Propoñemos a sinatura de convenios específicos para apoiar aos eventos deportivos.

- Propoñemos rematar co trato desigual entre AF7 e os eventos dos clubs locais.
- Propoñemos subscribir convenios específicos para cada evento.
- Garantir un financiamento económico do Concello estable.
Dende Somos Ribadumia temos claro que o deporte é, sen dúbida, un dos piares fundamentais da vida comunitaria e un motor de desenvolvemento social, educativo e económico nos concellos galegos. En Ribadumia, contamos cun tecido deportivo local vivo e diverso en entidades e disciplinas deportivas, que veñen organizando nos últimos anos torneos, competicións, actividades formativas e eventos deportivos que enriquecen o noso municipio, atraen visitantes e fomentan hábitos de vida saudables entre todas as idades.
Neste 2025, en Ribadumia tiveron lugar, ademáis doutros eventos, a Copa Ribadumia organizada polo CD Ribadumia, a Mini BTT Concello de Ribadumia organizado polo Club Ciclista Ribadumia, o Rallie Mix organizado pola escudería Tino Racing, o Descenso do Umia organizado polo Club Naútico o Muiño. A todas estas actividades organizadas por entidades locais, súmase o AF7, o único do que o señor Castro fala.
Somos conscientes da complexidade de organizar este tipo eventos, e tamén do papel fundamental que debe facer o Concello a hora de apoialos. E non imos dicir que o goberno do señor Castro non apoie estes eventos deportivos, pero a maneira que ten de dar ese apoio resulta moi desigual, e dende logo as formas políticas están moi lonxe de ser correctas, como comprobamos no último Pleno.
Con independencia das formas do señor alcalde, a realidade actual amosa que o sistema de axudas xerais ou subvencións concorrentes non cobre con eficacia as necesidades específicas de cada entidade, e no caso das bases para as axudas municipais, estas non valoran suficientemente o impacto dos eventos deportivos que se organizan, pois na realidade estes eventos fican fora destas axudas regradas. Ademais, a falta dun marco estable de colaboración entre o Concello e os clubs dificulta a continuidade e calidade das actividades deportivas, e pode provocar desigualdades ou sensación de trato desigual entre entidades.
Ademais das entidades locais, outras entidades de fora do noso Concello veñen tamén nos últimos anos desenvolvendo eventos nas instalacións municipais ou en espazos do noso Concello, sen que exista un mínimo ordenamento ou criterio a hora de validar a axuda que dende o Concello se deba dar a uns eventos ou outros, máis aló dos criterios estritamente subxectivos ou mesmo políticos do goberno local. E dende logo, temos eventos que se están apoiando con cantidades económicas importantes, sen que tan sequera exista unha partida económica específica que lle dea amparo orzamentario, por non falar de concesións de uso de instalacións de xeito prioritario, mesmo desprazando ás entidades locais, e apoio loxístico moi superior ao que se da a outros eventos organizados por entidades ribadumienses, unha situación que crea un inaceptable agravio comparativo con respecto aos eventos organizados por entidades locais, que dende a nosa formación levamos anos denunciando.
En conxunto, a cuestión económica pon de manifesto o caótico da xestión. David Castro pretendía ocultar os datos, pero gracias ao traballo de Sergio Soutelo agora sabemos que no que levamos de ano 2025 o apoio económico aos cinco eventos eventos deportivos máis relevantes organizados por entidades do noso Concello e de fora del superou os 50.000 €, unha cifra moi superior aos 12.000 € que figuran no orzamento de 2024, e tamén moi superior aos 38.000 orzamentados neste 2025. Nestes dous últimos anos as partidas orzamentadas non foron suficientes e foi preciso acudir a Modificacións de Crédito para facer fronte aos desfases de gasto. Dende a nosa formación consideramos que o financiamento dos eventos deportivos debe estar recollido no orzamento, do mesmo xeito que debe figurar cales son eses eventos e que cantidades se aporta a cada un deles, e que non é aceptable que se acuda ao remanente de crédito para cubrir este tipo de cuestións, e menos que aconteza como nos últimos anos de maneira reiterada. Tampouco é de recibo empregar o Remanente como unha extensión do Orzamento. O Concello o que debe facer e recoller economicamente unhas previsións axeitadas á realidade do noso Concello.
Por todo isto, consideramos necesario e urxente que o Concello de Ribadumia, a través do seu Goberno municipal, impulse o ordenamento desta situación. E dende a nosa perspectiva o mellor camiño é o de crear convenios individualizados con cada entidade deportiva que organice eventos de interese local, co obxectivo de fortalecer economicamente os proxectos locais dende a igualdade de trato, recoñecer o labor dos clubs e garantir a continuidade das actividades deportivas no municipio, sen con isto deixar de lado os eventos organizados por entidades de fora de Ribadumia, pero si establecendo claramente as prioridades para as entidades locais.
Dende unha perspectiva de bo goberno, transparencia e eficiencia, os convenios individualizados son unha ferramenta legal e práctica que permite axustar o apoio público á realidade e dimensión de cada evento, evitando a arbitrariedade e promovendo a equidade entre entidades. Tamén serven para concretar e prever con tempo o apoio económico e poder realizar unha correcta xestión dos recursos públicos.
Os convenios permitirían recoller de forma clara os compromisos e aportacións de ambas partes, establecer criterios obxectivos para a distribución dos recursos e recoñecer institucionalmente o esforzo organizativo dos colectivos locais e tamén dos de fora do noso Concello que organizan eventos en Ribadumia. Estes acordos poden incluír achegas económicas directas, apoio na promoción e difusión, cobertura loxística ou técnica, e calquera outra forma de colaboración axeitada ao evento en cuestión.
Por todo o anterior, vimos de presentar unha moción que propón os seguintes acordos:
1. O Pleno do Concello de Ribadumia insta ao Goberno municipal a establecer convenios individualizados coas entidades deportivas que organicen eventos deportivos de interese municipal, coa finalidade de apoiar e fortalecer a súa actividade.
2. Estes convenios deberán:
– Definir con claridade os compromisos de ambas partes.
– Incluír achegas económicas axeitadas á dimensión e impacto do evento, pero partindo do seguinte criterio de reparto: ningún evento organizado por entidades non rexistradas en Ribadumia e/ou que non formen parte do deporte federado recibirá unha cuantía superior á que reciba o evento con maior apoio de entre os organizados por entidades locais.
– Contemplar outras formas de colaboración municipal (infraestruturas, promoción, apoio técnico ou loxístico, datas exactas).
– Ter vixencia anual ou plurianual, segundo a natureza do evento .
3. Crearase unha comisión técnica municipal, formada por persoal técnico e representantes de todos os partidos políticos con representación, que elaborara e proporá un regulamento ou protocolo interno que estableza os criterios obxectivos para a sinatura destes convenios, garantindo a igualdade de oportunidades, a transparencia e a rendición de contas, máis tamén o carácter prioritario para as entidades locais. Dito regulamento deberá aprobarse en Pleno.
4. A Comisión técnica nomeada no punto anterior tamén tera a función avaliar en base ao regulamento aprobrado as propostas de convenio, facer seguimento da súa execución e valorar o impacto dos eventos apoiados, para o cal se dotara dun regulamento interno de funcionamento.
5. De xeito especifico, recolleranse nos orzamentos anuais as partidas económicas necesarias para enfrontar cada un dos eventos aos que se dea apoio económico, para cumprir cos principios de transparencia.
6. Esta moción será trasladada á Alcaldía-Presidencia, á Concellería de Deportes e á Secretaría-Intervención para os efectos oportunos.
