alcaldes enfrontados, cargos que van por libre, e outros que non aparecen nin para dar a cara ante a veciñanza.
Do que transcendeu desa xuntanza, dende a nosa formación non podemos aceptar que que despois de gastar 950.000 € se nos diga que agora hai que analizar as redes de saneamento. Nós temos moi boa memoria, e para o caso a hemeroteca está aí. Suponse que tanto Augas de Galicia como a empresa concesionaria xa analizaron a rede de saneamento como tamén se supón que cando se elaborou o proxecto para o cambio do bombeo se fixeron os estudos e cálculos correspondentes para que esa obra solucionase o problema, e de feito recordemos que a obra anunciouse en todo momento como a solución aos verquidos, algo que está moi lonxe de ter acontecido.
Así pois todo o que está dicindo agora, que hai que analizar a rede de saneamento ou que hai que tomar medidas contra as industrias contaminantes resulta inaceptable por que non é nada novo, por que implica asumir que a obra foi un fiasco monumental e porque nos leva de volta ao ano 2016, supoñendo unha perda de cómo mínimo nove anos. E veremos canto tarda a solución en chegar, ou se finalmente se toman medidas efectivas contra as empresas contaminantes, cousa que dubidamos, polo que resulta de todo inaceptable que non se depuren responsabilidades políticas.
Dende Somos Ribadumia volvemos insistir en que todo isto é unha cara tomadura de pelo, que deu como resultado un verquido continuo ao río Umia sen que ninguén se faga cargo nin asuma consecuencias e con cargos políticos, como David Castro, Alcalde de Ribadumia e Presidente da Mancomunidade do Salnés, Gonzalo Durán, autoproclamado impulsor do proxecto de renovación do bombeo de Cabanelas como ”solución definitiva” ou a Conselleira de Medio Ambiente Ángeles Vazquez, desaparecidos.
E polo tanto, volvemos esixir responsabilidades políticas e solucións inmediatas e concretas.
A Conta Xeral de 2023, tarde, mal, arrastro, e sen avalar por Intervención.

- Pretende aprobar a Conta Xeral do ano 2023 sen informes de Intervención e ocultando información e documentación imprescindible.
- Outra volta, con documentos mal elaborados e partidas sospeitosas.
- Pagos “extraños” a IR e ingresos sen declarar.
Un ano máis David Castro presenta para o trámite de aprobación unha Conta Xeral con máis de un ano de retraso. Neste caso referímonos á Conta Xeral do ano 2023, que leva en exposición pública dende o 24 de xaneiro e que está previsto que vaia a Pleno a semana próxima.
Dende Somos Ribadumia tomámonos moi en serio a xestión económica do Concello, por iso non podemos aceptar a maneira na que se están facendo as cousas. De partida, a Conta Xeral debería estar dispoñible no portal de transparencia da web do Concello tal como recolle o edicto publicado o pasado 24 de xaneiro do BOPPO, asinado polo propio alcalde. De feito, e así o fixemos constar no escrito de alegacións presentado. na web do Concello nin sequera consta o edicto co anuncio do período de exposición pública, un exercicio de oscurantismo , que ademais é ilegal.
Pero o problema non é so de falta de transparencia. No expediente achegado a Sergio Soutelo, faltan documentos de obrigada presencia, como a Memoria Explicativa, que debe aclarar o documento e certificar que cumpre a lei e que todo esta correcto, e o informe da Comisión Especial de Contas. Tampouco se aportan as certificacións bancarias, unicamente as anotacións elaboradas por Intervención, pero que non están certificadas polas entidades bancarias como corresponde, polo que non teñen garantías de ser correctas. Estás deficiencias xa as detectamos no proceso coa Conta Xeral do 2022, pero o señor Castro insiste unha vez máis en estar por enriba da lei.
En resumo, David Castro pretende aprobar un documento da importancia da Conta Xeral sen contar cos imprescindibles informes e certificacións que aseguren que o que pon nos documentos se corresponde coa realidade, algo totalmente fora da lei e que deixan esa Conta Xeral en papel mollado.
Por se non fora bastante, resulta que hai erros na documentación contable, algúns realmente graves e/ou moi sospeitosos, máis faltando a Memoria Explicativa que xustifique o que aparece nos papeis. Hai anotacións de partidas económicas que -entendemos por un erro de transcrición – aparecen sen identificar. Outras, directamente faltan, como certos ingresos, por exemplo os correspondentes coa venta de lotería para a Festa do Tinto. Non é unha cantidade importante, pero a onde foron os cartos? E cantas partidas máis hai incorrectas? Porque vendo estes erros documentais e en ausencia de informes de Intervención é difícil non ter dubidas sobre o que a priori está correcto.

Outras partidas que chaman a atención son as relativas as aportacións aos grupos políticos. Ademais de que dous partidos , Xuntos e BNG e os concelleiros que os representan non aparecen na Conta Xeral cando deberían por que lles corresponden as aportacións dende xullo a decembro , aparecen pagos e débedas inxustificadas con IR, o anterior partido de David Castro, do que el é presidente dende novembro de 2022 -antes o presidente era Feliciano Barral- . En conxunto duplicase – aparentemente – unha partida que non se debería alterar por que a Corporación ten os mesmos grupos políticos e concelleiros que no mandato anterior, aparece duplicada e con pagos sen aclarar.

Por estes motivos, dende Somos Ribadumia presentamos dentro do período o correspondente escrito de alegacións, pedindo que se paralizase o proceso e se volvera iniciar incluíndo no expediente a documentación necesaria, e expoñendo uns erros que en todo caso deberán resolverse en Comisión Especial de Contas antes do Pleno.
Inútil visita da furgoneta do Plan +Renovables e de Javier Touris a Ribadumia.

- Non se informou á corporación nin a veciñanza da data da visita.
- Non se deu información precisa sobre o contido visita nin se contou con posibles sectores interesados, nin se convidou asociacións veciñais, a colectivos ou a particulares ou empresas interesadas.
- Moita foto pero cero traballo. Pura promoción particular de Javier Tourís.
- Esiximos seriedade e rigor no uso de recursos públicos.
- Esiximos a David Castro que avance na creación dunha Comunidade Enerxética que él mesmo anunciou fai meses.
Dende Somos Ribadumia non podemos deixar de amosaron noso asombro ante o que vestido de campaña de impulso á creación de Comunidades Enerxéticas, resulta ser unicamente unha campaña de autobombo e autopromoción dun Deputado provincial, Javier Tourís, que vai de Concello en Concello facéndose fotos pero aportando moi pouco ou, como no caso de Ribadumia, nada.
Vaia por diante que dende o noso partido estamos moi a favor da creación de Comunidades Enerxéticas que permitan facer fronte aos problemas do custe da enerxía. Nese senso valoramos positivamente a aposta da Deputación por impulsar este tipo de comunidades. O que non podemos aceptar é que se lle tome o pelo á nosa veciñanza.
A visita da furgoneta da Deputación, que supostamente a parte de ao Deputado Javier Tourís, leva persoal técnico experto e capacitado para dar información sobre este tipo de Comunidades Enerxéticas e como poñelas en marcha, non foi anunciada previamente, nin se acompañou dun traballo de información pública para captar colectivos interesados ou persoas interesadas ou empresas ás que dar información.
O resultado foi unha visita, que ten o seu custe económico, dobremente inútil, pois o goberno local nin sequera tivo a elegancia e a profesionalidade de convidar aos membros da Corporación e aproveitar para traballar sobre a situación en Ribadumia. Ademais, se a intención do Deputado era unha reunión co goberno local, para iso non é necesario andar cunha furgoneta de aquí para ala como se os Deputados foran feirantes ou vendedores de aspiradoras americanas. As administracións teñen despachos e unha maneira formal de reunirse, e no caso que nos ocupa suponse que hai unha oficina en Barro, suficientemente preto como para o noso alcalde se achegue as veces que faga falla.

De feito xa o fixo. Cómpre recordar que a posibilidade de crear unha comunidade enerxética en Ribadumia co apoio da Deputación xa se puxo enriba da mesa fai un ano, xa se produciron reunións con foto e anuncios a bombo e pratillo , como as comunicadas en xuño e setembro do ano pasado, e xa se puxeron placas solares e suponse que se está traballando nunha comunidade enerxética local. Polo tanto, a que veu Tourís a Ribadumia? Que veu impulsar e informar que non informara nas xuntanzas producidas anteriormente? A parte de para facerse fotos, para que serviron os escasos quince minutos que estiveron no Salón de Plenos?
Dende Somos Ribadumia non aceptamos este tipo de bromas de mal gusto, nin podemos validar o que claramente é unha campaña de Javier Touris para promover a súa carreira política persoal. Se quere ser o próximo presidente da Deputación ou o próximo alcalde de Vilanova que fale con Gonzalo Durán e co Partido Popular, pero que non tire recursos públicos en campañas de autobombo. E se en realidade quere impulsar a creación de comunidades enerxéticas, que faga o traballo ben, e se deixe de tanta foto. Sabemos que a implicación local é necesaria, pero igual antes de acender a furgoneta hai que facer un traballo previo cos Concellos, para que non vivamos o absurdo que vivimos esta semana en Ribadumia.
Para rematar. Dende Somos Ribadumia temos moi presente que o señor Castro anunciou a creación dunha Comunidade Enerxética. Pero de momento o único que fixo foi repartir uns cantos paneis solares polos tellados do Concello, na maior parte dos casos desaproveitando boa parte deses tellados con instalacións de poucos paneis e con escasa relevancia enerxética que malamente van supor algo de aforro neses edificios, polo que difícilmente se vai poder conformar unha comunidade enerxética. Non consta ningún tipo de acción máis, nin reunións con propietarios de tellados nin xuntanzas con comerciais, hosteleiros ou particulares. Outro Bluff do goberno local que unicamente quería colocar uns titulares de prensa e aparentar que facía algo e de paso axudar a Javier Tourís a facerse catro fotos máis, pero que en realidade non ten intención de facer nada de proveito. Pola nosa banda animamos só señor Castro a deixarse de tanta acción de propaganda e a tomarse o tema en serio, dar os pasos correctos e poñer enriba da mesa un proxecto serio con prazos e fondos para desenvolvelo.
