O Nadal máis cutre da comarca, pero tamén o máis caro.

  • Nula campaña de apoio ao Comercio Local.
  • Nula axenda de actividades, en especial actividades infantís.
  • Escaso e discreto alumeado.
  • Novo fracaso do concurso de carrozas, cunha única presentada, e sen apenas repercusión e apoio social do resto de concursos.
  • De 4.000 € a 30.000 € foi a suba do gasto en Nadal dende o 2022 ao 2025 (sen contar alumeado, que pasou nese tempo de 25.000 e a 35.000 €).
  • A donde van os cartos do Nadal?

  Unha vez pasado o Nadal compre facer unha valoración sosegada das diferentes actividades organizadas dende o Concello, e o primeiro que queremos pedir dende Somos Ribadumia é que David Castro siga o noso exemplo e analice ben como está desenvolvéndose o Nadal ribadumiense nos últimos anos, porque a deriva que leva é do máis preocupante. E xa postos que analice ben en que está gastando os cartos, por que o descontrol é moi evidente, para o caso de que non se estean desviando cartos a outras cousas.

   De partida debemos lamentar unha vez máis a continua improvisación e a falta de ambición e, sobre todo, interese do goberno local por ter unha campaña de Nadal minimanente interesante para a nosa veciñanza. A axenda de actividades de Nadal foi presentada a bombo e pratillo, pero sen apenas actividades, e menos aínda organizadas polo Concello, que é a cuestión que nos compete. Debemos salientar como algo moi negativo, que en todo o período vacacional non houbo ningunha actividade infantil  no noso Concello, salvo a cabalgata e antes as habituais visitas dos paxes reais e cuestións similares.

O resultado da falta de actividades propias foi que o goberno local dedicou os recursos públicos maiormente a promover  AF7 indoor, un evento que non organiza o Concello, que dende o noso punto de vista debería programarse en outras datas menos complexas para as familias que o Nadal e que dende logo a Ribadumia non lle aportou nada en absoluto.

   Unha cuestión que consideramos moi grave é a desaparición das campañas municipais de apoio ao comercio e hostalería locais. Os feitos son indiscutibles, mentres os Concellos vecinos dedican cartos a incentivar as compras no comercio local, o goberno do señor Castro non dedica nin un so euro, e por non facer non fai nin campaña nas redes. Volvemos remarcar que con Somos Ribadumia no goberno, os comerciantes eran unha peza importante no Nadal, dábaselles visibilidade e protagonismo e apoio a través de varias accións, un apoio que sempre dixemos que era insuficiente pero que co paso dos anos foise diluíndo ata o punto de que  o comercio e a hostelería levan anos desaparecidos de calquera acto organizado polo goberno local. É inaceptable que o Concello de Ribadumia sexa a única administración local da comarca que non realiza campañas de apoio ao comercio e hostalerías locais.

  Por outra banda, os diversos concursos de decoración que se organizan dende fai anos son un completo fracaso, e non porque a veciñanza e o comercio non poñan decoración. Cada vez estes concursos contan con menos apoio social, e dende o noso punto de vista o problema está en que nin os premios resultan atractivos, nin hai unha implicación do Concello en facelos visibles e en impulsalos para que logren os seus obxectivos, como demostra o feito de que este ano o goberno nin se molestou en publicar os escaparates e as vivendas gañadoras dos respectivos concursos. Ao señor Castro chégalle con poñelo todo nun cartel e facerse a foto cun gorriño vermello, pero este tipo de iniciativas non se realizan para que os alcaldes se fagan fotos, senón para dar vida aos Concellos. 

  Mención a parte o concurso de Carrozas de Reis. A iniciativa, posta en marcha por Salomé Peña, logo suspendida por decisión do señor Castro no ano 2016 e posteriormente recuperada polo propio Castro no 2023, resultou, por terceiro ano consecutivo, un completo fiasco. Nestas tres últimas edicións unicamente se presentou a concurso unha carroza, a das ANPAs Ribadumienses, que xa participaban cando non había concurso. Resulta evidente que ese concurso, tal como xa dixemos anteriormente, ten que organizarse doutro xeito, para lograr a implicación doutros colectivos, senón non ten ningún sentido.

   Tampouco convence o alumeado de Nadal. E non convence polo mesmo motivo que non convencía o ano pasado : as características minimalistas do tipo de alumeado instalado, resulta moi pouco vistoso se non se modifica a colocación do mesmo para adecualo aos parámetros actuais. Non esquezamos que o Concello de Ribadumia é dos Concellos da comarca  que dedica máis euros por habitante ao alumeado público, e iso debería verse reflectido no mesmo, máis non se mira, e ao  final  a sensación de que o alumeado é escaso é o que queda. Instamos a David Castro a que leve a Pleno e aprobe a nosa proposta, presentada vía moción fai un ano, de sacar a concurso os alumeados de nadal e das festas, o camiño que consideramos máis sensato para poder ter, a un prezo razoable, uns  alumeados de calidade e que convenzan á veciñanza.

 A donde van os cartos do Nadal?

 

Para rematar, non podemos pasar por alto a cuestión económica. Por que o Nadal de Ribadumia, cada ano é máis reducido, pero sen embargo os custes cada ano medran exponencialmente. O alumeado pasou de costar 25.000 €  en 2022, a contar cun orzamento de 35.000 € no 2025, unha suba dun 30% que chama a atención por que en esencia tivemos o mesmo alumeado nos tres últimos anos.

  Pero máis chamativa é a suba no resto de gastos en actividades de Nadal. No 2022 gastáronse 3.871,95 €, no 2023 8.385,91 €, no 2024 14.399,15 € e no 2025 constan orzamentados 29.150 €.  En catro anos os custes nadal multiplicaronse por 8, pasando dos case catro mil euros a rozar -falta a cifra final que coñeceremos cando se aproben as contas do 2025 – os 30.000 €. Esta suba  dun 800% dende o noso punto de vista é completamente inaceptable en canto que as actividades, que cada ano son menos, non parecen xustificar este  aumento de gasto.  

  En resumo, o Nadal cústalle á veciñanza de Ribadumia 65.000€, unha cifra nada pequena para un Nadal máis que modesto. Por este motivo xa adiantamos que imos pedir a facturación completa dos últimos anos e analizar moi ben en que se gastan os cartos, pois temos moitas dúbidas  de que se estean gastando en actividades de nadal.

Deixar un comentario