Caos e mentiras coa xestión económica. E o Concello na corda frouxa debido á pésima xestión do goberno de David Castro.

  • Demostrado ante o xulgado: a Modificación de Crédito de 840.000 € está anulada.
  • David Castro pagou facturas con cargo a esa Modificación de Crédito antes de estar aprobada.  
  • Agora está intentando coller cartos do orzamento de 2025 – sen aprobar –  para tapar o buraco que deixou ao usar cartos que non tiña.
  • A Concelleira de Contas, mentindo e negando en Pleno cousas demostradas por ela mesma e ante o xulgado.

  Nas últimas semanas, dende a nosa formación puidemos por fin, despois de acudir ao Contencioso, ter acceso a todas as facturas afectadas pola Modificación de Crédito levada a Pleno en decembro de 2024 e que supostamente estaba pendente da aprobación definitiva. 

  E foi o propio goberno do señor Castro o que ao trasladar a documentación ao Xulgado, logo de dous requirimentos formais  e baixo ameaza de sancións, sacou á luz a realidade que leva meses ocultando: esa Modificación de Crédito, por valor de 840.000 € decaeu, segundo o declarado polo goberno ante o xulgado, por unha cuestión de prazos.  E decaeu xa en  xaneiro, polo que o goberno e a Concelleira de Contas levan mentindo dende entón.

  Sergio Soutelo solicitoulle explicacións á Concelleira de Contas no pasado Pleno, a través de varias preguntas presentadas por escrito. As respostas da Concelleira, a esas preguntas e a outras presentadas por outros partidos da oposición en relación ao orzamento deste 2025, atravesaron todo o arco que vai dende a confirmación da realidade ao esperpento negando cousas que ela mesma declarou.

  Pero os feitos confirmados están ademais documentados. A Concelleira de Contas declarou en Pleno que o contido do oficio asinado por David Castro e  trasladado ao xulgado xunto coas facturas afectadas por esa Modificación de Crédito e outra documentación que o goberno ocultaba, era completamente certo. Ese oficio, entre outras cuestións di o seguinte: “No mes de decembro de 2024 aprobouse expediente de modificación de créditos respecto do cal, durante o período de exposición pública do mesmo, presentouse reclamación contra o mesmo e ao recaer a finalización do período de exposición no exercicio seguinte non puido entrar en vigor o mesmo, tendo que realizar numerosos asentos contables para a súa anulación.”  O que significa este parágrafo é que a Modificación de Crédito, tal como expuxemos dende Somos Ribadumia no primeiro punto da alegación que presentamos no seu momento, decaeu por non completarse o proceso de aprobación dentro do ano fiscal correspondente. Ou sexa, a Modificación de  Crédito presentouse tarde, e o goberno pretendía levala adiante, pero ao topar cunha alegación que non podían contradicir e ademais ser pillados incumprindo a lexislación vixente, non lles quedou máis remedio que deixar caer a Modificación de Crédito.

  Compre remarcar neste punto que dende xaneiro, a Concelleira de Contas negou en numerosas ocasións que a Modificación de Credito decaese, e de feito tivo a cara dura de decir neste último Pleno, logo de leer ela mesma o paragráfo exposto máis arriba, que a Modificación sigue pendente de resolver. Dende Somos Ribadumia entendemos que o único pendente é que a Concelleira de Conta nun Pleno da anulación desa Modificación de Crédito, e que pida desculpas por mentir de maneira reiterada, ademais usando unhas formas moi pouco correctas a maior parte das veces.

  Por outra banda, a Concelleira de Contas asegurou que a proposta de Orzamento deste ano non se levou a Pleno por que se están realizando unhas modificacións para dar acollida a facturas derivadas da anulación da Modificación de Crédito. O que a Concelleira non dixo foi que isto aconteceu despois de que o Contencioso ameazara ao goberno local con sancións por ocultar documentación, obrigando ao señor Castro a presentar as facturas en sede xudicial, coa sorpresa de que moitas desas facturas xa estaban pagadas. Preguntada polo particular, a Concelleira de Contas confirmou que efectivamente se pagaron facturas con cargo a Modificación de Crédito antes de que esta estivera aprobada definitivamente, unha tremenda irregularidade, e posiblemente ilegalidade, pois os cartos non estaban a disposición do goberno. Nunha cousa ten razón a Concelleira de Contas, e é que meter nun orzamento que andará nos catro millóns e medio facturas do ano anterior por valor de case outro millón, e facelo de maneira legal, vai requirir de moita enxeñería financeira.

  Dende Somos Ribadumia non podemos aceptar esta maneira de actuar. Non podemos aceptar que se propoñan Modificacións de Crédito tarde, mal e sen ter en conta os prazos legais, que se oculte a documentación á oposición, nin cousas da máxima gravidade como que se gasten cartos da veciñanza sen ter a dispoñibilidade legal para facelo, ou que se pretenda entrampar un orzamento que se tiña que ter aprobado en decembro pasado para meter gastos doutros anos logo de usar cartos que non se  podían usar.

  E sobre todo é inaceptable que unha Concelleira minta nos Plenos da maneira na que mentiu nestes meses, e en concreto neste último Pleno a Concelleira de Contas. Neste caso concreto por que máis aló de que ten unha liberación de 1.900 € ao mes que paga a veciñanza, motivo polo que se agarda dela certa dilixencia nas súas funcións, ademáis resulta que o seu posto de traballo no Concello era de Técnica da Administración Local, polo que non falamos, e ademais ela mesma se esforza en remarcalo en todos os Plenos, dunha persoa ignorante en canto a xestión económica local.

   Que desta hora, a Concelleira de Contas non teña dimitido é unha burla á veciñanza. Pero tampouco agardamos outra cousa deste goberno. O que queremos deixar constancia é da nosa preocupación, por que á vista desta maneira de xestionar, e das queixas que estamos recibindo de  empresas que levan meses sen cobrar, é posible que o Concello estea atravesando unha situación económica delicada.

Deixar un comentario