Os novos parques infantís de Barrantes: ausencia de seguridade e xogos escasos e con perigo.

- Poucos elementos de xogo, menos xogabiliadade e algúns resultan, ao noso criterio perigosos
- Montaxe chapuceira do chan, con bordos perigosos, e fochancas invisibles, ademais de outras carencias de seguridade.
- As nais e pais molestas pola solución aportada logo de anos de mal estado.
- Chapuza arquitectónica no parque infantil contiguo á escola de infantil. E posiblemente o Concello pretenda denegar o seu uso para a veciñanza.
Dende Somos Ribadumia levamos meses recollendo a opinión de nais e pais sobre as reformas realizadas nos dous parques infantís de Barrantes, e tamén a preocupación polo que o goberno do señor Castro está realizando no terceiro parque, sito na contorna do colexio.
Logo deste tempo, a situación de descontento e evidente, e debemos por de relevancia que os novos parques, pois son novos por completo, ademais de resultar unha decepción polo escaso dos xogos e as súas características, convertéronse máis en elementos problemáticos que en solucións para o tempo de lecer dos cativos e cativas, non por non cumplir as normas, que entendemos que cumpren , senón porque quen tomou a decisión política, non fixo un estudo do uso que os parques ían levar nin da idade media dos nenos que ían xogar nel, ou cuestións para nós básicas como separar fisicamente as zonas de xogo e algúns elementos móbiles.
Indo ao concreto, como dixemos, tendo en conta que se reformaron dous parques por completo cun custe de 169.512,22 euros, polo que agardariamos uns parques de certo nivel, o que nos topamos foi uns parques de xogos escasos, en particular no caso do parque da praza do Concello, cunha superficie que ocupa o dobre do anterior, logo de amplialo ocupando a zona verde existente e o parque biosaudable, pero que quedou case co mesmo número de elementos de xogo que o parque anterior. Ademais boa parte dos elementos colocados non permiten a xogabilidade de varios nenos de vez, caso da tan cacarexada tirolesa, da que tanto presumiu David Castro, que só pode usar un neno en cada viaxe, e que aínda por enriba ocupa boa parte do espazo do parque. Ademais do anterior, os elementos de xogo non están agrupados por bloques de idade, como si o estaban anteriormente, en particular no parque da carballeira, e parte dos xogos non teñen , cando menos facilmente visible, a pertinente etiqueta co grupo de idade para o que están pensados.

Varios problemas de seguridade.
Máis aló do anterior, os dous parques reformados quedaron con graves problemas de seguridade. Comezando polos propios elementos de xogo. En ambos parques os novos conxuntos con tobogán, que acostuman ser os que máis gustan, resultan un perigo que obrigan aos pais a estar axudando continuamente aos nenos e nenas a subirse a eles, no caso do parque da Carballeira con bastante dificultade para as propias nais e pais pola forma do xogo. Ademais eses xogos teñen un deseño con aperturas e ocos que poden favorecer caídas. Cómpre decir que o erro non é do xogo, pero entendemos que os xogos escollidos non se corresponden cos usuarios habituais dos parques de Barrantes.
No parque da Praza do Concello a propia tirolesa supón un problema por non estar o seu espazo de actuación acotado, por exemplo cunha valla, que non é obrigatorio, pero nun espazo como ese sería de sentido común. O resultado disto é o constante perigo de choque de nenos que viaxan na tirolesa con outros que andan correndo dun lado para o outro, que obriga a nais e pais a estar continuamente controlando que os nenos que deberían poder correr libremente polo parque non se crucen cos da tirolesa, aínda que non sempre é posible evitar os golpes, e xa son moitas as queixas por esta circunstancia.
Ouro elemento de xogo problemático, tamén por estar colocado de maneira que nos entendemos equivocada, por estar nunha zona de paso, que fai case inevitables os choques entre os nenos que o usan cos que corren polo parque, é o balancín xiratorio colocado no parque da Carballeira.
En conxunto, os elementos de xogo xeran perigo e non favorecen a independencia dos nenos e nenas, obrigando ás nais e pais estar enriba dos nenos continuamente e a participar dos xogos, cando o normal nun parque infantil é que os adultos vixien aos seus fillos e fillas, pero permitíndolles xogar con certa independencia. Isto constata a incapacidade política para decidir o tipo de parque necesario en cada caso, e guiarse ben por modas ben pola idea de colocar algo que luzca e non que sexa práctico no día a día.

Por outra banda, a construción do parques resulta a todas luces mellorable. Non se achanzaron as soleiras correctamente, e da a impresión de que o cespede artificial está colocado enriba do anterior caucho, aínda que supoñemos que non pero en todo caso o chan non están igualado. O resultado é que o tapete dos parques presenta cambios de nivel e pozas que non se aprecian, provocando tropezos de maneira continuada. E por se fora pouco,un bordo de pedra no parque da carballeira, que debería quedar enrasado co chan, pero ao non estar este nivelado nalgunha zona queda máis alto, resultando un chanzo cun bordo de canto vivo que pode provocar danos graves no caso de que un neno caia contra el.

Mención especial tamén para a valla de seguridade do parque da Carballeira, que no canto de perimetrar todo o parque, unicamente cubre unha parte, unha falla de seguridade moi grande, pois non é o primeiro neno que sae correndo cara o anfiteatro. E referímonos a valla do parque da Carballeira, por que cando menos ese ten un anaco, pero o parque da praza do Concello non ten valla ningunha a pesar de que ao estar preto da vía pública debería estar completamente pechado.
O parque infantil da zona escolar.
Ata o de agora, Barrantes contaba cun terceiro parque infantil, sito na contorna do colexio e o campo de A Bouza. Este parque, que pola mañá era usado pola escola infantil quedando pola tarde aberto á veciñanza, tiña moita vida debido a que está nunha zona onde coinciden polas tardes as actividades infantís que se desenvolven no pabillón e os adestramentos das categorías inferiores do Umia.
Pois ben, o señor Castro parece decidido a que ese parque deixe de ser de uso público. E ademais esta acometendo unha aberración arquitectónica ao rodealo por un muro de formigón de máis de metro e medio de altura, que vai facer que o parque quede pechado por todos lados, o cal provocará que a partir de maio sexa un forno onde non se vai poder estar.
Ese muro forma parte da obra que se está cometendo para “humanizar” esa zona, e pretende servir de separación da zona do colexio da área de esparcemento que vai quedar no que ata agora era un aparcadoiro. David Castro, que debe pensar que os nenos son presidiarios e por iso levanta muros de formigón para illalos dentro dos limites do colexio, oculta o que pretende facer con ese parque, e non responde ás nais que preguntan, pero a obra da pistas claras de que esa zona de xogos vai quedar para uso exclusivo do colexio, algo que non podemos aceptar.
Resumindo. O goberno do señor Castro, logo de anos de desleixo e abandono, meteu case 170.000 € en arranxar dous dos tres parques do núcleo, pero o resultado resultou unha chapuza mal executada, que non cumpre cos criterios mínimos de seguridade esixibles, con xogos que non dan moito xeito nin favorecen a independencia dos nenos, e que crean situacións de risco que provocan as queixas continuas das nais e pais que no canto de ir aos parques a gozar da presenza dos cativos xogando teñen que vivir nun estrés continuo por andar detrás deles para evitar un golpe.
E por se fora pouco, David Castro pretende deixar Barrantes sen o parque que máis uso estaba tendo ao longo do curso.
Ou sexa, hoxe Barrantes ten menos parques infantís, e os que ten son cutres e perigosos. Dende Somos Ribadumia esiximos ao goberno local que como mínimo corrixa as deficiencias de seguridade dos parques, coloque vallas de seguridade onde corresponda, elimine todo o que supoña un perigo, corrixa as deficiencias das soleiras, e recoloque os xogos que poidan resultar un perigo pola súa situación. E dende logo, esiximos saber que vai pasar co parque sito na zona do Colexio, que en calquera caso ao remate da obra manteña a súa función como parque público, e que se corrixa o aberrante muro que se está realizando para evitar que ese parque se converta nun forno mal ventilado nos días de sol.

