Estamos preocupados polas posibles complicacións que poida traer a realización dunha etapa da Volta Ciclista a Galicia en plena vendima.

  • A proba, ten previsto bloquear e cortar a estrada que une Leiro con Ribadumia durante máis de tres horas, en hora punta da entrega de uva nas bodegas.
  • Preocúpanos as molestias que poida ocasionar no transporte da uva ás bodegas.

   Dende Somos Ribadumia queremos amosar a nosa preocupación polas complicacións que a celebración da primeira xornada da Volta a Galicia de Ciclismo poida ter para a nosa veciñanza.

 Vaia por diante que non temos ningún tipo de oposición a que esa proba deportiva ou calquera outra se realice no noso Concello. Pero a nosa función, como formación política, ademais con forte compromiso local, é a de velar porque a nosa veciñanza non se vexa  prexudicada por ningunha circunstancia ou evento.

  Ribadumia vaise ver afectada  por dúas etapas da Volta a Galicia. A segunda delas, que terá lugar o 12 de setembro,  non  nos parece demasiado problemática por que ao ser unha proba de ruta queremos pensar que os cortes nas vías serán puntuais e breves. Cousa distinta a  proba da que estamos falando, que terá lugar o día anterior, 11 de setembro, e que consistira  nunha contrareloxio que dará inicio á Volta a Galicia de Ciclismo e que  vai implicar, e así se explicou na presentación do evento, que todo o tramo da estrada EP-9305,  entre a rotonda da Fonte do Corvo en Leiro e a praza do Concello xa case en Barrantes, vai quedar cortada durante un mínimo de tres horas, entre as seis e as nove da tarde, coincidindo co horario de maior movemento de transporte de uva no noso concello. Ese corte vai supoñer unha coitelada que case vai dividir o Concello en dúas partes illadas e separadas, e de feito, varias bodegas can quedar practicamente incomunicadas nese período de tempo.

  Dende a nosa formación, somos moi conscientes de que a vendima, que en Ribadumia ten un peso económico importante, é un momento do ano de moitísimo movemento por estrada, de transporte de uvas pero  tamén de persoas entre viñedos, en moi poucos días e co tempo para realizar o traballo de recollida da uva limitado, e polo tanto, son días de andar con presa. Ademais este ano, o atraso polas choivas da vendima xera un plus de  preocupación e nerviosismo. Neste aspecto, un corte de estrada que vai obrigar a desvíos de trafico e amplas voltas para chegar a viñedos e bodegas, parécenos algo a ter moi en conta, pois o desvío de todo o tráfico por estradas secundarias, cunha importante cifra de grandes tractores, camións e furgóns circulando enriba do tráfico habitual, pode ocasionar atascos e problemas.

   Dende Somos Ribadumia pedimos que  se poña especial celo na xestión do tráfico, cunhas medidas de seguridade e de distribución do tráfico acordes á situación, que se informe moi ben, e se limiten as molestias para os viticultores ao mínimo necesario.

Deixar un comentario