Category: Sen clasificar

Celebramos que David Castro por fin faga caso de Somos Ribadumia e audite a  rede de auga.

  • David Castro mantiña ao Concello na ilegalidade, perdendo axudas dende o ano 2019 e arriscándose a multas e subas no canon da Xunta por irresponsable.
  • Perdeu cartos para auditar a rede, e perdeu cartos para realizar actuacións de mellora. Dende 2022 ao redor de  100.000 €.
  • Aínda que sexa obrigado,  alégranos que David Castro nos  dea a razón a Somos Ribadumia  despois de desprezar a Sergio Soutelo varias veces por pedirlle que fixera o que agora anuncia a bombo e pratillo.

    Fai uns  días tivemos coñecemento a través da prensa (David Castro mantén os funcionamentos democráticos como a Xunta de Voceiros inoperativos e non fala coa oposición, ademais de non convocar os Plenos), de que o goberno vai auditar a rede de subministro de auga potable.

   Este anuncio chega logo de anos ignorando as advertencias de Somos Ribadumia dos problemas coa rede de abastecemento de auga, de innumerables roturas, algunhas que estiveron meses estragando en auga e outras que seguen a día de hoxe sen reparar logo de case un ano vertendo, e despois de que se disparasen os custes en reparacións e por fugas da rede, particularmente dende que o señor Castro tomou o costume de cando escasea a auga andar a pechar chaves de paso e volvelas abrir provocando problemas de presión nas tubaxes.

  Dende Somos Ribadumia, aínda que non entendemos que un alcalde  presuma nos medios de prensa de estar fóra da lei nin moito menos de que vaia a corrixir unha situación creada por él mesmo, non podemos máis que felicitar ao señor Castro por cambiar o discurso e decidir facer caso das recomendacións do noso partido, pois non esquezamos que non fai moito, en concreto nun Pleno Extraordinario celebrado en decembro de 2024, o propio señor Castro,  nunha intervención deplorable e falta de todo respecto cara Sergio Soutelo, desprezaba a necesidade dunha auditoría negando que servira  para detectar fugas de auga, e a súa Concelleira de Contas chegou a declarar, citamos literalmente “as tuberias rompen, van, arreglanse e xa non hai averias, enton, si que se sabe, e si que se detectan onde están [as fugas de auga]” , dando a entender que unha auditoría non aportaría nada.

   En todo caso, os argumentos achegados polo goberno para xustificar a decisión de auditar  a rede de abastecemento demostran  que dende Somos Ribadumia estabamos acertados ao reclamar que se realizara, para poder ter datos concretos, localizar as fugas e saber por onde se esta escapando auga e canta se esta escapando, pois non debemos esquecer que se paga con fondos públicos.

   Por outra banda, compre por de manifesto que ter auditada a rede de abastecemento de auga, con independencia doutras consideracións,  é obrigatorio por Lei dende decembro  de 2019, e que o Concello estaba perdendo axudas por non cumprir a legalidade vixente, unha cifra que vistas as ultimas convocatorias da Xunta pode estar nos 100.000€ en 3 anos. Tamén se estaba  expoñendo a sancións por parte da Xunta, e subas no canon do recibo da auga  que ían ter que pagar os veciños. Ademais agora tamén entrou en xogo a Administración Central e Europa, con esixencias inapelables, polo que o señor Castro ten que  facer algo ao que se estaba negando tercamente, pois por algún motivo, que pronto saberemos, David Castro non quere facer pública a xestión que se está facendo da auga.

  Por outra banda, hai  que remarcar que agora o Concello acóllese a unha axuda de Augas de Galicia como algo novidoso, pero resulta que estas axudas veñen dándose dende o ano 2022. Dende o noso punto de vista resulta lamentable que David Castro estivera cinco anos negándose a realizar esta auditoría e perdendo axudas, tanto para realizar a auditoría como para actuar na rede de subministro, como están xa facendo moitos Concellos, pois Ribadumia é un dos 89 Concellos pendentes de auditar a rede e tamén un dos 89 Concellos que non puido optar ás diferentes liñas de axuda para melloras na rede de subministro. De feito, recordemos que para a colocación de  varios contadores de caudal realizada no 2023, o goberno do señor Castro tivo que acudir á liña do Fondo de Cooperación Local por que non podía acceder ás liñas específicas.

   Así pois, David Castro chega o último, e cando Concellos veciños como Meis ou Meaño xa están levando a cabo actuacións para corrixir as perdas de auga, Ribadumia leva anos de retraso, non sabe por onde se lle escapa a auga, nin canta, non pode optar as  axudas específicas para mellorar a rede de subministro, e cando quere facer algo ten que tirar de fondos, sexan propios ou doutras liñas de axuda,  que poderían ir para outras cousas tamén moi necesarias.

E non só se perden cartos de axudas doutras administracións. Os millóns de litros perdidos nestes anos pagáronse e estanse pagando con fondos públicos.

   E todo isto acontece mentres  temos problemas de subministro como os vividos a principios de xuño, cando Ribadumia foi o único Concello da comarca con problemas de abastecemento xa  antes da chegada do verán, ata o punto de que chegou a cortarlle o subministro a Meis, xerando un problema e un conflito co Concello veciño, noutro exemplo de incompetencia e comportamento infantil a partes iguais.

 Dende Somos Ribadumia agardamos que a auditoría aclare que está pasando na nosa rede de subministro, para poder actuar ou propoñer actuacións concretas e efectivas. Pero mentres tanto, recordámoslle ao señor Castro que no Concello hai fugas de auga á plena vista, que non requiren de ningunha auditoría para saber delas e das que o goberno está perfectamente informado, e algunhas levan meses sen solucionarse.

Propoñemos que o Concello adquira a parcela da antiga Alfageme.

  • Propoñemos recuperar ese espazo para a  nosa veciñanza.
  • As limitacións da parcela, nunha área protexida e sen posibilidades de recuperar a actividade industrial, principais atrancos para que a adquira unha empresa ou particular.
  • A situacións actual, insalubre e foco de bicharía variada, resulta inaceptable.
  • Recuperar a ribeira do Umia nesa zona, e prolongar a senda fluvial dende Barrantes ata a desembocadura do río a través da xunqueira de Sisan, a nosa proposta para a posta en valor dunha zona de altísimo interese.

    Como é de coñecemento público, os terreos da antiga Conserveira Alfageme levan anos en mans do IGAPE dende que se fixo con ela no ano 2013 logo de que a empresa entrara en concurso de acreedores certificando así o seu peche definitivo. Dende entón foron varios os intentos que fixo o IGAPE de desfacerse desa parcela, que supera os 8.000 metros cadrados, e todo o que hai nela a través de varias subastas públicas. O último intento foi o pasado 19 de xuño deste 2025, e novamente a subasta quedou deserta, a pesar de baixar o prezo na terceira poxa ata pouco máis de 300.000 €, unha cifra que en subastas anteriores incluso chegou a baixarse ata os 200.000 €. O motivo polo cal de maneira sistemática as diferentes subastas ficaron desertas está nas limitacións urbanísticas da parcela: solo rústico, con abundantes afeccións, varias figuras de protección do espazo natural, Costas, Augas de Galicia, Patrimonio Cultural, que a fan inviable para o desenvolvemento de novas actividades industriais, e despois de pasar tanto tempo e co grande deterioro que ten a parcela, incluso é inviable manter a mesma actividade económica que tiña, xa que implicaría modificacións de calado que se atoparían de fronte coa normativa urbanística e medioambiental. En resumo, a parcela non ten posibilidades dun uso industrial, e tampouco é edificable.

 Así que por un lado temos ao IGAPE  con moito interese en desfacerse desa propiedade e con moito máis que boa vontade de negociar un prezo adecuado, e o Concello de Ribadumia é hoxe por hoxe o postor máis lóxico para adquirir esa parcela, pois é o único que pode sacarlle partido, do xeito que veremos máis adiante.

   Por outra banda temos a situación  actual desa propiedade. Logo de máis dunha  ducia de anos abandonada, sen que o IGAPE se moleste o máis mínimo, máis aló de algunha actuación puntual, o certo é que esa nave e toda a parcela convertéronse nun foco de problemas de salubridade que afecta ás propiedades e negocios lindeiros, que xa levan realizado innumerables queixas, as últimas en días recentes, recollidas pola prensa e mesmo a través das redes sociais.  A presenza de ratas e bichería, e o perigoso estado de abandono da instalación non pode ser pasado por alto pola administración local.

  En terceiro lugar, o que claramente resulta de interese para a Administración Local, cando menos dende o noso punto de vista: a súa localización. Na desembocadura do río  Umia, dentro da zona intermareal Umia-O grove, incluído no Listado de Humedais de Importancia Internacional (Humedal RAMSAR) e designado  Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA), entre outras figuras de protección. Non cabe dúbida pois de que a localización desa parcela resulta do máis interesante dende o punto de vista medioambiental e paisaxístico.

  E por iso resulta evidente que para o Concello de Ribadumia resulta moi interesante optar a facerse con esa parcela, obviamente negociando un prezo razoable co IGAPE, aínda que ese non parece que vaia a ser o problema.

Facerse con esa parcela dende a Administración Local e recuperala medioambientalmente, que é o único obxectivo factible, tendo en conta as características e limitacións do chan onde se encontra, non só solucionaría o problema de salubridade que ten esa zona, e permitiría dotar un espazo recuperado para a veciñanza nunha contorna tan interesante e de tanto valor paisaxístico como é a desembocadura do río Umia e a xunqueira de Sisán. Tamén permitiría o desenvolvemento de proxectos de posta en valor do espazo natural e de promoción turística e, no medio prazo, ampliar a senda fluvial que ven dende Pontearnelas ata o final do limite do noso Concello, poñendo un broche de ouro a unha senda que gañaría moito con esa ampliación.

   Por todo o anteriormente exposto, Sergio Soutelo ven de presentar unha moción en nome do noso partido, onde ademáis de recoller todo o exposto máis arriba propon o seguinte acordo concreto:

–         Instar ao Concello de Ribadumia ao seguinte:

a)  que leve a cabo as negociacións necesarias para que o Concello de Ribadumia  dentro deste ano 2025 chegue a un acordo co IGAPE para facerse coa titularidade da parcela onde se encontra a nave da antiga Alfageme, na parroquia de Sisán.

b) que nos orzamentos que correspondan se dote a partida necesaria para a adquisición desa propiedade, ou de ser preciso se leve a Pleno a solución que corresponda para facer fronte economicamente a esa adquisición.

c) que  posteriormente se redacte e se leve a cabo o proxecto de recuperación completa da parcela e da súa posta en valor, dotando nos orzamentos a partida económica necesaria.

d) que mentres non se cumpra todo o anterior, o Concello de Ribadumia cumpra coas súas obrigas, instando ao IGAPE a manter esas instalacións nunhas condicións mínimas de salubridade e actuando con todas as ferramentas que se dispoñan se iso non acontece.

Valoración Festa do Viño Tinto 2025

  • Outro ano, mesma falta de ambición. Triunfalismo esaxerado e pouco acorde a como foi a Festa.
  • Limitado e improvisado cartel de actuacións.
  • Limpeza mellorable, ruído excesivo  e de novo  problemas coa hostalería local.
  • Líos coas forzas de seguridade por parte do entorno do goberno, outra vez.
  • Falta de sensibilidade durante o caro xantar.
  • Fracaso político e fiasco coa falta de peso político de David Castro.

   Dende Somos Ribadumia achegamos, como en anos anteriores, a nosa valoración da que foi a 52 edición da Festa do Viño Tinto do Salnés e Exaltación de Variedades Autóctonas, nome oficial da que para o común da veciñanza é a “Festa do Tinto”, o evento de maior relevancia e custe  no noso Concello e que require dunha análise pausada.

Antes de entrar en materia máis detallada, consideramos que o triunfalismo do señor Castro está fora da realidade. Que un alcalde tilde de “exito” unha festa durante a cal tivemos a desgraza dunha morte, con demasiadas liortas nocturnas e co entorno do alcalde acaparando titulares por – supostamente – atacar a un axente da Garda Civil, sen contar os problemas cos hostaleiros e outras queixas variadas, parécemos moi inadecuado. Ademais, a festa estivo moi lonxe de poder considerarse como das mellores edicións. O único exitoso  foi o tempo atmosférico, pero en xeral visitounos menos xente que outros anos. Isto non quere decir que a Festa non fora ben, pero hai unha diferencia  entre ir ben, algo que por outra parte nunha Festa tan asentada ía pasar si ou si,  e ser un éxito, e esta edición non tivo nada de exitosa.  Pasamos agora a unha análise algo mais pormenorizada.

  Comezando por aspectos organizativos, debemos lamentar varias cuestións. Por un lado dende a nosa formación seguimos sen ver correcto  que nos actos de inauguración dunha Festa destas características haxa que poñer menores como puxo David  Castro. Certo que este ano participaron moitos menos nenos e nenas e que o alcalde non caeu na populista tentación de poñelos no brinde inicial como o ano pasado, pero con todo consideramos que tampouco foi adecuado que estiveran no corte da cinta. David Castro debería ir madurando un pouco como político, porque por moi populista que queira ser, hai cousas que non son correctas.

  Por outra banda debemos lamentar as fallas no servizo de limpeza, que son recorrentes dende fai uns anos,  que provocaron,  a parte de queixas dos hostaleiros pola hora tardía na que pasaron os equipos de limpeza, que en determinadas zonas do centro de Barrantes os malos cheiros foran máis que notorios xa dende o venres. Tamén recollemos numerosas queixas pola presenza de cristais nos parques infantís e nas prazas, que puideron ocasionar máis de un disgusto. Ademáis o goberno non tivo coidado de indicar adecuadamente  onde se encontraban as casetas de aseo distribuídas por todo o núcleo, e puidemos comprobar como a determinadas horas había colas longas para acceder aos aseos nos locais hostaleiros,  mentres os aseos públicos , que si tiveron un bo nivel de limpeza,  estaban baleiros. Unha mellora pola que debemos felicitar ao goberno foi a instalación dun cambiador de cueiros, unha proposta que realizamos fai un ano, referida tanto á Festa como a outros  eventos e espazos públicos, que o goberno do señor Castro ignorou intencionadamente. Agardamos que agora que quedou patente a necesidade destes elementos asuma que a proposta era positiva e dispoña cambiadores noutros eventos e nos espazos públicos como o auditorio, e tampouco estaría máis que neste evento se instalará algún mais en puntos estratéxicos.

  Debemos lamentar un ano máis  que o goberno ocultara a existencia dun Punto Morado, do que apenas se informou e do que en toda a Festa non se instalou ningunha indicación nin de que había punto morado nin da súa localización . Parécenos do máis lamentable que o señor Castro oculte este tipo de información, e se limite a cubrir expediente cun tema tan importante e necesario. Estes puntos serven de información, máis tamén de apoio ante determinadas situacións, e se se ocultan, como ven acontecendo nos últimos anos, ante situacións  complicadas – non esquezamos a violación dunha menor na edición do 2022  – as mulleres e mozas afectadas non saben onde acudir e o punto morado non sirve de nada, menos se  como neste caso ten horario reducido.

   Levamos xa un par de anos recollendo queixas polo excesivo ruído tanto das orquestras como, moi especialmente, das atraccións de feira. O nivel de  volume nesa zona foi tan alto eses días  que dúas persoas non podían falar estando unha a carón da outra, e obviamente resultou  moi molesto, particularmente para os nenos máis pequenos, non digamos xa aos que teñan algún tipo de particularidade, como pode ser síndrome do espectro autista, cuxos país nin consideraron achegarse.   Dende o noso punto de vista  o goberno debería leer a normativa en cuestión de ruídos, controlar que haxa un pouco de mesura, e dotar un horario de volume reducido para que as persoas con autismo ou outras sensibilidades puidesen tamén gozar das atraccións.

   En canto ao cartel de actuacións, sen desmerecer as orquestras, grupos e dj’s  que viñeron ao longo dos catro días de festa, dende o noso punto de vista un ano máis faltaron outro tipo de actuacións, de máis actualidade e dirixidas a un público máis novo. Compré remarcar a completa improvisación, pechando o cartel moi tarde e con anuncios de actuacións “sorpresa” feitos a todo correr logo de ter o cartel xa  pechado, plublicitado e colgado en todas partes. Un ano máis,  sumando todas as actuacións musicais, non houbo un só grupo ou artista de actualidade, e novamente a xuventude quedou fora do plano e só tivo alternativa grazas  á aposta dos locais de hostalería por poñer actuacións propias por certo con éxito notable, pois hai que remarcar que  foron os locais hostaleiros os que concentraron boa parte da asistencia á festa, deixando en evidencia a incapacidade do Concello, que destina máis de 200.000 € a este evento,  para contratar un cartel de actuacións que resulte atractivo, ficando  estancado nas orquestras, algún grupo tributo de limitado calado e  pouco máis.

  Con respecto ao xantar de confraternidade, non podemos compartir a subida do prezo, tendo en conta o que se ofrece. Dende o noso punto de vista a exclusividade que a empresa que a xestiona ten,  únicamente porque ao noso alcalde lle gusta esa pulpeira en concreto,  está provocando pola parte desa empresa  certo abuso permitido polo señor Castro, que carga  nos veciños o prezo da súa incompetencia para a xestión. Tendo en conta o custe e tamaño , a xestión do  xantar debería en primeiro lugar sacarse a concurso, e non darse a dedo. O resultado da  desidia  do señor Castro foi un xantar onde se comeu mal e coa xente apertada, queixas que xa recollemos o ano pasado, pero que este ano foron a máis porque  moitos comensais con toda lóxica  contaban que pagando dez euros mais terían mellor servizo e comerían mellor, cousa que non pasou, mais ben ao contrario. Con respecto á lamentable morte dun traballador, antes de nada trasladar o noso pesar á familia e achegados. Non imos valorar a decisión de non suspender o xantar ante este suceso, obrigando aos compañeiros e compañeiras do home falecido a seguir traballando nesas circunstancias, pero o que non podemos compartir é que, salvo un forzado minuto de silencio, o goberno actuara como se non tivera pasado nada, non suspendera ou limitara a entrega de premios e os discursos. A falta de sensibilidade do señor Castro, que unicamente pensa nas fotos e nos votos, parécenos do máis lamentable.

  Non deixamos pasar tampouco a constatación do escaso peso político que o señor Castro ten tanto no seu partido como na comarca, abandonado por uppkjh boa parte dos representantes políticos que evitaron aparecer preto do señor Castro, coa salvidade do presidente da Deputación que entendemos terá que pagar algo pola compra no 2023 do señor Castro. En calquera caso é moi significativo que a estas alturas o señor Castro aínda non recompuxera as súas relacións  co resto de alcaldes e alcaldesa da comarca, incluídos os do seu partido. Ribadumia, con este alcalde, perde moito peso na comarca, e iso estase notando no retroceso en todos os aspectos.

  Dúas cousas queremos remarcar. Por un lado a intolerable actitude do señor Castro cara a hostaleria local. Logo da metedura de pata do ano pasado na organización que rematou con dous locais denunciados pola Garda Civil  e cunhas cuantiosas multas,  que agardamos se solucionen en favor dos hostaleiros que non teñen culpa de que o Concelleiro de Urbanismo se crea o dono da lei, este ano o desprezo do señor Castro foi completo, deixando tirados aos hostaleiros, que ata tres días antes de empezar a Festa non souberon nin o que Ian poder facer, nin os horarios que debían respectar. É totalmente inaceptable actitude de David Castro cara a hostaleria local.

   Por outra banda está o problema creado polo entorno  de David Castro con líos  coas forzas de seguridade do estado que emborronaron a festa . Dende Somos Ribadumia asumimos que nas festas onde se xunta moita xente, e moita xuventude, poida haber algunha liorta. Son cousas ata certo punto inevitables. Este ano déronse varias liortas e en xeral a sensación que nos transmitiron hostaleiros e asistentes á festa foi de que a presenza policial foi quizais máis discreta que anos anteriores, sen con isto desmerecer o bo traballo e a correctísima atención da Garda Civil  con hostaleiros e asistentes.  Pero  o que non se pode aceptar é que sexa xente do entorno do goberno local a que acapare titulares por supostamente atacar a un Garda Civil.  Nin moito menos que  se pretenda botar terra por enriba dun asunto tan grave. Debemos remarcar que o fillo do Concelleiro involucrado neste feo asunto, forma parte da comitiva habitual do goberno, xunto a outros membros desa mesma familia que están ou colaboran en todos os eventos e actos públicos. Este individuo non é pois alguén alleo nin ao Concelleiro nin ao goberno nin ao señor Castro. Ademais ese mesmo individuo é xa un habitual nas pelexas durante a festa do Tinto, pois xa o ano pasado estivo implicado nunha palleira a unha parella de Ribadumia. Tampouco é o primeiro problema que ten o equipo de goberno e o propio Castro coa autoridade . Recordemos que David Castro montou unha festa na súa casa  en plena pandemia con medio centenar de persoas cantando alegremente en plena noite  nun momento onde as xuntanza estaban restrinxidas e os ataques desa noite a Enrique Oubiña, protagonizados polo irmán doutra Concelleira do equipo do señor Castro. E non esquecemos episodios do propio Miguel Castro atacando e ameazando ao noso anterior concelleiro, un episodio que rematou no xulgado, ao que seguiron outros como a súa muller e nai do individuo que supostamente atacou a un garda civil durante a festa  ameazando nos plenos membros  do noso partido .

   Dende Somos Ribadumia non podemos aceptar que un alcalde se rodee dun grupo de matóns que se dediquen a ameazar, atacar e mesmo golpear a quen planta cara ao goberno, e dende logo non podemos aceptar que un dos individuos dese grupo de matóns que acompaña a David a todas partes ataque a un membro da garda civil sen que como mínimo teña consecuencias políticas. Consideramos que deixar a ese home na neveira uns días non é solución. David Castro xa fai moito tempo que debería terse apartado de determinada xente,  debería ter expulsado do goberno e do partido ao señor Miguel  Castro, e rodearse de persoas  que non usen a violencia como recurso. Porén, co que nos encontramos é con todo tipo de xustificacións a actos inxustificables.

   En resumo, a nosa maior festa, referente da comarca, cada ano camiña un pouco máis cara atrás, da man dun xestor que non xestiona e que insiste en crear problemas no canto de aportar solucións, e incapaz de innovar nin de aumentar o atractivo dunha festa que no ano 2018 era un orgullo para a veciñanza, e agora é todo o contrario, e aínda  por enriba con xente próxima ao goberno embarrando a imaxe da Festa e do propio goberno local . Como non pode ser doutra maneira, esiximos outra xestión da festa, e volvemos insistir na necesidade dun patronato que tome as rendas e poña este evento no nivel que lle corresponde, que con 200.000 € de orzamento, é moito mais arriba de onde está.

Que está pasando co subministro de auga pública en Ribadumia?

  • Antes do verán e  xa tivemos problemas de subministro, pero só no deposito que da auga a Ribadumia e Meis.
  • Ou  ben hai unha fuga de importancia en Ribadumia ou ben David Castro oculta en que se está gastando a  auga.
  • Os contadores instalados para detectar fugas, ou non funcionan, ou David Castro oculta o que contan.
  • David Castro culpa á veciñanza da súa incompetencia, mentres ten sen resolver dende fai meses fugas de auga en varios puntos do Concello.

  Antes xa de comezar o verán de maneira oficial, Ribadumia  viviu un problema co subministro de auga pública. A semana pasada o depósito que abastece a Ribadumia e Meis quedou en mínimos provocando que o presidente da Mancomunidade, David Castro, dera orde de cortar o servizo  ao Concello de Meis, unha orde máis que cuestionable, pois él non ten potestade para tomar ese tipo de decisións, nin para deixar un Concello sen auga.

   A cuestión é que o problema detectouse unicamente  no depósito de Sete Pías que da servizo a Ribadumia, Meis e unha zona reducida de Cambados.  Non foi pois un problema que afectara ao todos os concellos conectados ao subministro de Treviscoso, foi un problema de consumo esaxerado en Ribadumia. E  dicimos Ribadumia por que a pesar de cortar  o servizo  a Meis durante máis de 24 horas o depósito non se recuperou nese tempo nin o máis mínimo, de feito foise recuperando ao longo da semana, e moi lentamente.

  David Castro, por boca do xerente da mancomunidade culpou á veciñanza falando dun suposto enchido masivo de piscinas, algo moi lonxe  da nosa realidade. Ribadumia nin ten moitas máis piscinas que anos anteriores, nin porcentualmente ten máis que outros concellos como para que haxa un problema en Ribadumia cando non o hai no resto da comarca,  nin todas esas supostas piscinas  se encheron o mesmo día, para empezar porque a maioría das piscinas hoxe en día están cheas todo o ano, polo que habería que falar  unicamente de piscinas desmontables ou as máis pequenas,  simples pozas inflables que levan moi poucos litros , pero ademais  a maioría énchense con auga de pozos particulares. Para este último caso é ante as acusacións de David Castro de que a veciñanza enche as piscinas con auga da rede de abastecemento, hai que recordarlle ao señor Castro que o goberno de Ribadumia ten unha normativa sobre o uso de auga é que a súa responsabilidade como alcalde é tomar medidas para que a lexislación de cumpra. Se opta por mirar para outro lado cando menos que estea calado e non culpe aos veciños da súa propia incompetencia.

  A realidade é que en Ribadumia nas últimas semanas, con choiva ou con sol, produciuse un uso esaxerado de auga, que non ten nada que ver con ningunha piscina particular, e do que David Castro debe dar explicacións.

Hai que recordar que no ano 2023 o goberno do señor Castro investiu case 50.000€ na instalación  varios contadores de auga na rede, para controlar o consumo e detectar fugas puntuais, así que resulta moi difícil creer que haxa un desaxuste e que o Concello non teña constancia, salvo que eses contadores estean inutilizados, o cal sería o colmo da incompetencia. Tamén resulta difícil de creer que haxa unha rotura capaz de deixar seco o depósito e que o Concello non sexa  capaz de localizada. Polo tanto, temos moi claro que David Castro sabe que está pasando co subministro de auga no noso Concello, e que de maneira intencionada oculta unha realidade que nos pode levar a ter problemas de auga nas próximas semanas.

  Por outra banda, resulta que o alcalde que fala das piscinas dos demais non soluciona as diversas fugas de auga pública que ten detectadas ao longo do Concello, algunha denunciada por nós mesmos e que sigue 9 meses despois estragando miles de litros de auga diarios.

  Esiximos a David Castro  que deixe de culpar á veciñanza da súa incompetencia e que aclare cal é a situación, se Ribadumia ten un problema, explique en que está gastando auga o Concello, e que aclare tamén se nos próximos meses os veciños e veciñas de Ribadumia  imos sufrir cortes de auga mentres no resto da comarca non e por que. E por suposto, que solucione as  fugas existentes.