David Castro ten contratado un “asesor externo” no departamento de Intervención. Confirmase o caos absoluto na xestión do Concello.

- Unha persoa leva semanas no Concello, actuando como se fora o Interventor Municipal, sen que David Castro explique o motivo.
- Se Ribadumia vai tan ben como di David Castro, porque fai falla un asesor no departamento de Intervención? hai problemas económicos?
- A realidade confirma que o Concello está afundido nun completo caos.
- Pedimos que se aclare a situación: que fai esa persoa no Concello, canto lle costa á veciñanza e a que datos persoais ten acceso.
Dende Somos Ribadumia tivemos constancia de que dende fai unhas semanas na casa consistorial traballa unha persoa, neste caso un home, supostamente realizando tarefas de asesoría no departamento de Secretaría-Intervención, unha situación sorprendente e complexa, por que as funcións de secretaría e intervención están legal e administrativamente moi reguladas, e non pode nin exercelas calquera, para ocaso de que se producise unha baixa, un extremo que non aconteceu, como tampouco pode entrar calquera pola porta da casa consistorial e comportarse como se fora o secretario ou o interventor do Concello.
A situación en todo caso require unha confirmación pública que imos solicitar por escrito. Pero para o caso de que isto sexa certo, e non temos moita dúbida por que é pública e notoria a presenza desta persoa no Concello, o departamento de Intervención non é un departamento de atención á veciñanza, senón de xestión interna, pero que si afecta directamente á veciñanza. En relación a isto non consta que houbese recortes nin en persoal nin en recursos nos últimos anos que xustifiquen unha asesoría externa deste calibre – se esta é a realidade – , máis ben ao contrario, e dende logo un aumento de persoal non consta no anexo de persoal do último orzamento aprobado, o do 2024, nin no borrador sobre persoal xa acordado cos sindicatos para o inexistente orzamento 2025, como non consta a incorporación de ningún “asesor” nin o aumento de plantilla nese departamento.
En calquera caso o feito de contratar un asesor para este departamento chama a atención por varios motivos. o primeiro que David Castro leva meses, e anos, asegurando que o Concello de Ribadumia non ten ningún problema de xestión nin de carácter económico, e ademais compre remarcar que a Concelleira de Contas é precisamente unha traballadora da administración local que ata xuño do 2023 exercía precisamente no Concello de Ribadumia, co cal supónselle – e cónstanos – formación e capacidade para desenvolver as súas funcións e axudar ao departamento, de feito ten unha liberación concedida para facer fronte ás responsabilidades do cargo. De todo isto desprendese que a priori non ten sentido contratar unha asesoría externa, polo que de sendo así, fica confirmado, e xa poucas dúbidas quedan, que o Concello de Ribadumia afronta unha situación económica complexa, froito da desidia do señor Castro e do seu equipo, e de aventuras como gastar os cartos dunha modificación de crédito de 840.000 € sen estar esta aprobada, por non falar da ausencia de orzamento deste 2025 ou das contas do 2024, aínda sen facer públicas, non digamos xa aprobar. O último motivo, deixando no medio cuestións éticas, políticas ou de xestión, é que esta persoa que pulula polo Concello segundo nos consta está xubilada dende fai uns meses. De feito , salvo erro ou unha triste coincidencia de nomes e apelidos, esta persoa era ata non fai moito o secretario municipal do Concello de Moraña, un Concello que precisamente leva paralizado meses, segundo as declaracións do goberno dese Concello, pola xubilación desta persoa.
Por outa banda, e quizais o mais preocupante, é que nos consta, ademais do dito, que esa persoa ten acceso a diversa documentación sen que poidamos determinar en que grao nin a que datos de empresas ou particulares accede, que se pasea por distintos departamentos do Concello e que actúa de facto como un traballador máis do Concello de Ribadumia, con atributos de interventor, cando non pode ser o caso, e ademais resultaría de todo irregular.
Á vista de todo o anterior, e co obxectivo de clarificar a situación desa persoa no Concello de Ribadumia, o noso Concelleiro, Sergio Soutelo, presentará ao longo do día de hoxe un escrito solicitando o seguinte:
· Que de maneira inmediata se aclare PUBLICAMENTE que fai esa persoa traballando nas instalacións municipais, cal é o seu posto de traballo, e cales son as súas responsabilidades e funcións concretas. Se houbese unha situación que xustificase certa discreción, que de xeito inmediato se convoque aos voceiros de todos os partidos políticos con representación na Corporación Municipal e se explique esa situación.
· Que dentro dos prazos legais establecidos, se me achegue copia do contrato que esa persoa, ou de ser o caso a empresa para a que traballe, manteñen co Concello de Ribadumia, incluíndo de maneira pormenorizada a duración do contrato e tamén o seu custe económico. Se a contratación fose de maneira directa a esa persoa, tamén o desglose dos custes de seguridade social e outros aos que teña que facer fronte o Concello de Ribadumia.
· Do mesmo xeito, que se me achegue copia, con data e sinatura, do documento acreditativo da súa asunción de responsabilidades na protección dos datos persoais aos que teña acceso.
· Un informe pormenorizado onde se explique a que datos e informacións ten acceso esta persoa, e en concreto que se nos aclare se ten acceso a datos de empresas ou particulares e nese caso a que nivel.

