A Xunta de Galicia ditamina que o despacho do educador familiar non cumpre a lei e numerosas irregularidades máis.

- Unha inspección pon de manifesto numerosas carencias no servizo derivadas dunha mala xestión política.
- O despacho non cumpre, falta cubrir a praza de administrativa e parte do persoal do SAF que non ten acreditada a súa formación, algunhas das deficiencias.
- Moi lamentable estado do material de préstamo (cadeiras de rodas, camas articuladas…)
- O prazo para resolver estas irregularidades xa venceu, pero David Castro non fixo nada.
Levámolo dicindo meses dende Somos Ribadumia, tamén os traballadores de servizos sociais e os sindicatos, e as propias persoas usuarias, a través de medio cento de queixas formais presentadas por rexistro. E agora é a Xunta de Galicia a que ditamina que o despacho do educador familiar non cumpre a lei e non permite nin o correcto desenvolvemento laboral do educador familiar nin a atención digna as persoas.
Unha inspección realizada o pasado dez de outubro, puxo de manifesto este e outros incumprimentos, algúns graves, recollidos nun requirimento fulminante que pon contra as cortas a xestión e as mentiras reiteradas de David Castro.
O informe que completa o requirimento non deixa lugar a dubidas sobre a mala xestión do goberno local e confirma que a situación en servizos sociais, actualmente cunha traballadora social de baixa por causas psicolóxicas, é inaceptable e inasumible.
Resumindo o recollido no informe, vemos que sobre o despacho do educador familiar di, entre outras cousas que “este habitáculo no que traballa o educador familiar, non conta coas condicións físicas mínimas para que poda levar a cabo as súas funcións. A ausencia dun espazo axeitado para a intervención coas persoas usuarias compromete a súa posibilidade de realización debido ás limitacións espaciais que dito espazo impón (só intervención individual), a un probable estrés térmico (en verán) e unha mala calidade do aire. Asemade, o referido habitáculo (máis adecuado para unha sala de arquivo), colisiona co dereito á dignidade e privacidade nas comunicacións que a normativa de aplicación IIes recoñece ás persoas usuarias dos Servizos Sociais”, confirmando, palabra por palabra, o que dixemos dende Somos Ribadumia.
Ademais do anterior, confirmase a ilegalidade da situación, pois segundo o informe “este feito incumpre o establecido no art.7.1 do Decreto 99/2012, do 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento, o cal establece que os centros de servizos sociais comunitarios bźsicos deben contar cun espazo separado que permita a privacidade nas entrevistas e reunións necesarias para a intervención social individualizada, así como un espazo de reunións proporcionado ás características e dimensións da poboación atendida, constituíndo un dereito das persoas usuarias, conforme o establecido no art. 4.c) do citado Decreto, recibiren unha atención individualizada e adaptada ás súas necesidades, coa calidade e duración determinadas en cada caso”.
Outras irregularidades.
Ademais do inadecuado do despacho do educador familiar, ao que recordamos que foi trasladado como castigo logo dunha baixa por cuestións psicolóxicas, e outras irregularidades detectadas nas instalacións, o informe recolle outros incumprimentos e cuestións que deben corrixirse.
Por unha banda a ausencia da auxiliar administrativa, un posto subvencionado pola Deputación que leva un ano vacante logo de que a persoa que ocupaba fora despedida, polo que ademais de manter sen ocupar un posto imprescindible para a correcta xestión dos servizos sociais, perdéronse os fondos económicos.
Tamén se detectaron graves deficiencias na xestión do SAF, unha situación moi grave que se engade á situación da adxudicación do srvizo, que leva vencida preto de un ano. Hai deficiencias administrativas , pero tamen outras como a falta de acreditación da formación necesaria do persoal que traballa nese servizo, unha situación que o goberno do señor Castro non controlou a pesar de ser a súa obriga velar por que se cumpran as condicións do servizo e as clausulas do contrato de adxudicación.
Ademáis do anterior, a inspección puxo de manifestó que non sequera cuestións básicas como o material de préstamo ( camas articuladas, cadeiras de rodas, etc) que o Concello cede a persoas sen recursos en casos de enfermedades ou outros problemas, están nun estado moi lamentable e sen mantemento.
Resumindo, a inspección de Servizos Sociais deixou de relevancia outra das mentiras de David Castro, que declarou que o departamento de servizos sociais funciona á perfección, que os traballadores están ben e que as persoas son atendidas correctamente. Parafraseando ao propio David Castro “e que non deu nin unha”.

Inacción do goberno local.
O requirimento establecía que o goberno de David Castro dispoñía de 15 días para solucionar as deficiencias do despacho e das propias instalacións, que se dispoñían os reucursos para atender dignamente as persoas usuarias e xustificar que os fondos da Deputación e outras subvencións concedidas para o departamento de servizos sociais foron usadas correctamente. Para as cuestións de carácter administrativo e as relacionadas co SAF daba un prazo de un mes.
Pois ben, ambos prazos venceron sen que David Castro fixera nada. E isto resulta completamente inaceptable.
Dende Somos Ribadumia esiximos a David Castro e a Concelleira de política social, Alba Oubiña que actúen e que de maneira inmediata realicen as actuacións pertinentes para que a nosa veciñanza sexa atendida de maneira digna, que as instalacións cumpran a lexislación vixente co persoal necesario, e que se saque a concurso o servizo do SAF, ou que o asuma o Concello.

