Lamentamos a perda de oportunidade para Ribadumia coa parcela de Alfageme.

  • Insistimos en que o Concello debería terse feito con esa parcela. 
  • Alégranos que adquira a nave unha empresa ribadumiense, pero chama a atención o proceso.
  • Imos velar por un cumprimento rigoroso da legalidade vixente.

   Dende Somos Ribadumia levamos meses defendendo que o Concello debería adquirir a parcela onde está a nave da antiga Alfageme, e de feito presentamos unha moción e varios escritos dirixidos a alcaldía neste senso. Os motivos eran moitos, ben xustificados e supoñían unha oportunidade enorme e tamén única de dotar un espazo público nunha zona de máximo interese ambiental, e xerar un punto de atracción turística.

   Porén, o único que foi capaz de facer David Castro foi indignarse por que a idea a tiveramos nós, bloquear o debate da moción e negarse en redondo no medio dos seus habituais espaventos e faltas de respecto, perdendo así esta oportunidade, que gracias a incompetencia e aos prexuízos do señor Castor dificilmente se vai repetir.

  Agora encontrámonos coa sorpresa de que logo de anos de bloqueo, e  xusto despois de que  nós propuxemos que o Concello adquirirse esa parcela,  aparece unha empresa ribadumiense que se fai coa parcela. Dende Somos Ribadumia non temos nada que obxectar, ao contrario, pero chámanos moito a atención que as dúas empresas que puxaron a ultima hora non optasen por facer unha oferta un mes antes, cando a poderían ter levado por case a metade do prezo, entre outras cousas. 

 Dende Somos Ribadumia todo o noso apoio aos negocios que prosperen en Ribadumia, pero como dicimos isto tamén dicimos que imos velar por que a legalidade se cumpra, o espazo natural fique protexido como corresponde, e a empresa poida desenvolver a súa actividade con garantías legais. E non o dicimos por dicir.  Temos  exemplos sobrados do mal vicio do noso alcalde de mal axudar a determinadas empresas e persoas,  mentres a outros veciños “de menos categoría”  lles obriga, directamente ou a través da APLU, a derribar galpóns e galiñeiros.  E para mostra , en Cabanelas  temos unha  nave ilegal nunha parcela onde non se pode edificar, levantada e traballando igual que o resto de naves que si actuaron legalmente e pagan os seus impostos, co silencio cómplice do alcalde que mesmo chegou  a xestionar unha modificación do PXOM pagada con cargo á veciñanza, para intentar legalizar o ilegalizable, un intento no que polo visto insiste, gastando máis cartos da veciñanza só por contentar a unha empresa que actúa fora da lei.

Deixar un comentario