Orzamento 25: Todo para obras que ninguén pediu, a Festa do Tinto, eventos e liberacións.

- O Orzamento chega tarde, mal e arrastro.
- Toda a oposición critica as formas e a xestión do goberno local.
- Dispáranse os gastos na Festa do Tinto e os eventos deportivos .
- Conxeladas de novo as axudas a colectivos e entidades deportivas, culturais e sociais.
- David Castro súbese o salario de liberado; o del, o da Concelleira de Contas e o do Concelleiro de Obras. Ilegal e indigno.
O goberno aprobou este pasado luns , a 24 de novembro, cando debería aprobar os orzamentos de 2026, e cando a conta xeral do ano 2024 xa debería tamén estar aprobada, os orzamentos para este ano 2025.
De partida, antes de entrar en materia, queremos remarcar o despropósito que supón que un goberno con maioría absoluta sexa incapaz de aprobar en tempo en forma o Orzamento, que é o documento mais importante dun Concello.
Despois encontrámonos cun orzamento presentado aos quince días de presentar unha modificación de créditos e despois de aprobar as obras que se incluen nel por separado.

Resumindo, como explicou Sergio Soutelo no Pleno, “o mundo ao revés:
- Primeiro o goberno gasta os cartos que ten e os que non ten por non aprobar un orzamento e por non ter coidado co gasto.
- despois convoca varios Plenos, que saen a máis de 1.000€ por Pleno para aprobar obras para as que non ten cartos por que non ten o orzamento aprobado.
- Despois trae unha modificación de crédito que en parte é para pagar a chapuza do 2024, pero noutra parte é para pagar cousas para as que tampouco ten cartos porque non ten aprobado o orzamento… e por que, o máis grave, o orzamento que segundo a Concelleira está no caixón dende marzo, que xa viña tarde, non lle chega e non pode meterlle máis fondos.
- E cando xa gastou o que tiña e o que non tiña, trae o orzamento a todo correr a un Pleno extraordinario.
Por que motivo o Concello non trouxo este Orzamento ao Pleno Ordinario fai quince días? Total estaba feito, ou non?
Por que motivo os cartos da modificación de crédito non se incluíron no Orzamento?
As respostas están na propia documentación, nesta e na anterior.”
O primeiro dato a remarcar é que o Concello non vai gastar este 2025 os 6.762.665,38 € que recolle o Orzamento O goberno neste 2025 vai gastar esa cantidade máis os 370.672,43 € que xa meteu nunha modificación de crédito aprobada fai quince días.
“En total 7.133.337, 81 €.Máis de 7 millóns de euros, que se di pronto. O orzamento máis grande dende que temos democracia para un concello que está peor que no ano 2016, cando o orzamento era de menos de 3 millóns.”.

Ao longo do debate Sergio Soutelo sacou a relocer varias partidas orzamentarias que debido á chapuza do orzamento 2024 neste 2025 víronse incrementadas de maneira importante, como a do SAF, que en 2024 tiña orzamentados 320.000 € , e neste ano subiu ata os 745.000 €. No 2024 tíñanse que ter orzamentados en realidade 600.000 € para este servizo, que foi o que custou e ademais o goberno xa saiba xla ía ser o custe no momento de aprobar o orzamento no mes de xullo.
Mesma situación coa Festa do Tinto que pasou no Orzamento de 120.00€ a 250.000 €. En realidade, no 2024 a Festa costou 170.000€, pero con todo, a suba ata os 250.000€ non se xustifica. Porén, ante a gravidade do expresado onte polo goberno, referirémonos en próximos días a esta Festa mais polo miúdo.
O único que diremos é o mesmo que décimos con outras partidas, como as dedicadas ao deporte. Se se poden subir os gastos en eventos deportivos de 27.000 a 63.000€ , e a da festa do Tinto de 120.000€ a 250.000 €, ten que poderse subir as partidas para entidades, clubs, festas parroquiais e cultura.
Soutelo puxo de manifesto outras “curiosidades” do orzamento, como que conste un aumento dos ingresos pola taxa do lixo do 40%, Unha cifra chamativa nun Concello sen apenas vivenda nova, menos aínda empresas, e que tendo en conta que as taxas están de momento conxeladas, ten moi difícil explicación. Ou que se aumente de 9.000 € a 12.000 € a partida para a EDAR de Lois cando os problemas que ten seguen sen resolverse, ou que se manteña unha partida para o mantemento do punto limpo que leva dous anos pechado.
Xa na parte final, Soutelo puxo de manifesto a suba do custe de liberacións políticas, de 70.420 € a 72.128,72 €. Está suba resulta de partida ilegal, pois cando se aprobaron liberacións concretas, non se incluíron actualizacións de ningún tipo.

Ademais de ilegal, resulta indecente. A Concelleira de Contas cuxa xestión é claramente deficiente e leva ao Concello camiño da intervención do estado, en vez de dimitir, súbese o salario. O mesmo o alcalde e o Concelleiro de obras. E non é pola cantidade económica, é pola falta de ética política que hai detrás deste comportamento.
Dende Somos Ribadumia agardamos que os tres renuncien a ese aumento e devolvan todo o cobrado de máis.
Resumindo, nun Pleno novamente enlameado pola actitude do señor Castro e do seu equipo, que unha vez máis confundiu o Pleno cunha feira, cun comportamento impropio dun partido serio e sensato ata o punto de que o resto de partidos da oposición protestaron ante os continuos ataques ao noso Concelleiro durante a súa única intervención – David Castro volveu negarle o dereito de replica- , o goberno sacou adiante sen apoio nin valoración minimamente positiva de ningunha outra forza política, uns orzamentos que son a demostración documentada da incompetencia do goberno do señor Castro. E que ademais corren o perigo de ser impugnados por incumprimentos legais.
Dende Somos Ribadumia volvemos insistir en pedir a dimisión da Concelleira de Contas. Posiblemente non haxa en toda a comarca unha Concelleira tan preparada e con tanta experiencia na xestión económica dun Concello como Vanesa Jorge, por ese motivo é totalmente inadmisible a xestión que está levando a cabo, ademais gozando dunha liberación que lle permite estar a tempo completo no Concello.
