David Castro intenta outra vez entrampar unha Modificación de Crédito. Esiximos responsabilidades.

  • David Castro admite por fin , obrigado polo xulgado, que a última Modificación de Crédito non se chegou a aprobar pola súa incompetencia e a da Concelleira de Contas.
  • Máis incompetencia: intenta colar 627.853,57 € pendentes de 2024, e 370.672,43 € deste 2025 por non ter orzamento aprobado e por crear un buraco económico gastando o que non podían.
  • Outro proceso chapuceiro, mal feito e ocultando a documentación.
  • Esiximos disculpas públicas polas mentiras e falsedades  verquidas pola Concelleira de Contas durante todo este ano e a súa dimisión ante a situación económica provocada polo goberno local.
  • David  Castro coa súa xestión, pon o Concello ao borde da intervención e e dunha suba importante de impostos.

Un ano máis tarde, e despois de que se vise obrigado a dar explicacións ante o xulgado, David Castro admitiu que a tristemente famosa Modificación de Créditos 1/2024, que se levou a Pleno o pasado mes de decembro por un valor de 840.000€ ,  decaeu aos quince días de aprobarse, logo de que dende Somos Ribadumia presentáramos un documento de alegacións, a primeira das cales aclaraba precisamente que ao vencer os prazos de aprobación no ano seguinte (2025) , dita Modificación era nula de Pleno dereito.

   Dito doutros xeito, este xoves quedou constatado que David Castro en decembro levou e votou a favor dunha Modificación de Crédito que era nula de pleno dereito, e fíxoo a sabendas e a pesar das nosas advertencias, como quedou constancia no seu momento.

  E case un ano despois, logo de que en cada Pleno a Concelleira de Contas mentise afirmando  que aquela Modificación de Créditos non estaba anulada, e que estaba pendente dun trámite plenario que nunca chegou, topámonos con que non contentos con facelo mal unha vez , insisten en facelo mal de novo.

  Os mecanismos para acudir ao remanente de créditos son moi concretos, moi concisos e están moi  regulados. Pero polo visto, a Concelleira de Contas, e para a nosa sorpresa a Interventora do Concello, ignoran de novo a lei, e suben a aposta, intentando agora coller case 1 millón de euros do remanente , en concreto 998.526 €, para pagar na súa maioría, 627.853,57 €,  cousas do 2024 que se gastaron fora do orzamento, e 370.672,43 € para gastos excesivos deste 2025, que temos a sospeita de que na súa maioría en realidade  son para cubrir os máis de 200.00€ que faltan ata completar os 840.000€ da anterior modificación, para os que obviamente non había fondos e que polo tanto foron pagados dun xeito sospeitoso en canto á legalidade  contable.  E pretenden facelo por un lado  ocultando a que van dedicar os cartos, pois unha vez máis o goberno non aportou a xustificación dos gastos concretos  e as facturas afectadas, e polo outro usando mecanismos legais incorrectos e evitando o procedemento obrigatorio que sería o Recoñecemento Extraxudicial de Crédito, e todo por evitar as críticas de Somos Ribadumia á súa xestión, pois non imaxinamos outro motivo polo cal o goberno insista, tendo mecanismos legais e facilmente aplicables e que por certo  xa tiña en xaneiro, en facer as cousas mal.

Por non enredarnos coa parte técnica, unicamente diremos que para pagar as facturas do ano 2024 o Concello non pode usar unicamente o mecanismo do suplemento de crédito aprobado neste Pleno,  pois ten a mesma  obriga que a Modificación xa anulada: só se pode usar para pagos do ano en curso. Para eses pagos do 2024 debese realizar un Recoñecemento Extraxudicial de Crédito. Non facelo así implica que a parte desa Modificación de Créditos que afecta ao 2024 poida declararse nula de pleno dereito.  Dende a nosa formación presentamos antes do Pleno un escrito pedindo que se incluíse o Recoñecemento Extraxudicial de Créditos no proceso para así garantir a legalidade, pero a resposta foi a promesa de que se vai realizar máis adiante, cousa que non ten validez ao non quedar un mecanismo atado ao outro no expediente, pois as promesas que non figuran nos papeis non teñen validez legal. Por non falar de que en concreto as promesas da Concelleira de Contas e do goberno non valen nada.

 Sen orzamentos e collendo cartos do peto.

   Con independencia do procedemento, dende  a nosa formación consideramos inaceptable que o goberno do señor Castro faga  modificacións de crédito motivadas pola falta de Orzamento. O grao de incompetencia, de deixadez e de improvisación son dun nivel que non se da en ningún Concello da Comarca, e non será que non haxa Concellos con problemas económicos. Pero é que, ademáis, que se   fagan as cousas mal cando xa unha vez tivo que tumbar unha modificación de crédito por incompetente resulta de todo inasumible.

  Este xoves Sergio Soutelo tivo que marchar do Pleno por unha cuestión  familiar que lle impediu expoñer a nosa posición, pero queremos deixar constancia de que non é aceptable esta maneira de xestionar os cartos da veciñanza.  Non é aceptable que un goberno con maioría en novembro non teña Orzamento do ano en curso, nin que a Conta Xeral do ano anterior estea sen aprobar. Non é aceptable, que o goberno teña que coller o 50% do remanente existente para pagar facturas do día a día. O remanente debe usarse para investimos de futuro, non para pagar facturas  de ferretería, non sobre custes por falta de previsión.

  Pero o que xa é a gota que rebosa o vaso, é o trato despectivo cara a corporación municipal e a veciñanza da Concelleira de Contas. Vanesa Jorge leva asegurando en case cada Pleno dende novembro do ano pasado que o Orzamento do 2025 se aprobará “no próximo Pleno” , ou “nun Pleno que imos celebrar o antes posible” ou  “en próximos días” , mentiras continuadas ditas en Pleno, algo moi grave, as que debemos sumar as relativas á Modificación de Créditos 1/2024 sobre a que chegou a asegurar,  xusto despois de leer ela mesma un informe asinado por alcaldía  onde se admitía que dita modificación   estaba anulada, que seguía pendente de levarse a Pleno. Non contenta con iso, confirmou en Pleno que dende o goberno se deu orde de  pagar facturas sen ter aprobada a partida económica, algo que resulta, ademais de ilegal, unha irresponsabilidade manifesta, pois un tribunal podería esixir anulación desds pagos e a devolución deses cartos entre outras condenas.

 Polo tanto, debemos levantar a voz ante esta maneira de xestionar e esixir responsabilidades políticas. Vanesa Jorge debe, en primeiro lugar desculparse publicamente por mentir e enganar e xustificar con escusas a súa incompetencia continuada, e despois diso  dimitir de maneira inmediata, e David Castro debe poñer ao mando da xestión económica a unha persoa con capacidade para endereitar a situación.

Dende Somos Ribadumia, somos pouco optimistas con que David Castro asuma responsabilidades, así que  xa adiantamos que á vista da situación  imos analizar a posibilidade de propoñer ao Pleno realizar unha auditoría económica independente  das contas do Concello, por que estamos moi preocupados por cal pode ser a realidade e as consecuencias que poida ter  para a xestión, como sería Unha intervención do estado que paralizaría os investimentos,e sobre todo as consecuencias para a veciñanza, nomeadamente  unha suba  moi importante dos impostos municipais.

Deixar un comentario