David Castro valeira de contido os Plenos para evitar dar explicacións da súa xestión.

- Convoca o Pleno Ordinario sen apenas puntos a tratar.
- Oculta a situación económica do Concello.
- Hai un total de 15 mocións da oposición pendentes de levar a Plenos, 12 de Somos Ribadumia.
- Isto súmase á Plenos Ordinarios que non se convocan, outros que se convocan como Urxentes para tratar temas importantes a horas imposibles e outros detalles como a negativa ao emitir os Plenos.
Dende Somos Ribadumia queremos por de manifesto a situación totalmente antidemocrática e anómala que vive Ribadumia gracias aos feitos de David Castro, decidido a rematar con calquera funcionamento democrático.
As última xogada do señor Castro consiste en baleirar de contido os Plenos Ordinarios, unha xogada que copia doutros alcaldes populares, coa que pretende evitar dar explicacións da súa xestión, liquidar o debate político e limitar as capacidade da oposición para expor as súas posicións políticas.
O Pleno que debe celebrarse este xoves xa está convocado. Contra o habitual nos Plenos Ribadumienses, que sería incluír os puntos de obrigado cumprimento así como as propostas de acordo do goberno e oposición, encontramos un Pleno con só cinco puntos, tres dos cales son a aprobación da acta anterior, dar conta das resolucións de alcaldía, este último por certo nin sequera se levaba a Pleno ata que dende as nosa formación lle recordamos que é obriga legal, e o outro Rogos e Preguntas, que ao igual que os dous anteriores é obrigatorio nun Pleno Ordinario.
Os outros dous puntos serán as propostas de homenaxeadas para o 8M , un punto que o goberno sabe non vai xerar debate, e dar conta dunhas cesións de terreos, que nin sequera é un punto de debate, unicamente un punto de autobombo para o alcalde que precisa desesperadamente anunciar obras, logo do fiasco da integración de Ramiro Lorenzo, que non arrastrou con él a ninguén e deixa o panorama político máis aberto do que ao señor Castor lle gustaría.
O que non inclúe a convocatoria, cuxo contido decide en exclusiva Alcaldía, que é quen ten a competencia para facelo, é a obrigatoria dación de contas da situación económica do Concello, que leva sen incluírse na Orde do Día dos Plenos dende o pasado mes de maio. Non é unha cuestión menor , pois o ultimo dato publicado no ministerio, de setembro de 2025, sitúa o PMP en 99 días, triplicando o máximo legal establecido.
Tampouco inclúe ningunha das 16 mocións e propostas presentadas pola oposición que o goberno local ten pendentes de levar a Pleno, das cales 12 son mocións de Somos Ribadumia, a quen David Castro bloquea intencionadamente, 3 son mocións do PSOE e do BNG e tamén hai unha proposta formal por parte de Ramiro Lorenzo de facer fillo predilecto as Rafael Louzán, que tampouco parece que vaia chegar a ningún lado a pesar de ser a única proposta dese Concelleiro en case tres anos de mandato.

Esta situación é totalmente inaceptable. Ademais, non é unha cuestión puntual. A esta nova tactica de avestruz para evitar confrontar as súa xestión coa oposición, hai que sumar todo tipo de artimañas e bloqueos, algúns denunciados tamén por outras forzas da oposición:
- Plenos Ordinarios que non se convocan, como o do pasado xaneiro ou o de xullo do ano pasado, que está nestes momentos pendente de resolución polo TSXG logo de que o Contencioso sentenciara que debe celebrarse e David Castro presentara recurso.
- Plenos convocados de Urxencia, varias veces de maneira intencionadamente errónea para xogar cos prazos, e a horas intempestivas para evitar a presenza da oposición.
- Ocultación de documentación, dende os acordos das Xuntas de Goberno a todo tipo de expedientes, como a contratación dun “asesor” ou a lista de convidados ao Xantar do Tinto . A este respecto cómpre sinalar que dende a nosa formación levamos varios procesos no Contencioso para lograr acceso a diversa documentación, unha dinámica que imos ter que manter vista a postura do señor Castro.
Dende Somos Ribadumia queremos deixar claro que non imos aceptar este tipo de comportamentos, e advertímoslle ao señor Castro que non lle van servir de nada, nin vai evitar que expresemos publicamente e fagamos chegar á veciñanza a nosa postura ante os desastres da xestión do señor Castro e as nosas propostas, nin vai conseguir ningunha reacción pola nosa banda fóra do ámbito democrático e legal.

