Inaudito: David Castro pretende conmemorar o 25N coa Festa do Deporte.

  • A axenda de actos, un cartel con moito recheo e sen case actividades para a veciñanza  en Ribadumia.
  • David Castro invisibiliza  as actividades que vai realizar ESMAR en Ribadumia.
  • O colofón á lista de actividades para conmemorar o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres vai ser a Festa do Deporte!!

   A estas alturas parecía difícil, pero dende Somos Ribadumia temos que admitir o noso asombro ante a axenda de actividades que o goberno local, co alcalde á cabeza, presentou para a conmemoración do 25N.

 E imos empezar pola parte final desa axenda, dada a súa gravidade.

   Referímonos  ao alucinante feito de que o colofón a un mes de actividades en conmemoración do 25N , unha data  e un mes  no que se fala de vítimas, de mulleres maltratadas e asasinadas, vai ser unha festa. E nin máis nin menos que a Festa do Deporte, que se traslada de outubro a finais de novembro non sabemos se por incompetencia do goberno para organizala en outubro como era habitual ou por puro interese de deturpar o espíritu do 25N .  

  Non temos verbas para explicar o lamentable, o absurdo e o inaceptable que é que o goberno do señor Castro  organice dentro das actividades do 25N un evento que debe ser efectivamente unha festa de reivindicación dos valores do deporte e de recoñecemento ás entidades e deportistas locais, non outra cousa, menos aínda  un acto do 25N. É difícil entender como vai David Castro transformar este acto festivo nun acto reivindicativo e sobrio que correspondería cunha data tan importante como o 25N. Pero en todo caso non é xusto para o deporte local nin que se mezcle a  súa xornada de recoñecemento cunha data onde se  fala dalgo tan grave como a violencia machista nin que se cambie o espíritu dese evento e o foco de atención do mesmo.

En verbas do noso Concelleiro, Sergio Soutelo, “O 25N é unha data para recordar a situación das vítimas, das asasinadas pero tamén das que sofren maltrato a diario. Este ano o lema da ONU , “ÚNETE para poñer fin á violencia dixital contra as Mulleres e as nenas”  pon o foco na violencia dixital, a través das redes sociais, un problema moi grave, especialmente entre a xuventude e infancia, sobre o que  debemos poñer o foco e as políticas, por que provocan auténticos dramas. Pois David Castro vai falar de fútbol e deporte”. 

Unha axenda de actividades con poucas actividades.

 Se afondamos na axenda de actividades presentada a semana pasada topamos outras cuestións. Porque David Castro tivo a ocorrencia de que o importante era presentar un cartel cheo de actividades, pero cando imos ao detalle dese cartel, ademais do despropósito de incluír a Festa do Deporte na lista de eventos, topamos a realidade da actitude do goberno local ante a lacra da violencia machista.

Dun total de 12 actividades remarcadas no cartel:

–         Dúas son presentacions. Por un lado a do propio cartel de actividades, que non deixou de ser unha foto no salón de Plenos de membros do equipo de goberno, nun espectaculo lamentable polas formas e o formato , sen representantes nin dos Servizos Sociais do Concello, nin do CIM, nin de ESMAR nin de ningúnha entidade ou colectivo.

A outra  presentación será  dun protocolo contra a violencia de xénero de aplicación para os traballadores e traballadoras do Concello.

–         Outras dúas  “actividades” remarcadas son un obradoiro dirixido ao persoal municipal, e  unha proposta que se vai levar a Pleno, ou  sexa un acto meramente político, e xa veremos se leva a algo positivo ou se queda na pantalla.

–          Outra actividade é a lectura dun manifesto. Así, sen mais contido.

–          Únicamente dúas das actividades están dirixidas aos alumnos do colexio. E ningunha delas é organizada polo Concello, pois ambas son organizadas polo CIM comarcal.

–         Das dúas únicas actividades dirixidas á nosa veciñanza, unha está organizada polo CIM, a outra polo Concello.

–         Outras dúas actividades anunciadas nin sequera van ter lugar en Ribadumia.

–         E o colofón final vai ser a Festa do Deporte.

  Visto este cartel , compre facer algunhas valoracións. O CIM é un órgano mancomunado  que normalmente anuncia a súa propia axenda de actividades, que se realizan en varios Concellos. Obviamente son interesantes e positivas, pero non son actividades organizadas dende o  Concello de Ribadumia, menos aínda as que van realizarse fora de Ribadumia. Dende Somos Ribadumia consideramos que o goberno en vez de dedicarse a organizar un mes de reivindicación e axenda propia, se dedicou a rechear un cartel con actividades organizadas por outras entidades,  para aparentar que fai algo.

Silenciar a ESMAR.

   Por outra banda, na lista de actividades e de actos previstos   inexplicablemente  ocúltase a existencia e a axenda da única entidade de axuda ás vítimas de violencia machista que temos na comarca do Salnés e que a día de hoxe segue rexistrada en Ribadumia e presidida e dirixidas por mulleres do noso Concello, que é ESMAR. Ademais este colectivo ten previstas varias actividades no noso Concello para conmemorar o 25N, que David Castro tamén oculta.

  É totalmente lamentable que David Castro  intente silenciar a existencia deste colectivo, e que o deixe fora dos actos do 25N.Do mesmo xeito que é incomprensible que se lle impida o uso a ese colectivo  o día que tiñan solicitado para a súa Gala anual, ademais cando compren 10 anos, en favor da “Festa do Deporte” que o Concello podería organizar calquera outra semana, obrigando a este colectivo a axendar outra data. Ademais non é a primeira vez que pasa, pois xa o ano pasado ESMAR trasladou a súa Gala a outro Concello, por que o señor Castro non lle autorizou o uso do auditorio.

  En resumo, David Castro disimula con recheos a falta de traballo e compromiso  do seu goberno usando de pantalla asa actividades que organiza o CIM,  tapa o traballo das entidades de apoio as vítimas de violencia machista  e deturpa  o significado e o espírito do 25N con festas deportivas. Unha actitude inaceptable nun alcalde, incluso nun alcalde do PP. Esiximos que se modifique a data da Festa do Deporte para sácala dos actos do 25N, e que se asuman responsabilidades políticas ante esta inaceptable situación.

Deixar un comentario