Propoñemos o establecemento de bonificacións no IVTM para as persoas coidadoras de dependentes.

- Propoñemos que se bonifique a taxa do coche nas persoas que teñen dependentes ao seu cargo.
- Unha mellora sen apenas efectos nas arcas municipais pero que sería unha axuda para esas veciñas.
Dende Somos Ribadumia, seguindo a nosa axenda propositiva, vimos de presentar unha moción encamiñada a mellorar a través de descontos no Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica, unha taxa municipal, a vida diaria das persoas que teñen ao seu cargo a unha persoa con discapacidade.
Dende a nosa formación consideramos que o coidado dunha persoa con discapacidade implica, na maioría dos casos, unha carga física, emocional e económica notable para as familias. As persoas coidadoras – sexa no ámbito familiar, de convivencia ou de apoio permanente – asumen habitualmente gastos adicionais derivados de desprazamentos a centros de saúde, centros de día, terapias, actividades de apoio, xestións administrativas ou servizos sociais.
Compré remarcar que a normativa tributaria municipal permite aos concellos establecer bonificacións potestativas no Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM) ao abeiro do disposto no artigo 95.6 do Real Decreto Lexislativo 2/2004, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais (TRLRFL). Esta mesma normativa permite deseñar ordenanzas fiscais que incorporen criterios sociais, sempre que se respecten os principios de igualdade e capacidade económica.
A día de hoxe en Ribadumia contémplanse bonificacións para as persoas con grao de discapacidade recoñecido, pero ningunha medida específica dirixida ás persoas coidadoras, a pesar de que representan un colectivo cuxo esforzo sostén o benestar doutras persoas e supón un aforro notable para o sistema público de atención. No caso que nos ocupa, a do IVTM, o problema radica en que as bonificacións se aplican unicamente aos vehículos propiedade das persoas con grao de discapacidade recoñecido, e non se aplican aos vehículos das persoas coidadoras, cando en moitos casos as persoas con discapacidade, sobre todo as moi maiores ou as que non chegaron a maioría de idade e polo tanto carecen de permiso de conducir, non teñen coche ou incluso tendo, son trasladadas nos coches das persoas coidadoras, na gran maioría dos casos familiares que residen no mesmo fogar.
Tal como expón na moción o noso Concelleiro, Sergio Soutelo, “ O apoio ás persoas con discapacidade debe ser integral, pero tamén o apoio a quen lles presta coidados. A mobilidade é un elemento esencial para garantir unha vida digna, a asistencia recorrente a recursos sociosanitarios e a conciliación. Con máis razón nun concello das características do noso, onde o coche resulta imprescindible no día a día das persoas coidadoras. Por iso, establecer bonificacións no IVTM ás persoas coidadoras supón unha medida xusta, factible e plenamente acorde coa normativa vixente”.
En base ao exposto, dende Somos Ribadumia “presentamos unha proposta que consideramos que supón unha oportunidade de avanzar cara a unha fiscalidade máis xusta, solidaria e coherente coa realidade social do municipio”. As persoas coidadoras sosteñen a vida doutros; o mínimo é que a administración lles facilite a súa. Unha proposta legalmente encadrada nas competencias municipais previstas nos artigos 25 e 106 da Lei reguladora das Facendas Locais, así como no principio de autonomía local recollido na Constitución Española e na Lei 7/1985, reguladora das bases de réxime local e que polo tanto conta cos parabéns legais necesarios e tampouco suporía unha merma significativa dos ingresos por este imposto, cuxa previsión en 2025 é de recadar 256.000 €, e aínda que segundo datos da Xunta de Galicia en Ribadumia hai ao redor de 700 persoas con algún grao de discapacidade (726 en 2024), desa cifra cumpriría descontar as persoas que teñen coche xa bonificado, as que non teñen persoa coidadora ou que se desenvolven por si mesmas, e as que conviven na unidade familiar, polo que a cifra de vehículos afectados sería moi inferior.
Polo tanto, o único impedimento é unha posición política contraria a apoiar a este colectivo.
A moción proposta, que debería debaterse en Pleno, recolle os seguintes acordos:
1. Iniciar o procedemento de modificación da Ordenanza Fiscal reguladora do Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica, coa finalidade de introducir unha bonificación do 100% dirixida ás persoas coidadoras de persoas con discapacidade.
2. Terán dereito á bonificación aquelas persoas que cumpran os seguintes requisitos:
a) Figurar como persoa coidadora non profesional recoñecida no Programa Individual de Atención (PIA) da dependencia ou acreditar documentalmente a convivencia e/ou coidado efectivo dunha persoa con discapacidade igual ou superior ao 33%.
b) Estar empadroada no Concello e ser titular do vehículo para o que se solicita a bonificación.
c) O vehículo deberá estar afecto ao uso habitual para o traslado da persoa con discapacidade e non poderá estar afecto a actividades económicas.
3. Establecer que a bonificación se aplicará a:
– Un único vehículo por unidade familiar ou unidade de convivencia e por persoa coidadora.
4. Encomendar aos servizos técnicos e económicos municipais a redacción da modificación da ordenanza fiscal correspondente e posteriormente sometela á decisión da Corporación en Pleno.
5. Publicar , unha vez aprobada en Pleno, a modificación no BOP e someter o expediente ao período de información pública, de conformidade co previsto no TRLRFL e demais normativa aplicable.
6. Estudar, no seo da Comisión Informativa correspondente, a ampliación futura desta bonificación a outras situacións socialmente protexibles.
