Un ano despois, David Castro, intenta tapar un buraco de 855.000 € .

- Recoñeceu en Pleno que no 2024 se fixeron gastos se contar con partida orzamentaria por valor de 855.650,02 €.
- Fixo mal unha Modificación de Crédito. Decaeu. Mentiu durante un ano. Agora volve facer o proceso mal.
- David Castro paga cos cartos da veciñanza un asesor para corrixir os erros da Concelleira que debería dimitir e non dimite.
Un ano tardou David Castro en levar a Pleno un mecanismo, o Recoñecemento Extraxudicial de Crédito (REC) , que lle permita tapar o buraco de case 1 Millón de Euros que provocou no ano 2024, ao pagar en facturas un importe superior aos 855.000€ sen ter a dispoñibilidade dos cartos.
No Pleno celebrado onte aprobáronse dous puntos. Por unha banda, un Recoñecemento Extraxudicial de Crédito, recoñecendo con el a existencia dun buraco económico de 855.650,02€ . Tal como expuxo Sergio Soutelo, “ O REC é un mecanismo pensado para solucionar un erro puntual na xestión. Pero esta cantidade de cartos resulta moi elevada, e vendo a natureza do que se recoñece, facturas variadas, non falamos dun erro puntual nin concreto. Falamos do resultado dun ano enteiro de mala xestión dos recursos e dous de incompetencia para a xestión política”.
O problema que motivou o voto en contra da nosa formación, é que todo o proceso está viciado e mal resolto, creando unha situación de inseguridades xurídica e económica. Cómpre dicir que o REC ten orixe nunha Modificación de Crédito de 840.000€ que o goberno levou a Pleno en decembro de 2024, e que decaeu por qué o goberno levouna tarde e non cumpriu a obriga de aprobarse dentro do ano en curso. “Este foi o primeiro erro da Concelleira de Contas, que deu por feito que non tiña a obriga de cumprir os prazos nin de dispoñer toda a documentación . Cando en agosto deste ano tivo que entregar a documentación que ocultou desa Modificación no xulgado, deuse conta de que lei é para todos”. O segundo erro da Concelleira, do alcalde e do resto do goberno foi confiarse de que podían facer o que lle dera a gana sen consecuencias, por ese motivo deron orde de pagar esas facturas – segundo declaracións da propia Concelleira de contas – sen ter a dispoñibilidade dos cartos, creando un buraco nas contas de 855.000 € que levan un ano intentando tapar.
O que debemos lamentar do goberno , é a actitude ante un problema creado por eles mesmos, que os leva a actuar deturpando os procementos para evitar admitir os seus erros na xestión e o descontrol no gasto que teñen. O REC aprobado onte poderíase ter aprobado en xaneiro ou febreiro, e despois se non había cartos , como foi o caso, aprobar unha modificación de créditos para facerlle fronte. “porque para este proceso nin sequera fai falla ter aprobado o orzamento”. O que pasou pola contra foi que tivemos á Concelleira pleno si, pleno tamén, falando de que había que traer a Pleno a alegación a unha Modificación de Crédito decaida o 31 de decembro, enredando e perdendo o tempo no canto de resolver pola vía máis rápida, e ademais perfectamente legal.
O problema da Modificación de Crédito
Por outra banda, nin sequera o Pleno se planificou da maneira correcta, aprobando o REC antes de resolver a Modificación de Crédito, que estaba recorrida polo noso partido e que se resolveu con posterioridade da aprobación do REC.
Neste caso o que temos é un absurdo derivado da negativa da Concelleira a admitir os seus erros e da súa fuxida cara adiante. A Modificación de Créditos, como se explica no recurso, ao facerse para pagar facturas do ano anterior, require da existencia dun REC, e debe figurar no expediente ou ben a súa existencia ou ben a previsión de aprobalo de maneira paralela. O goberno ocultou está cuestión e desestimou a alegación sen facer unha corrección que era moi sinxela de realizar.
Ao facelo así invalidou todo o procedemento. “e pon en risco o uso de 955.000€ , pois o contencioso podería tumbar toda a operación por facer mal o procedemento”. Dende Somos Ribadumia xa advertimos que nos reservamos o dereito de acudir ao contencioso para que clarifique se esta maneira de xestionar é correcta. Pero máis que o proceso, o que nos preocupa é a situación de descontrol económico na que se encontra o Concello, coas contas do ano 2024 sen aprobar e sen informar á oposición, e co orzamento do ano 2026 sen aprobar.
Ademais estamos moi preocupados polo papel do asesor externo contratado, sobre o cal David Castro oculta o contrato que ten, o que nos costa e o que está facendo, e cal é esa situación á que se referiu en Pleno David Castro que require dunha solución. E volvemos a pedir por incompetente para o cargo, a dimisión da Concelleira de Contas, máis se a súa xestión fixo necesario contratar un asesor para que resolva o lío no que meteu ao Concello.
