David Castro: bulos e ataques ao persoal municipal  para xustificar o inxustificable.

@somosribadumia

𝗔 𝘃𝗲𝗿𝗱𝗮𝗱𝗲 𝗱𝗼 𝗾𝘂𝗲 𝗽𝗮𝘀𝗮 𝗲𝗻 𝗦𝗲𝗿𝘃𝗶𝘇𝗼𝘀 𝗦𝗼𝗰𝗶𝗮𝗶𝘀. Un informe da Inspección de Servizos Sociais da Xunta confirma a denigrante situación do despacho do Educador Familiar e a mala situación de todo o departamento, derivado da xestión política do señor Castro. Pero esta xestión e a negativa do señor Castro a corrixir o que está mal, o que oculta realmente son os intentos do alcalde por librase do Educador Familiar e da Traballadora Social,  co obxectivo de poñer nos seus postos a persoas mais flexibles e dispostas ao que el considere, e así facer unha  política miserable a través dos Servizos Sociais.   E mentres el anda nesas danzas, a realidade é que a nosa veciñanza está mal atendida, en espazos minúsculos, sen intimidade, sen tranquilidade, sen axudas dignas. Está é a realidade que o señor Castro intenta ocultar atacando a @SomosRibadumia . #Ribadumia #ninxeitonindereito #AbandonadaRibadumia #Ribadumiaconcellosenlei

♬ sonido original – somosribadumia
  • As carencias do despacho do educador familiar foron postas de manifesto en varias  ocasións, e non se resolveron.
  • A realidade é que David Castro quere liquidar á traballadora social e ao educador familiar, e todo o canto fai xira ao redor dese obxectivo.
  • Desmentimos os bulos de David Castro con documentos.

  David Castro decidiu xogar a baza do bulo e da deturpación da realidade  para intentar xustificar a situación que hai no departamento de servizos sociais e de paso  tapar as súas intencións reais. E faino ademais da maneira máis miserable posible, mentindo e sinalando ao persoal do departamento e a Somos Ribadumia cando o único responsable é quen ostenta o bastón da alcaldía. Á vista desas declaracións, consideramos necesario facer fronte a eses bulos e a esa distorsión  da realidade, remarcando que todo está recollido  documentalmente, e tamén poñer negro sobre branco a realidade do que pretende o señor Castro, que non é outra cousa que o uso partidista dos Servizos Sociais.

  En primeiro lugar cómpre aclararlle ao señor Castro que “oportunismo político” é un termo que hai que saber empregar. Dende Somos Ribadumia cumprimos coa nosa función fiscalizadora, e facémolo con moito máis respecto cara o goberno do que recibimos de volta. Por ese motivo agardamos a que vencerán amplamente os prazos que a Inspección de Servizos Sociais lle marcou para resolver as deficiencias no departamento. Non só iso;  tendo coñecemento doutros requirimentos anteriores da Inspección de Traballo, gardamos silencio dando tempo para que se aportaran as solucións.

 Obviamente o problema é que David Castro non fixo nada, e agora, a pesar de que el mesmo admite a situación,  non quere asumir responsabilidades.

  Indo ao concreto e comezando pola situación do despacho do educador familiar. Non só Inspección de Servizos Sociais reclama que se cambie. Tampouco a Inspección de Traballo, nunha visita realizada o 26 de novembro de 2024, deu por válida a situación do despacho nin as actuacións supostamente de mellora como a colocación dun aire acondicionado e  solicitou a actuación do Consorcio Oficial de Pontevedra para a Prestación do Servizos de  Protección contra Incendios e Salvamento, un ente xestionado pola Deputación, para que elaborase un informe da situación dese despacho e das medidas que deben tomarse, unha actuación que por certo non consta que se tivera realizado.

En todo caso David Castro minte cando asegura que Inspección de Traballo dou  por válido o despacho do educador familiar, por que iso a día de hoxe non aconteceu. E ademais  volvemos insistir,  Inspección de Servizos Sociais certificou que o despacho non cumpre como espazo de atención á veciñanza.

  Sobre a suposta “mellora” do departamento aumentando o persoal compre facer varias aclaracións. A primeira relativa ao posto de administración que David Castro liquidou fai máis de un ano e que segue sen cubrirse. Ademais de perder a subvención para sufragar os gastos desa persoa, David Castro deixou ao departamento eivado. O persoal administrativo cumpre funcións primordiais no desenvolvemento do departamento, que non poden ser asumidas polos traballadores sociais sen provocar unha  merma na calidade asistencial. Así que non mellorou o departamento, empeorouno. E non o dicimos nós; a traballadora social e o educador familiar remitiron un escrito á alcaldía en agosto de 2024 cando tiveron coñecemento de que David Castro ía prescindir da persoa que ocupaba ese posto solicitando que se mantivera o posto. Por certo que a actuación do señor Castro con respecto a persoa que ocupaba o posto foi tan chapuceira que rematou con denuncias no xulgado que están hoxe pendentes de resolverse,   como o propio goberno informou no Pleno de novembro.

Nese escrito asinado pola traballadora social e o educador familiar aclarase a necesidade de manter o posto de administrativo a día de hoxe sen cubrir, e tamén  que a composición do departamento tal como se establece legalmente, non require dun segundo traballador social, pero si dunha persoa de administración. Este apuntamento resulta moi importante.

Por un lado porque hai que ver por que motivos prescindiu o señor Castro da persoa que levaba a cuestión administrativa, que non son outros que a negativa a realizar funcións que non eran da súa competencia, ou dito doutra maneira, o señor Castro pretendía con esa persoa pontear á traballadora social e ao educador familiar.

  Segundo este fío de actuación, dende  Somos Ribadumia estamos algo cansos dos intentos do señor Castro por tapar o que está facendo. Queremos deixar claro e remarcar  algo  que xa dixemos: David Castro o que pretende con todas as súas  actuacións en servizos sociais é  liquidar ao educador familiar e á traballadora social. Ao primeiro castigouno nun zulo,  entre outras feas xogadas, e á segunda sacoulle boa parte das competencias en favor dun segundo posto de traballador social que ninguén pediu e que tampouco reforza nada. E non  é so por odios persoais e infantís, tan marca da casa. O que busca dende fai anos o señor Castro é ter unha persoa que faga os informes como el considere, usando así o departamento de Servizos Sociais como unha ferramenta política, mercadeando con axudas e con cuestións moi delicadas. Isto é totalmente inaceptable e resulta nunha maneira moi miserable de facer política que non imos tolerar, polo que advertimos moi seriamente de que imos mirar con lupa a quen se lle da ese segundo posto de traballador social e tamén o traballo que realiza.

   Por último, David Castro falou dunhas deficiencias internas, unha maneira nada disimulada de sinalar ao persoal do departamento. E asegura sobre esas deficiencias que supostamente  el mesmo leva tempo  advertindo. Pois xa será nunha realidade paralela, por que nesta  realidade David Castro declarou en varios Plenos, e así consta nas actas e se pode corroborar nos videos dos Plenos, que o departamento de servizos sociais funciona de maneira correcta. Así que, ou minteu nos Plenos ou minte agora. O que certamente non pode dicir é  que non estivese enterado, á vista da cantidade de escritos diferentes que entraron polo rexistro nos últimos meses e mesmo anos.

  Outra  cousa é que fixera algo por resolver os problemas, que como xa dixemos, non foi o caso. Por qué mais aló das declaracións do señor Castro   sobre  as deficiencias de “carácter técnico”  que recolle o informe elaborado pola Inspección de Servizos Sociais, relativas a cuestións de xestión dos programas informáticos,  algo ao noso modo de ver secundario,  non consta ningún tipo de actuación  por parte do alcalde. O que si constan, son varios escritos do persoal do Concello e dos sindicatos pedindo aclaracións sobre diversos procedementos e reunións para solucionar diversos problemas, así como  varias solicitudes para facer cambios que permitisen resolver esas cuestións técnicas, por certo derivadas do método de atención ao público imposto por David Castro.

Por que a realidade, terca e demostrada, como pode corroborar quen pase polo departamento de servizos sociais, e que todos os problemas que hai na atención e na xestión dos servizos sociais se derivan das decisións de David Castro. Polo que pedímoslle que deixe ese camiño que non leva a ningún sitio bo, e corrixa os problemas que el mesmo creou.

Deixar un comentario