O PP de Ribadumia tumba a nosa moción contra o xenocidio de Gaza.
- O PP de Ribadumia négase a aprobar unha moción que condenaba o xenocidio de gaza e pedía a retirada da bandeira europa pola súa actitude ante ese xenocidio.
- PSOE e BNG votaron a favor.
- Lamentable actitude do PP, con insultos, faltas de respecto, declaracións absurdas e mesmo erros de bulto, e co alcalde oculto detrás dunha concelleira.
No Pleno que se celebrou este pasado xoves, e que rematou derivando nun espectáculo lamentable por parte do PP, con intervencións denigrantes e continuas faltas de respecto cara a oposición e moi en concreto cara Somos Ribadumia e Sergio Soutelo, debateuse unha moción presentada pola nosa formación, condenando o xenocidio que Israel está cometendo en Gaza, propoñendo nomear a persoa non grata a Benjamin Netanyahu, instar ao goberno central a romper relacións diplomáticas con Israel , deter a compra-venda de armamento con ese país, e a retirar a bandeira da UE temporalmente pola súa actitude e actuacións ante este conflito.
A proposta contou co apoio do PSOE e do BNG, que dende Somos Ribadumia agradecemos. Por desgraza, o Partido Popular non pode aceptar ningunha proposta de Somos Ribadumia, nin pode ir en contra dos ditados do PP de Madrid, e opuxéronse á moción.
Dende Somos Ribadumia en primeiro lugar debemos lamentar a actitude cobarde do señor Castro que ante un tema desta importancia delegou o debate nunha concelleira para evitar así pronunciarse. Pero sobre todo debemos lamentar a propia actitude da Concelleira Mar Rey, que ante a falta de argumentos minimamente razoables, optou polo insulto e o desprezo, a parte de demostrar un completo descoñecemento de cómo está conformado o goberno de España, dos funcionamento lexislativos e institucionais e mesmo dos partidos que conforman a corporación en Ribadumia, expoñendo que Somos Ribadumia forma parte doutro partido de ámbito nacional cando levamos legalizados como partido independente dende 2018.
Dende a nosa formación podemos admitir argumentos contrarios, razoados e expostos dentro do respecto institucional, pero non podemos admitir como argumento a falta de respecto, o insulto e o desprezo.
Na súa intervención Sergio resumiu moi ben a nosa opinión ante a postura do PP : “quen vota en contra desta moción, está votando a favor do silencio. E cando un partido cala diante dun xenocidio, convértese en cómplice. Iso é o que está en xogo aquí: ou nos poñemos do lado dos dereitos humanos, ou do lado da inacción e da barbarie.
É moi cómodo dicir que isto non é competencia municipal. Pero si é competencia municipal dar exemplo, educar en valores, mostrar solidariedade e dicir claramente que en Ribadumia non aceptamos crimes contra a humanidade. Se os nosos nenos e nenas merecen protección, tamén os de Gaza.
A retirada da bandeira europea non é un capricho: proponse como un aviso político e simbólico á Unión Europea para que cumpra coas súas propias normas. Ao votar en contra, o PP está a dicir que a bandeira vale máis que as vidas humanas. Esa é a mensaxe que lle van trasladar á veciñanza”.
Por último. Onte a corporación tivo a oportunidade de, como aconteceu co conflito de Ucrania onde se votou unha moción por unanimidade, amosar unidade ante a barbarie, pero o PP prefiriu o papel de complice e de soldado raso do PP nacional. Non so pola oposición á moción. En comisións, dous días antes, Sergio Soutelo propuxo mudar a moción por unha declaración institucional. O PP negouse e non quixo nin propoñer un texto alternativo nin outra declaración distinta, porque o que pretendía era ir ao Pleno a insultar e a votar en contra da proposta de Somos Ribadumia.
Debemos lamentar que nun exercicio de cinismo difícil de igualar, no Pleno o PP, despois de negarse a apoiar o nosa moción ou unha declaración conxunta tal e como se lle propuxo, anunciou que van propoñer eles unha declaración institucional de cara a o próximo Pleno. E nin sequera unha declaración propia, senón unha que está distribuíndo o PP dende Madrid. Que o goberno local entre nestas loitas políticas pensadas para quedar ben ante a opinión pública e desgastar a quen esta no goberno central a conta dunha desgraza do tamaño do xenocidio de gaza parécenos vomitivo, pero dende logo nós, a diferenza de David Castro, escoitaremos e valoraremos todas as propostas que se poñan enriba da mesa da Corporación Local, veñan do partido que veñan.
