Un bombeo de saneamento roto en Leiro leva catro meses vertendo fecais á vía pública, a fincas particulares e ao río Umia.

  • O bombeo roto, na zona de Ponte Arnelas, leva dende outono cunha bomba avariada.
  • A solución do goberno de David Castro: verter fecais á  vía pública, ás fincas particulares e ao río Umia.
  • A rotura pon en evidencia os problemas de saturación na rede de saneamento, sobrecargada de pluviais.
  • Xa houbo unha vivenda afectada, pero a solución do Concello non chega.
  • Co inverno que levamos, e o señor Castro non soluciona nin o máis básico.

Dende Somos Ribadumia debemos lamentar , unha vez máis, a falta de dilixencia na xestión de calquera problema que xurde no noso Concello e a desidia coa que actuan David Castro e o seu equipo, neste caso o Concelleiro de Urbanismo.

  Nesta ocasión, poñemos de manifesto a situación que acontece nun rueiro da parroquía de Leiro, onde a rotura sen resolver dun bombeo da rede de saneamento está dando máis dunha dor de cabeza.

  Dito bombeo padeceu a rotura dunha das súas bombas no pasado outono. Nada que dicir, as maquinas avaríanse e este tipo de bombeos rompen a miúdo. O problema é que nestes meses  o goberno local  non foi quen de resolver o problema, nin de arranxar a bomba avariada, nin de substituíla por outra.  Ademais, ao Concelleiro de Urbanismo e ao señor Alcalde debeulles parecer pouca avaría, e colocaron unha bomba auxiliar a bombear a rede, pero por un motivo que descoñecemos, está bombeando para fora da rede de saneamento, vertendo fecais á vía pública en primeiro lugar, ás fincas privadas un pouco despois, mantendoas totalmente anegadas, e finalmente ao río Umia, que pasa moi preto nesa zona.

 Un despropósito en toda regra que debemos denunciar publicamente, por que ademais a situación da rede de saneamento, saturada e con ese bombeo chapuceiro que nin sequera cumpre correctamente coa súa función, xa provocou danos por retornos nunha vivenda, ata o punto de que o propio Concello tivera que actuar cando menos nunha ocasión.

Dende Somos Ribadumia esiximos dilixencia ante estes problemas, e solucións rápidas, pois é totalmente inadmisible que este tipo de situacións se manteñan no tempo, non digamos xa durante meses.

Esiximos tamén responsabilidades políticas, ante unha situación que provocou danos a particulares, que mantén varias fincas anegadas e que supón un punto de vertido ao río Umia, algo da máxima gravidade.

Deixar un comentario