Pedimos ao Concelleiro que se vendeu ao PP, coherencia.

  •  O suposto acordo de integración dun Concelleiro de Xuntos no PP, unha vergoña política.
  • Queda demostrado que o Concelleiro de Xuntos leva un ano traballando para o PP dende a oposición.
  • O Concelleiro de Xuntos debe renunciar a todas as obrigas e dereitos dentro do grupo mixto.
  • Ante a denigración que fan algúns da política, nos defendemos a súa utilidade e necesidade, e o valor dos partidos municipalistas.

     Fai un ano facíase público que Xuntos, a formación nacida logo do retorno de David Castro ao  PP, estaba negociando a súa reintegración no Partido Popular. Ven de confirmarse, nun acto de puro paripé, que o único  Concelleiro de Xuntos volve ao PP. Dicimos o Concelleiro, por que non están nada claro que a decisión a tomara ninguén máis que o propio Concelleiro, sen apenas apoio nun acto ao cal só o acompañaron dúas persoas do seu partido.

   Dun xeito ou outro, dende a nosa formación non nos corresponde  valorar as decisións doutras formacións. Pero sen valorar as decisións dos partidos, si queremos valorar a situación política que emerxe de toda esta lameira política, e que afecta dun xeito ou outro á nosa veciñanza.

   As formas e os obxectivos son importantes en política. Para nós que dous ou máis partidos cheguen a acordos, ou mesmo que se unan, cando se fai dentro dun marco de negociación transparente, non para os que negocian, senón para os que militan e  votan aos partidos que están nesa situación, e sempre e cando as condicións dos acordos sexan públicas e transparentes e xiren a redor de proxectos políticos, non ten nada de criticable, pois eses procesos forman parte do funcionamento da política.  E isto último é a chave e o elemento diferenciador con este caso: acordos en base a proxectos políticos, con medidas políticas, son lexítimos; acordos en base a proxectos personalistas, con mercadeo de postos e cartos, nin son lexítimos nin se poden aceptar, e van en detrimento tanto da función pública da política, como da imaxe que se traslada á cidadanía.

  É moi lamentable a situación á que David Castro, obviamente coa conivencia e aceptación doutros actores, levou ao espazo político local e comarcal , converténdoo nunha feira de gando, comprando e vendendo vontades e persoas  unicamente polo afán do señor Castro de manterse no poder local.  Por que aquí do que estamos falando é do futuro político de David Castro, e de ningunha outra cousa máis.

   Compre recordar que  o señor Castro, primeiro vendeuse aos Independientes por Ribadumia  para vingarse de Rafael Louzan e Salomé Peña, por deixalo tirado e negarlle a alcaldía logo da saída de Nene Barral. Despois, cando se fixo evidente que podía perder as eleccións, e logo de anos renegando do PP, vendeuse de volta a ese partido para poder manterse na alcaldía, cousa que conseguiu polos pelos pois polo camiño a suma electoral de PP e IR no 2023 caeu á metade e Castro levou a alcaldía por un puñado de votos.  E agora, leva case tres  anos comprando vontades, co mesmo obxectivo de aguantarse e medrar no PP. Primeiro comprando a Asperez en Meaño para facerse coa presidencia da mancomunidade, e agora comprando ao Concelleiro de Xuntos, para asegurarse unha representación que electoralmente a día de hoxe non lle corresponde e ao tempo cumprirlle o capricho ao presidente provincial do Partido Popular,  que non quere que haxa alternativas nos Concellos que confronten no espazo electoral do seu partido, para non poñer en risco a súa cadeira de presidente na Deputación. Ambos usan os recursos públicos para manterse no poder, non para beneficiar á cidadanía, e no camiño denigran a imaxe da política ante esa cidadanía, que mira que no canto de solucións aos seus problemas , pagan cos seus impostos as loitas polo poder duns poucos.

  É lamentable que o señor Castro, pero tamén o señor Luís López e o propio PP convertan a política no que estamos vendo. Lamentable e indigno que persoas así estean en política.

 Pero obviamente temos que ter en conta que o que acontece ten outros actores que aceptan este xogo e que son igual de indignos. Non foi David Castro quen desta volta xogou ao despiste, pois o seu entorno máis próximo e el mesmo levan asegurando en privado que o trato con ese concelleiro está pechado dende outono de 2023. Foi a outra parte, quen ao mesmo tempo que mantiña un perfil político moi baixo, facendo desaparecer o seu partido da escea política local,  negaba insistentemente a existencia do acordo agora anunciado. Un acordo do que por certo ninguén coñece os detalles. E foi a outra parte a que deturpou o seu propio proxecto político por intereses propios.

  Pola nosa banda, dentro da Corporación, que é o que nos compete a Somos  Ribadumia, este Concelleiro creou unha situación moi incómoda, que ademais leva rompendo as regras democráticas meses.

   Xuntos non ten grupo propio na Corporación. Está integrado con Somos Ribadumia e BNG  no denominado Grupo Mixto. E estao a todos os efectos, dende os de reparto de representación ao reparto das asignacións económicas aos grupos políticos.

   O Concelleiro de Xuntos declarou ante a prensa que vai renunciar a representación nas Comisións Informativas. De ser certo dende Somos Ribadumia debemos dicir en primeiro lugar que chega tarde, pois xa fai un ano que lle pedimos formalmente que cedera todos os seus dereitos en tanto non rematase  o proceso de negociación que el mesmo fixo público. Non fixo caso, co resultado confirmado do que advertimos que podía pasar, e que consideramos relevante que a veciñanza teña coñecemento:  durante estes meses dende a nosa formación tivemos problemas para acceder a documentación diversa e para poder participar de  pleno dereito nas Comisións Informativas por causa precisamente da actitude deste Concelleiro, quedando agora patente que a situación atendía a unha estratexia do PP de recortarnos dereitos e poñernos paus nas rodas usando de toupa  dentro do grupo mixto a este concelleiro.  

  En segundo lugar, a día de hoxe non recibimos ningunha comunicación por parte dese Concelleiro nin do seu partido, nin do acordo co PP nin da decisión do Concelleiro de ceder os seus dereitos de representación nas Comisións Informativas ou noutros ámbitos. A este respecto, vimos as declaracións que fixo á prensa sobre a comunicación cos partidos da oposición e en concreto os supostos motivos polos cales non informou a Somos Ribadumia. A foi desas declaracións recordarlle a ese Concelleiro que non está nin no patio dun colexio de primaria nin nunha película americana. En política, as comunicacións fanse de maneira formal, non por whatsapp, e fanse con respecto absoluto aos partidos, as persoas que os forman e as persoas que os votan. En política falan os feitos, e os dese Concelleiro, para nós deixan moi claro cal é o seu nivel político, e quen está a altura e quen non.

   A realidade, é que en Ribadumia, quen quería que David Castro fora alcalde votou por el, quen quería outra opción votou outra opción, e entre as alternativas estaba Xuntos, un partido que recibiu moito apoio de persoas que sendo votantes naturais do PP, non querían nin queren que David Castro teña a alcaldía. Unhas persoas ás que o seu representante na Corporación deixou tiradas sen dar explicación algunha , rompendo deste xeito as normas do xogo democrático e a vontade da cidadanía, dándolle ao señor Castro unha representatividade que non lle dou a veciñanza.

  Dende Somos Ribadumia agardamos que cando menos ese Concelleiro teña agora o que lle leva faltado nestes meses, un mínimo de dignidade e decencia, e sexa coherente cos seus actos. Non se pode estar na oposición e no goberno ao mesmo tempo, polo tanto se o señor Lorenzo pretende estar no goberno, cousa que xa veremos se chega a acontecer e en que grao, o ético e o correcto é que renuncie a todas as responsabilidades na oposición, que o faga de maneira formal, e que tamén de maneira formal llo comunique aos seus compañeiros na oposición. 

Por último, queremos deixar claro que a imaxe que traslada o Partido Popular e en  concreto algúns dos seus membros, intencionada en moitos casos, e que leva a cidadanía a crearse unha opinión moi negativa da función da política e dos partidos políticos non responde á realidade.  A política non vai de enriquecer e dar poder a uns poucos, vai de resolver os problemas da cidadanía.

 Neste aspecto queremos poñer en valor á forzas municipalistas como Somos Ribadumia, con estruturas moito máis pequenas que impiden que determinadas persoas ou actitudes  poidan desenvolverse dentro delas. Dende o noso partido levamos anos traballado moi duro para defender a dignidade e a necesidade da política como ferramenta para mellorar o mundo no que vivimos, e os nosos feitos falan por nos por enriba de todo o ruído mediático.  Somos o único partido no noso Concello que non entra de ningunha maneira nos xogos de David Castro, e temos moi claro que o problema non  é tanto o PP, que tamén pois permite que pasen cousas que non debería permitir,  como das persoas que o forman. Defendemos e defenderemos a utilidade da política, e temos moi claro que casos como este demostran que hoxe por hoxe, en Ribadumia e nos Concellos onde existen formacións como a nosa,  somos os únicos partidos que temos  á nosa veciñanza como única prioridade.

Deixar un comentario