Category: Sen clasificar
David Castro ten paralizada unha modificación de crédito de 840.000€ dende decembro.

- A modificación, aprobada a toda a presa en decembro, ficou paralizada ao non levarse a Pleno as alegacións presentadas.
- 840.000 € parados e sen poder usarse pola incompetencia do señor Castro.
- David Castro oculta as facturas afectadas por esa modificación de crédito.
Tres meses e medio despois de que o goberno do señor Castro aprobara a última modificación de crédito, por un valor de 839.628,16 €, esta segue sen facerse efectiva.
O motivo de que a modificación de crédito estea paralizada é que o señor Castro está incumprindo a súa obriga de levar a Pleno as alegacións presentadas ante ese documento, en concreto as presentadas pola nosa formación.
Compre aclarar que as Modificacións de Crédito, unha vez aprobadas en Pleno deben pasar por un período de alegacións, que no caso de producirse, deben solventarse de maneira obrigatoria en Pleno antes de que a modificación quede definitivamente aprobada e o goberno poida facer uso dos cartos. De feito, sendo estritos coa interpretación da lei, as alegacións deberían resolverse como no caso das alegacións ao Orzamento Anual dos Concellos no prazo de un mes a partir do final do período para alegar, algo que non sucedeu e que debería dar por decaída a modificación de crédito, pero ante a ausencia de comunicación neste senso por parte do goberno debemos interpretar que David Castro unha vez máis ignorou esta cuestión.
Dende a nosa formación, votamos en contra no seu momento e despois presentamos alegacións entre outras cousas en base ao mesmo motivo que é a falta de transparencia a hora de determinar o destino dos cartos. Tal é así que a pesar de ter solicitadas as facturas e partidas específicas afectadas por esa modificación de crédito antes do Pleno que recordemos se celebrou o pasado 17 de decembro, a día de hoxe non se nos entregou esa documentación, nin a nós nin a outras formacións da oposición que taména solicitaron, e que debería aclarar en que se pretende meter 840.000 €, unha cifra considerable que implica aumentar o gasto do orzamentado para o 2024 un 17%.
A modificación contiña máis irregularidades, como que se incumpre o principio de sustentabilidade e de feito, resultaba imposible dende o legal acudir ao remanente para facer fronte a esta modificación de crédito ao non terse aprobada a Conta Xeral do ano anterior e non poderse determinar se o remanente tiña nese momento fondos suficientes para facer fronte a estes 840.000€.
Hai que ter en conta tamén que parte deses fondos tiñan como destino recuperar a capacidade de varias partidas económicas esgotadas polo exceso de gasto, que ao non poder facer uso da modificación de crédito quedan inhabilitadas, co cal o Concello non ten capacidade para facer fronte aos gastos imputables a esas partidas.
A realidade, en calquera caso, é que estamos rematando marzo, pasaron tres meses e medio dende a aprobación inicial desa modificación de crédito, e eses 840.000 € están paralizados, salvo que o señor Castro tivera a ocorrencia de usar eses fondos de maneira totalmente fraudulenta, algo que non podemos saber porque outra cousa que nos esta ocultando o señor Castro a pesar de terllo solicitado en xaneiro é o estado de execucións das partidas económicas a día 31 de decembro. Dáse a circunstancia de que polo medio xa se celebraron dous plenos sen que o goberno local solucionase esta situación polo que para nós esta maneira der actuar é totalmente inaceptable, pois non esquezamos que, incluso sen saber o detalle, sabemos que boa parte deses cartos estaban destinados a pagar facturas con empresas, moitas delas do noso Concello.
Dende Somos Ribadumia volvemos pedirlle ao señor Castro seriedade e rigurosidade nas obrigas do cargo, que entregue a documentación que nos está negando, que leve as alegacións da modificación de crédito a Pleno e que aporte os informes que invalidan esas alegacións ou no seu caso, decrete o desestimento da modificación de crédito e volva iniciar o proceso ou no seu defecto que presente o orzamento para o nao 2025, que prometeu para inicio do ano e xa vai alo un trimestre sen que saibamos nada del.
David Castro advertido xudicialmente por non pagar a indemnización a unha extraballadora.

- O prazo para pagar os 30.100 € venceu o 14 de marzo.
- A negativa a pagar do señor Castro aumenta o custe para as arcas municipais e pode rematar nun embargo de bens públicos.
- A xuiza xa decretou un segundo prazo de un mes, con pago de intereses e advertencia de outras medidas.
- David Castro segue antepoñendo as súas ideas vingativas por enriba da xestión municipal.
Este pasado xaneiro facíamos público o desestimento de David Castro ante unha sentenza que obriga ao Concello de Ribadumia a aboar unha indemnización de 30.100 € a unha traballadora, logo de cinco anos de gastos nunha loita meramente personalista.
Contábamos que ese sería o final desta historia, pero o señor Castro segue encirrado en negarlle a esta extraballadora os seus dereitos, e de paso en aumentar os custes para o noso Concello dunha historia que nunca debería ter chegado a un xulgado.
O pasado 14 de marzo cumpriuse o prazo para pagar a indemnización a esta traballadora, pero o señor Castro fixo oídos xordos ao mandato xudicial e non pagou a indemnización. Ao actuar deste xeito o único que conseguiu foi que a afectada presentase unha solicitude de execución de sentenza, que xa tivo resposta por parte da xuiza este pasado venres, requerindo o pago da indemnización, cos correspondentes intereses de mora, no prazo de un mes, coa advertencia de que no caso de non cumprirse a sentenza poderá haber outras consecuencias, polo que se David Castro insiste en non pagar o que debe, o Concello podería rematar cunha intervención dos bens públicos. En calquera caso, de partida aos 30.100 € agora hai que sumarlle os intereses xerados por non pagar en tempo e forma, así que á veciñanza xa lle está saíndo máis caro, e sen ningún tipo de xustificación. Recordemos que cada euro que David Castro mete en avogados e en procesos deste tipo, pérdese de investir noutro tipo de actuacións en beneficio de toda a veciñanza.
Dende Somos Ribadumia condenamos as actitudes e actos do señor Castro, carentes de calquera ética e dignidade, e moi contrarios ao sentido da responsabilidade que se agarda dun alcalde, e pedímoslle que deixe de unha vez as guerras persoais, pague o que corresponde, ademais neste caso motivado pola súa incompetencia, e que asuma as responsabilidades políticas dos seus feitos..
Somos Ribadumia participamos nun encontro con forzas municipalistas de toda Galicia .

- A xuntanza tivo lugar en Monforte de Lemos, e reuniu a candidaturas de toda Galicia.
- Acordo para impulsar un proceso de confederación de proxectos locais.
Este pasado sábado en Monforte de Lemos, candidaturas municipalistas de toda Galicia mantivemos un encontro co obxectivo de avanzar nas relacións entre nós e impulsar un proceso de confederación de proxectos locais. Pola banda de Somos Ribadumia estiveron presentes o noso Voceiro Enrique Oubiña e o noso Concelleiro Sergio Soutelo, que valoraron moi positivamente o encontro.
Ao longo desta xuntanza, onde estivemos representadas agrupacións de máis de vinte Concellos, tanto na oposición como gobernando, avaliáronse as diferentes situacións que temos nos nosos respectivos concellos, e concordamos na necesidade de seguir tecendo rede entre os proxectos municipalistas, para apoiarnos nun traballo local que, moitas veces, se topa cun caciquismo moi asentado e cunhas corporacións inmobilistas nos lugares onde estamos na oposición e con falta de apoio e as veces incluso información en temas concretos nos Concellos onde gobernamos. Así, acordamos avanzar nunha confederación de forzas locais para apoio mutuo a nivel de traballo municipal e asistencia xurídica, dando continuidade e homoxeneizando os diversos grupos que levamos anos xa colaborando entre nós.
De cara as Eleccións Municipais de 2027, as candidaturas asistentes decidimos avanzar nunha fórmula electoral de coalición que permita o mantemento das marcas locais consolidadas e, ao tempo, a suma dos votos de cara a escolla de deputados/as provinciais. As candidaturas asinantes cremos que “é posible aumentar a pluralidade política e a transparencia nas catro deputacións, podendo deste modo, levar alí as problemáticas que sofren os nosos concellos no día a día e son da súa competencia”.
Deste xeito, tamén consideramos relevante presentarnos unidas por que permite visualizar a suma total dos votos a estes proxectos que, en conxunto, representan a cuarta forza política do País, sendo, en moitos concellos, a segunda forza.
Caracteriza aos proxectos locais presentes o combate frontal contra o caciquismo, a pésima xestión dos recursos locais e a parálise institucional e a participación no asociacionismo de base, sendo, fundamentalmente, veciñanza que quere un futuro xusto para os seus Concellos. Con este paso que avanza na coordinación a nivel galego, mantense a soberanía das localidades no seu ámbito de actuación e búscase apoio mutuo e suma de forzas, no espíritu das Irmandades que, precisamente, se xuntaron en Monforte hai máis dun século.
Para as candidaturas presentes “este é un chamado á cooperación dos proxectos de base e aos movementos da cidadanía para, desde os concellos, construír unha ferramenta plural ao servizo do país no seu conxunto e da nosa veciñanza no ámbito máis local, partindo da base de que só coa expansión do espazo político galego é posible un cambio de rumbo en Galicia aumentando a pluralidade política e o entendemento entre as forzas transformadoras e para mobilizar abstencionistas, xente descontenta co escenario político actual de crecente desafección, e a convencer votantes doutras forzas de que hai unha alternativa galega construída por veciñas e veciños sen dogmatismos nin hipotecas”.
Queremos destacar tamén que que somos forzas “coas xanelas abertas ao diálogo co fin de chegar a puntos de encontro con outras forzas políticas e sociais”.
As candidaturas presentes aproveitamos para amosar o rexeitamento ao proxecto de Altri na Ulloa que vai supor no caso de saír adiante a morte da ría de Arousa, algo que nos afecta directamente.
David Castro négase a buscar fondos para dotar unha nova sede para protección civil.

- Sumámonos a unha moción do PSOE para dotar unha nova sede a protección civil.
- Sergio Soutelo fixo pública a existencia dun acordo previo e dun proxecto para Protección Civil no anexo de servizos sociais.
- Escusas e mentiras do señor Castro para non apoiar a proposta.
- E mentres, para o desfile de entroido houbo que contratar seguridade privada.
No Pleno celebrado oo pasado xoves someteuse a debate e votación unha proposta do PSOE que buscaba dotar a Protección Civil dunha nova sede, logo de que David Castro relegara a esa agrupación ao local social de Besomaño, un lugar pouco indicado que ademais deixou á veciñanza desa parroquia sen o seu local social.
Dende Somos Ribadumia non só apoiamos esa proposta, que instaba ao Concello a dotar térreos ou un local para situar unha nova sede e a buscar apoio económico da Xunta para realizar os investimentos necesarios, senón que propuxemos ampliar o acordo poñendo enriba da mesa unha alternativa xa planificada no 2017, durante o tripartito do que formábamos parte tanto nós xunto á agrupación socialista e David Castro. Unha proposta que o PSOE aceptou de bo grado, non así David Castro.
A realidade, e así o expuso Sergio Soutelo, é que “o local anexo ao edificio que alberga os servizos sociais comunitarios, xa se construíu no seu momento como unha primeira fase dun edificio que prevía levar un primeiro andar onde albergar a Protección Civil. De feito, no Concello debe constar un proxecto básico dese novo local, que no seu momento foi amosado ao presidente de Protección Civil, que o valorou esegue valorando positivamente”.
Compre remarcar que tanto o proxecto como a idea de trasladar a Protección Civil a ese novo local, nun espazo céntrico, con sitio para aparcar os vehículos e moi próximo ao local dos servizos sociais comunitarios, cos cales Protección Civil colabora de maneira habitual, estaba acordado entre os tres partidos do goberno, e mesmo o Partido Popular de Salomé Peña amosara a súa disposición favorable.
Contra todo pronóstico, pois o PP había dado voto favorable na Comisión Informativa, David Castro, que confirmou a existencia da proposta que expuxo Sergio Soutelo chegando incluso a colgarse a medalla da mesma , cambiou o paso, e baseándose en que segundo el non existe o proxecto básico do que falamos dende Somos Ribadumia , él e o seu grupo votaron en contra desta moción, dando a entender que Protección Civil vai seguir onde está e que non ten ningún interese en dotarlles unha sede adecuada, e de feito é evidente polas súas declaracións que ese corpo de voluntarios a David Castro estórballe.
Gastando en seguridade privada.
E mentres o señor Castro continua na súa guerra de desgaste contra Protección Civil, cunha situación de enfrontamento inaceptable, a veciñanza paga as consecuencias con fondos públicos.
O exemplo témolo no pasado desfile de entroido. O Concello, que durante anos tivo a súa disposición á maior agrupación de voluntarios de toda Galicia en Concellos con menos de 10.000 habitantes, véuse obrigado a contratar unha empresa de seguridade privada para cortar as estradas e garantir unha mínima seguridade vial durante o desfile.
Dende Somos Ribadumia non podemos aceptar nin as formas nas relacións do goberno coa agrupación de Protección Civil, nin as escusas absurdas – e tamén falsas – esgrimidas onte no Pleno, atacando a Somos Ribadumia para xustificarse a si mesmo e intentando crear conflitos entre os partidos da oposición.
Dende Somos Ribadumia agradecemos a talante dialógante do PSOE , grazas ao cal pensamos que se someteu a votación unha proposta moi completa, tamén apoiada polo BNG, para un colectivo que cumpre unha función moi necesaria, máis nun Concello sen policía local, e que non merece os desprezos de David Castro.
A nosa posición sempre será a do diálogo en beneficio de Ribadumia e da súa veciñanza. Outros terán que explicar esas ansias destrutivas e de confrontación continúa.
