Irregularidades nos recibos da auga e facturas que chegan ao dobre do que lle corresponde.

- David Castro oculta un problema coas lecturas dos contadores.
- Erros de lectura que levan a aumentos dos recibos do 100%.
- Sumámonos ao xa exposto polo psoe e esiximos de maneira inmediata explicacións públicas e unha auditoría de toda a facturación.
No pasado mes de novembro os socialistas advertiron de que estaban chegando recibos de auga con lecturas incorrectas e cargos tamén incorrectos. Naquel momento o goberno negou ter coñecemento da situación, quitoulle ferro e apuntou a algún problema puntual nalgún recibo, e iso a pesar de que tanto o PSOE como dende Somos Ribadumia tiñamos constancia de que a situación era xeralizada.
Volveu saír o tema no Pleno da semana pasada e David Castro non só negou o problema, limitandoo a un puñado de recibos con erros, senón que admitiu que non realizou ningunha auditoría para comprobar cal podía ser a problemática.
O problema do argumentario do señor Castro é que, unha vez máis, mentiu no Pleno. Si hai un problema coa lectura dos contadores da auga, ata o punto de que neste semestre seguen chegando facturas ás vivendas con lecturas e cargos erróneos. E dende logo hai moitas máis queixas veciñais que a vintena que se dixo no Pleno. E por suposto, o señor Castor está máis que ao tanto da situación.
Por outra banda, hai que entender o alcance deste tema. Un erro do 20% na lectura, pode carrexar unha suba no recibo do 100% derivado dos canons da Xunta, que se aplican por tramos, e que a diferenza do consumo, onde un erro pode corrixirse na seguinte lectura, non se corrixen.
Polo tanto, outra mentira do alcalde é que aos veciños “non se lle cobra un euro de máis”. Estáselle cobrando de máis, e bastante. Pero como as cantidades no económico non resultan chamativas e ademais boa parte dos recibos está domiciliado, os erros están pasando desapercibidos na maioría dos casos.
Dende Somos Ribadumia temos moito claro que un problema deste tipo, cando se sostén no tempo deixa de ser un erro e pasa ao ser un roubo á veciñanza, perpetrado por quen sabendo da situación, mira para outro lado e se limita ao encher a carteira do Concello con cartos que non corresponden.
Por todo isto, esiximos rigorosidade. David Castro debe explicar publicamente que está pasando, debe auditar de maneira inmediata toda a lectura dos contadores e o proceso de cobro, e corrixir calquera erro. Esiximos a paralización do cobro deste semestre, e que se volva realizar as lectura de todos os contadores, esta vez correctamente.
E por suposto esiximos responsabilidades políticas por enganar á veciñanza e por ocultarlle esta problemática.

