Organizamos a I Xornada Municipalista.

· Unha xornada técnica, formativa e de debate orientada a formacións municipalistas de toda Galicia.
· Será o próximo 4 de outubro.
· Coa colaboración de Somos Cambados e Agora Galicia.
Dende Somos Ribadumia vimos de lanzar, logo de meses de preparación, a que será a I Xornada Municipalista, un encontro de carácter técnico, formativo e de debate que supón un paso adiante no traballo colectivo que vimos realizando dende fai anos con outras formacións do noso espazo político, e que se encadra dentro do proxecto de confederación do municipalismo iniciado formalmente o pasado febreiro co nacemento de Agora Galicia.

O encontro, dirixido polo noso Concelleiro Sergio Soutelo e pola Concelleira de Somos Cambados Noelia Gómez, está orientado a formacións municipalistas, terá un carácter técnico e formativo, e nel desenvolveremos catro bloques:
- dereitos fundamentais dos cargos públicos, onde analizaremos os dereitos e obrigas dos concelleiros e concelleiras, nun relatorio ofrecido pola avogada Tania Varela.
- Clase mestra sobre economía local, da man de Patricia Oubiña, da Executiva de Somos Ribadumia é de Enrique Oubiña, exconcelleiro da nosa formación, no cal en dúas partes diferenciadas se trataran diversos aspectos técnicos das Contas dun Concello.
- Estratexias políticas nos ámbitos anteriores, no cal se analizaran diversas formulas para xestionar dende o punto de vista político todo o tratado nos temas anteriores. Este bloque irá da man da avogada Tania Varela, do Concelleiro Sergio Soutelo e do exconcelleiro Enrique Oubiña
Xa pola tarde terá lugar un debate, moderado poa Concelleira Cambadesa Noelia Gómez, ao redor da degradación dos funcionamentos democráticos nos Concellos.

Con esta iniciativa dende Somos Ribadumia afondamos na nosa aposta polo enfoque útil para a cidadanía da acción política, unha visión que é compartida co resto do municipalismo e que está no cerne de Agora Galicia. Nun tempo onde as grandes forzas políticas viven na autocompracencia, onde a xestión política está afogada polo tacticismo, todo se fai a golpe de publicacións nas redes sociais e de titulares, sen outro obxectivo que o de lograr rédito electoral e ter o poder para facer con el negocio ou atender a fins partidistas e personalistas, e onde as propias administracións deixaron de ser ferramentas para axudar á cidadanía e pasaron a ser mecanismos a través dos cales lograr fins partidistas, conseguindo con todo iso unha gran desafección da cidadanía cara a política e que triunfen discursos radicais e rupturistas co sistema democrático, nós defendemos o funcionamento da democracia e das institucións e o uso dos mecanismos legais e democráticos existentes, a falta doutros mellores, para facer da política a ferramenta útil e que sirva para mellorar a vida da nosa veciñanza que debe ser e que outros transformaron nun artificio. En definitiva, contra os que buscan aproveitarse do sistema ou vivir cómodamente del, nos apostamos por usar o sistema para mellorar a vida da xente.
