Category: Sen clasificar

Mentres a Xunta e outros concellos da comarca impulsan a creación de vivenda pública, David Castro mira para outro lado e outros intereses.

·   Vanse construír na comarca do Salnés máis de medio millar de vivendas públicas, en Ribadumia cero.

·   Mentres a Xunta habilita mecanismos de axuda aos Concellos para dotar terreos para vivenda, David Castro mira para outro lado, e négase a levar a Pleno esta cuestión.

·   O alcalde négase a debater a nosa moción propoñendo que o Concello dote terreos para poñer a disposición da Xunta.  

·   Mentres outros Concellos fan os deberes, David Castro está noutros negocios e adícase a facer de axente inmobiliario para unha empresa  do sector xeriátrico.

  Como xa dixemos fai uns meses, Ribadumia está no momento xusto, ademais de reunir outras condicións, de que se constrúa vivenda pública e así, ademais de dar saída a unha necesidade que ten moita xente nova que quere instalarse ou non marchar do noso Concello, aumentar de poboación e estabilizarnos por enriba dos 5.000 habitantes.

  Por ese motivo no pasado mes de decembro, ao abeiro dos anuncios da Xunta de Galicia de impulsar parques de vivendas públicas nos Concellos que quixeran colaborar, presentamos unha moción propoñendo que Ribadumia fose un deses Concellos e xestionase a dotación de terreos que dispoñer a disposición da Xunta de Galicia.

  Meses despois, vemos como cada semana os Concellos da Comarca  do Salnés e a propia Xunta de Galicia anuncian a construción de vivendas que de momento poden superar en conxunto o medio millar de vivendas públicas, agardemos que sexan bastantes máis. Porén, Ribadumia non aparece en ningún deses anuncios.

   Unha situación que nos parece dunha enorme irresponsabilidade, ademais do enésimo exemplo da desidia do señor Castro, que nos deixa fora dos poucos avances que o goberno da Xunta está facendo no noso país. O pasado venres o DOGA publicaba unha  resolución pola que se regula o Programa de oferta de solo de titularidade das entidades locais para a construción de vivenda protexida e se dá publicidade do convenio para asinar entre este instituto e as entidades locais. Un programa que en resumo pretende facilitar o traballo burocrático dos Concellos á hora de poñer a disposición da Xunta parcelas edificables para a construción de vivenda pública.  Pois Ribadumia vai perder ese tren porque David Castro négase a levar a nosa proposta, que encaixa perfectamente no plan da Xunta, a Pleno e por suposto a aprobala polo único feito de que a presentamos nós, e tampouco tomou a iniciativa pola súa conta, deixando o noso Concello fora desta posibilidade, nun Concello onde fai anos que non se levanta un edificio e onde o acceso á  vivenda é un problema importante para moita xente.

Buscando terreos para regalarllos a unha empresa xeriátrica.

  Para o que si dispón esforzos e tempo o señor Castro é para buscarlle terreos a unha empresa xeriátrica que logo de pasear por todos os Concellos da comarca topou en David Castro o axente inmobiliario que precisa. Nas últimas semanas tivemos coñecemento das xestións feitas polo señor Castro para comprar, en Ribadumia e con cargo ás arcas municipais , terreos que poñer a disposición dunha empresa xeriátrica, e así solventar, a conta dos veciños e veciñas de Ribadumia, a proposta  que Sabela Fole lle obrigou a anunciar antes do peche do asilo cambadés e que o resto de Concellos da Mancomunidade, incluídos os do seu partido, xa dixeron que non ven factible.

  Dende Somos Ribadumia entendemos que un alcalde non debe usar o Concello e os recursos públicos para favorecer deste xeito a ningunha empresa privada, menos a empresas con recursos sobrados. Se unha empresa privada desas características quere asentarse no noso Concello, non teremos nada en contra, pero non podemos aceptar  que teña o Concello que comprarlle os terreos e regalarllos como non se lle compran e regalan a ningunha das empresas privadas do noso Concello. No caso de que  goberno local considere a necesidade dun segundo xeriátrico en Ribadumia e polo tanto decida dotar recursos para ese obxectivo,  o xeriátrico que se faga debe  facerse  por iniciativa e cos recursos da Xunta, que é a administración que ten competencias para o tema, con recursos públicos e xestionada  dende o sector público, garantindo a atención de calidade  das persoas usuarias e tamén a accesibilidade para a ampla maioría, algo que non pasa co sector privado, con prezos deshorbitados e unha atención que esta en entredito en demasiados casos.

  E dende logo, consideramos que no momento actual é moito mais urxente en Ribadumia dotar vivenda pública que non un segundo xeriátrico privado, amén de outras medidas que dende o ámbito local se poden e se deben facer.  Por todo iso pedímoslle ao señor Castro que acepte a nosa proposta, ou no seu defecto que teña un mínimo de decencia e responsabilidade e leve as mocións do noso partido  a Pleno e que os partidos se posicionen ao respecto, ou aporten alternativas, e así buscar solucións conxuntas dende o diálogo.

   Por último, queremos por de relevancia o valeirado de contido dos Plenos Municipais. David Castro non só bloquea o dereito a falar e expresarse ao noso Concelleiro Sergio Soutelo, senón que  reduciu o contido  dos Plenos ao mínimo, sen levar ningún tema de relevancia para a veciñanza máis aló  de cuestións obrigatorias e urxentes ou xa fora de prazo, evitando debater boa parte das mocións da oposición ao negarse a levalas a Pleno e  intentado dividir na oposición, poñendo de bos a unha parte, de malos a outra e intentado comprar  outra. E mentres, as contas do ano 2024 sen pechar, o  orzamento deste ano sen aprobar, e centos de miles de euros paralizados e outros tantos en perigo de perderse e o Concello paralizado.

Privatización encuberta da xestión do Punto Limpo?

  • O Punto Limpo segue pechado sen motivo, pero David Castro está contratando os servizos do mesmo por separado.
  • Todo apunta a unha privatización encuberta da xestión do Punto Limpo.
  • Pedimos que se fagan públicos os contratos de xestión dos minipuntos limpos e da recíclaxe dos restos de obra e demolicións.
  • David Castro presume de reciclaxe mantendo puntos de verquido sen controlar.
  • Recordámoslle a David Castro o seu compromiso persoal e político de non privatizar  a xestión do Punto Limpo.

 Os últimos anuncios de David Castro falando de reciclaxe de restos de obra e dos minipuntos limpos colocados fai uns meses, mentres o goberno local mantén o Punto Limpo de Leiro pechado sen motivo aparente, xeran unha serie de dúbidas que dende a nosa formación creemos que deben ser resoltas de maneira pública.

  Sen valorar os supostos informes sobre uso dos minupuntos limpos, dende a nosa formación consideramos que na situación actual co Punto Limpo pechado facer valoracións sacando peito da que resulta a única alternativa posible para reciclar determinados elementos como as pilas, as lámparas ou os cartuchos de tinta, resulta algo presuntuoso, máis dando unhas cifras tan baixas. Falar de éxito na reciclaxe cando o propio goberno mantén verquedoiros no Concello onde se acumula de todo sen ningún control hixiénico e ambiental, e vendo o estado xeral de contedores e a acumulación de lixo e enseres na rúa que levamos meses denunciando,  parécenos ademais unha tomadura de pelo.

Centrándonos nos últimos anuncios do goberno local, compre recordar e remarcar que tanto os produtos que se recollen nos minipuntos limpos como os restos de obras e demolicións non se tiran no monte, senón que deben someterse a un proceso de separación para a súa posterior reciclaxe. Ata fai ano e medio está función realizábase con persoal municipal no Punto Limpo situado en Leiro, o mesmo onde o Concello invisteu 300.000€ nunha obra de ampliación  con data de finalización en marzo de 2024. Dende o peche  do Punto Limpo coa escusa das obras en novembro de 2023, o Concello non conta con espazos adecuados para a recollida de materiais para reciclaxe. Iso ten implicación directa,  xa o dixemos en novembro  cando ademais de poñer  de relevancia a existencia de dous puntos onde o goberno do señor Castro acumulaba verquidos de todo tipo, dos cales un sigue exactamente igual que entón, expuxemos que non había constancia de ningún contrato para a xestión dos minipuntos limpos, algo que o señor Castro desmentiu  pero ocultando o suposto contrato.

Meses despois encontrámonos con comunicacións do goberno local onde se fala de supostos informes dunha empresa sen identificar e con anuncios onde se fala da contratación dun servizo de reciclaxe dos restos de obra que por certo o goberno está acumulando nun verquedoiro completamente fora da lei,  ademais no centro de Barrantes, preto dun parque infantil e nunha zona na que se move moita veciñanza a diario.

Pero o que non fixo o señor Castro foi explicar a quen contratou – e mediante que procedementos – para xestionar eses restos de obra e demolición  e para a separación e tratamento do que se recolle nos minipuntos limpos. Tampouco explicou nin o custe nin a duración deses contratos. De feito o señor Castro nas súas comunicacións oculta intencionadamente cales son as empresas ou a empresa que está realizando esas funcións.

  Dende Somos Ribadumia temos a sospeita de que o señor Castro está privatizando a xestión do Punto Limpo de maneira encuberta , laminándoa en contratos menores coa escusa de que o Punto Limpo está pechado.  De partida, queremos recordarlle ao señor Castro o seu compromiso persoal e político amosado nos Plenos de non privatizar a xestión do Punto Limpo. Somos conscientes de que a palabra do señor Castro non vale absolutamente nada, como ben leva demostrado nestes anos, pero por iso mesmo poñemos de relevancia estes compromisos, e se o señor Castro quere facer o de sempre, cando menos que o explique claramente, xa despois a veciñanza fará as súas valoracións. Pero con independencia disto, dende a nosa formación entendemos que o señor Castor debe abrir de maneira inmediata o Punto Limpo e a través del, como corresponde,  facer unha correcta xestión dos materiais de reciclaxe, eliminado os verquedoiros dos que non quere falar ,  e deixar de gastar os cartos da veciñanza en contratos innecesarios. E se hai algún motivo xustificado para non abrir o Punto Limpo, que o explique claramente e deixe de enganar á veciñanza.

  O noso Concelleiro Sergio Soutelo vai solicitar os expedientes completos da contratación deses servizos e copia do que están facturando e dos supostos informes de xestión emitidos por esas empresas para corroborar que todo está correcto, e dentro do legal.

  En calquera  caso pedimos ao señor Castro que dea explicacións públicas de como se realizaron esas contratacións, se é que se contratou algo, e canto nos están costando.

A concesión da xestión do SAF, unha vez máis, vencida e sen sacar a nova licitación.

  • O contrato e a prórroga venceron xa a principios de ano, sen que o goberno local  sacará unha nova licitación.
  • 80 familias en perigo de quedar sen servizo.

  Pasan os anos e o señor Castro non aprende dos seus erros. Durante o ano 2022 vivimos unha situación dramática, con varias familias afectadas durante meses pola parálise municipal e do señor Castro, que se “esqueceu” de sacar a licitación o contrato do SAF , deixando esgotar todas as prórrogas e provocando que se paralizara a alta no servizo a familias que o tiñan legalmente aprobado e polo tanto, deixándoas sen o acceso a un servizo moi necesario que nalgún caso costa anos conseguir.

   O problema resolveuse despois de que dende Somos Ribadumia fixeramos pública a situación en setembro dese ano cunha licitación feita a todo correr. Pois ben, dous anos  e medio despois estamos case no mesmo punto. O contrato do SAF,  licitado con duración de un ano e prorrogable outro ano máis xa venceu en xaneiro, de tal xeito que agora mesmo estamos no período de prorroga obrigatoria, cunha duración de  seis meses dos cales tres xa pasaron, e  a nova licitación nin sequera pasou a fase inicial de levar as bases da licitación a Pleno, e iso que neste 2025 xa levamos realizados dous plenos.

   Dende Somos Ribadumia desexamos amosar a nosa preocupación pola posibilidade de que chegado o verán o servizo volva quedar conxelado, e as familias volvan a quedar abandonadas pola desidia do goberno do señor Castro. Ademais, unha vez venza a prorroga extraordinaria actual, a empresa podería deixar de dar o servizo as 80 familias que actualmente teñen horas de SAF en uso. Unha situación que xa aconteceu con outro servizo, a da escola infantil,cuxa empresa concesionaria deixou de dar servizo, obrigando ao Concello a facerse cargo, estando dende entón xestionada da polo Concello.

  Por iso pedimos ao señor Castro que se deixe de tanta foto mirando como traballan outros e se poña a el a facer algo e  que saque a concurso á maior brevidade posible a xestión do SAF, ou que a asuma dende o Concello, para o caso de que teñan esa capacidade de xestión que dende o noso punto de vista e vendo como está funcionando no resto, parecenos evidente que non

Deixamos un recordatorio de cando en setembro de 2022 en Pleno, dende o noso partido poñíamos de relevancia a situación naquel momento, logo de meses co servizo concelado e sen poder dar altas novas a persoas que tiñan horas concedidas, deixando varias familias abandonadas.

Obra da rúa Condesa: unha chapuza cara, e ante os erros, actuacións aínda máis chapuceiras.

  • Primeiro obrigando aos nenos a ir do colexio ao ximnasio polo medio dos coches.
  • A solución ante o lío montado: impedir o uso dos aparcadoiros nas horas que máis falta fan, de 9 a 3.
  • O Umia quedou sen aparcadoiro.
  • As supostas 55 plazas de aparcadoiro novas, unha mentira.
  • Pais e nais cabreadas., o Umia cabreado, o Colexio cabreado…todo o mundo cabreado, ningunha dimisión.

·   Nin sequera está claro o custe da obra.

 Se David Castro pensaba que facéndose unha foto sentado nun banco de pedra presumindo de investimento xa ía calar bocas ante as críticas recibidas ao longo destes anos, estaba moi errado, porque esa obra, lonxe de pechar bocas, abreu moitas, e de desgusto.

 A obra realizada nos últimos meses na rúa Condesa debía solucionar varios problemas: o de seguridade para os nenos e nenas nas horas de entrada e saída do colexio, o de dotar dunha zona de transito segura e abrigada  entre o ximnasio e o colexio e o de dotar máis prazas de aparcadoiro das existentes. Todo isto sen valorar outros problemas pendentes, como a falta dun patio cuberto para o colexio ou dun local social moi necesario.  De todo isto, logo de ver a obra rematada, podemos confirmar que só cumpre, e con reparos, o primeiro problema.

   De partida, queremos salientar o máis grave. Debido a un erro gravísimo de deseño ao facer o aparcadoiro no espazo onde ata agora estaba a sede de Protección Civil, eliminouse o acceso seguro que conectaba o ximnasio co colexio a través dunha beirarúa realizada no ano 2016, cando Somos Ribadumia levaba a concellería de obras. O resultado desta chapuza é que agora para poder desprazarse entre o colexio e o local onde esta o ximnasio, e onde se realiza o Plan Madruga, a Escola de Ocio e que tamén acolle o comedor escolar, os nenos e nenas deben ir polo medio da zona de aparcadoiro, unha zona que nin sequera está pechada nin tiña ata este luns restrinxido o uso, polo que os nenos e nenas deben, incluso coas restriccións que falamos máis adiante, pasar polo medio dos coches ou saír do espazo do colexio para ir pola beirarrúa.  A situación e de tal risco que temos constancia de que dende o colexio non se están levando os nenos ao ximnasio, así como das queixas das nais e pais.

A solución de  David Castro: poñer sinais incorrectos  sen saber o seu significado e intentar  anular os novos aparcadoiros.

A última hora do luns apareceron sinais que supostamente, e remarcamos o supostamente, prohiben  que os coches accedan ou se movan nos dous aparcadoiros novos, no feito na finca comprada polo Concello entre as nove e as tres, e no máis conflitivo , o que se construíu no espazo onde antes estaba a sede de protección civil,   entre as nove e as tres e media. A maiores neste último, que é o que xerou as queixas, instalouse unha cadeiña “ de quita e pon,” coa que se pretende bloquear o acceso a ese aparcadoiro nesas horas, e así , tamén moi supostamente, mellorar a seguridade na zona.

De partida, o goberno , cuxos membros foron vistos nalgún momento conducindo coches polo que se supón que teñen todos e todas o carnét de conducir,  parece descoñecer a diferenza entre “prohibido estacionar” e “prohibido circular”, unha diferenza moi ben recollida no código de circulación. Tal é así que para prohibir circular e evitar dese xeito o movemento de coches, puxeron equivocadamente sinais de prohibido estacionar. E remarcamos tamén que os sinais son de “prohibido estacionar” ,  non de prohibido “parar e estacionar”.

Polo tanto, agora  nos dous aparcadoiros  entre as nove da maña e as tres ou tres e media  da tarde,  está prohibido estacionar, pero non está prohibido parar para, por exemplo, deixar os nenos no colexio ou para recollelos se teñen que saír por calquera motivo, polo tanto non está prohibido o movemento de coches neses aparcadoiros que é o que supostamente pretende o goberno  en aras de garantir seguridade. Para lograr iso, deberían ter colocado sinais de “prohibido circular“.

E está é a cuestión, que  o goberno local, con independencia dos sinais que colocou,  pretende bloquear  o uso dos dous aparcadoiros xusto para a súa función principal e nos momentos nos que máis falla fai ter espazos onde parar  ou incluso estacionar  para deixar ou recoller os nenos do colexio ou para facer calq eluera xestión no centro educativo. Pretender isto colocando sinais erróneos non deixa de ser unha chapuza, que pode incluso parecer unha broma de moi mal gusto,  pero que  é a realidade. Unha realidade á que a maioría non  está facendo moito caso, co cal a medida resulta, a parte de absurda, inútil.

Tan absurda e tan inútil  que se o domingo tiñamos as mesmas  prazas de aparcadoiro que o día antes de comezar as obras que  supostamente ían ampliar ese número de prazas, hoxe directamente temos durante boa parte do día un 90% menos, e na práctica non hai apenas onde aparcar. Resultado: 704.000 € despois os pais seguen obrigados a aparcar enriba das beirarúas nas horas de entrada e saída do colexio e onde antes había un punto negro a esas horas, agora hai dous, o de sempre e outro cen metros máis abaixo e na saída dunha curva moi perigosa, nun aparcadoiro que pola maña non se pode usar e pola tarde apenas ten uso porque queda demasiado alonxado, ou sexa que resulta inútil.

Hai que remarcar que a falta de seguridade dos nenos e nenas no espazo  entre o colexio e o ximnasio segue sendo a mesma, por que ademais de que os sinais colocados non  impiden a circulación de coches, a cadeiña posta non está asegurada e calquera pode poñela ou sacala polo que non impide que os coches entren ou saian en calquera momento, nin que os que xa estean no aparcadoiro se movan. A isto temos que engadir  que a cadeiña non é automática, e o goberno ten que dispor dun operario para que vaia todos os días a poñela as nove e a retirala as tres e media, neste caso xa fora de horario laboral, o cal é de todo inaceptable.

O Umia quedou sen aparcadoiro.

 Ademais disto, e de que toda a obra non incluíu ningunha zona de sombra nin ningunha cuberta, polo que cando chova os nenos e nenas vanse mollar bastante máis do que xa se mollaban, e de o aparcadoiro feito xunto ao ximnasio resulta moi apretado e dificulta tanto a maniobrabilidade  que xa se deu algún golpe,  está a cuestión da eliminación do aparcadoiro do campo de fútbol.

  Dende Somos Ribadumia xa dixemos no seu momento que eliminar ese aparcadoiro sen dar unha alternativa viable era un erro. Pero David Castro, mais centrado prexudicar ao Umia C.F que en solucionar problemas, non quixo atender a mais razóns que as súas, e o resultado é que onde antes había  máis de setenta prazas de aparcadoiro, agora so quedan 25. Porque esta é a realidade. David Castro declarou que a zona pasou de 20 prazas a 75, e iso é unha completa falsidade, porque ao prohibir o acceso á explanada onde ata agora aparcaban os coches, eliminou esa bolsa de aparcadoiro que se usaba polas tardes e nas fins de semana, e polo tanto na conta hai que restar todas esas prazas. A zona que habilitou a case 150 metros de distancia, non aporta máis prazas das que xa había dispoñibles, nin sequera sumando as novas prazas realizadas ao longo dese tramo da rúa Condesa. Polo tanto 704.000 € despois, resulta que nesa zona hai as mesmas prazas de aparcadoiro que había, senón menos e cun uso igual de restrinxido. Como é de supoñer, dende o entorno do Umia trasladan que as queixas por non ter un lugar próximo onde aparcar son diarias, pero máis especialmente nas fins de semana, cando se xuntan deportistas e pais, local e visitantes.

  Dende a nosa formación queremos pedir abertamente, primeiro que de maneira inmediata se resolva, pero ben resolto, non da maneira chapuceira que se pretende, o problema de mobilidade entre o colexio e o ximnasio, dando completa seguridade aos nenos e nenas , e despois, á  vista do que temos, que mentres non se dea un uso concreto ao espazo que ata agora se usaba como aparcadoiro entre o colexio e o campo do Umia, se siga permitindo o aparcamento fora do horario lectivo e nas fins de semana.

Canto lle costou a Ribadumia esa obra?

   E para rematar unha breve nota sobre o custo das obras. A nós as contas non nos saen, e xa o dixemos no 2023 cando se anunciou a obra. En concreto non nos cadra o custe declarado para o Concello, que creemos foi moi superior aos pouco máis de 211.000 € que se dixo, entre outras cousas porque os peches dos retranqueos e  o derrube do local onde estaba Protección Civil non figuraban no proxecto, e a isto hai que sumarlle os 163.000€ da compra da parcela onde se fixo o novo aparcadoiro. Ademais, compre recordar que David Castro perdeu no seu momento 1.300.000 € en axudas de dous Plans da Deputación por que se negaba a aceptar a titularidade do tramo de vía afectado e a pagar o 30% das obras, condicións que ao final tivo que tragar, polo que esta obra pode considerarse calquera cousa menos un triunfo de David Castro, que demostrou a súa incapacidade para negociar nada e rematou pedindo por favor os investimentos e aceptando todas as condicións postas pola Deputación, naquel momento gobernada polo PSOE. Porque esa é a outra gran mentira do señor Castro e do señor Luís Lopez: o PP non puxo un euro nesta obra, o que veu foi todo da man do PSOE.

  Imos pedir nos próximos días toda a documentación relativa  a esas obras para tratar de aclarar esta cuestión,  pero todo apunta a que á veciñanza de Ribadumia cargou coa maior parte do custe das obras, que se moverá, con todo,  no Millón de euros.

Dende Somos Ribadumia sempre defendemos outra solución para o centro de Barrantes, que ao final vendo como gasta o señor Castro resultará tamén ser a máis barata, pero asumimos que quen goberna ten a potestade para levar adiante a súa solución, aínda que como neste caso non se corresponda co prometido á veciñanza. Pero claro, a cousa pasa por un gasto racional e por que se solucionen problemas, non por que se creen outros novos.