Lamentamos a perda da oportunidade de que o Concello adquirise a antiga Alfageme e insistimos na nosa proposta.

- O Concello puido obter os terreos da antiga Alfageme por 150.000 €, incluso menos, pero David Castro deixou pasar a oportunidade.
- Agora volve a saír a subasta – máis cara – pero o señor Castro está a outras cousas.
- Cónstanos que David Castro non quere facerse con eses terreos unicamente por ser unha proposta de Somos Ribadumia.
- David Castro, como argumentario para xustificar a súa negativa a aceptar a nosa proposta: desprezos e faltas de respecto.
No seu momento presentamos unha moción no Concello, que David Castro ocultou nun caixón xunto a outras sete mocións do noso partido e algunha máis doutros partidos da oposición, onde propoñiamos que o Concello se fixera coa parcela da ántiga Alfageme e a recuperase para a veciñanza e como reclamo turístico dentro dun plan a medio prazo.
David Castro decidiu que non vai aceptar ningunha proposta que saia de Somos Ribadumia, polo que a pesar de aceptar en privado que a proposta é máis que interesante, decidiu non facer nada. Non so o decidiu, esta mañá apareceron unhas declaracións nun medio de prensa onde non so desbota a idea de facerse con esa parcela, senón que como argumentario, o único que se lle ocorre é acudir á descalificación e o desprezo cara o noso partido.
Deste xeito deixou pasar a oportunidade que este verán deu o IGAPE ao abrir un prazo para recibir ofertas sen entrar nun proceso de subasta, onde ademais se propoñía unha cantidade de partida de 150.000 € para unha parcela de case 8.700 metros, unha cantidade razoable e aceptable para o noso Concello, coa circunstancia ademais de que o orzamento para este ano estaba sen aprobar e de feito sigue sen levarse a Pleno. E debemos insistir en que un alcalde do PP minimamente competente debería se capaz de lograr un acordo facilmente, por esa cantidade ou incluso menos.
Agora o IGAPE volveu abrir un proceso de subasta, cun prezo de saída máis elevado, 193.000 €, con data prevista para o 30 de setembro. E dende Somos Ribadumia seguimos insistindo en que esa parcela resulta do máis interesante para o noso Concello e que David Castro, que sabe e admite cando non estamos diante que temos razón, debe deixar esa “política do non a todo canto propoña Somos Ribadumia”, e de mirar para outro lado e de preocuparse por intereses particulares de colegas e empresas, e mirar polo que é beneficioso para Ribadumia, saia a proposta de quen saia, e levar adiante as xestións para facerse con esa parcela.
Vai ser difícil que polas limitación legais e urbanísticas da parcela algunha empresa ou particular se faga con ela, que é xustamente o mellor argumento para que o Concello opte por facerse con ela: ninguén quere esa parcela. Polo que se David Castro segue encirrado no seu odio persoal contra o noso partido e non actúa con sensatez, e chegados ao 2027 a parcela seguise sen dono, dende Somos Ribadumia xa adiantamos que se temos a posibilidade de gobernar, unha das nosas prioridades será sacar ese mamotreto da ribeira do Umia, acabar cos problemas de salubridade que está xerando, recuperar o espazo natural que ocupa e darlle unha solución que sexa beneficiosa para a veciñanza e que sirva tamén de reclamo turístico.

