Propoñemos que o Concello de Ribadumia actue xa ante os problemas do Servizo de Axuda no Fogar.

- O Contrato do SAF leva vencido meses.
- En perigo de quedar sen servizo máis de 120 familias.
- Sumámonos ás traballadoras nas súas reivindicacións.
O Servizo de Axuda no Fogar (SAF) é unha ferramenta fundamental para garantir que persoas dependentes poidan vivir con dignidade nos seus fogares, co apoio necesario para as súas necesidades diarias. É, polo tanto, un servizo esencial, tanto polo seu valor social como pola súa función de apoio ás familias.
Porén, a realidade actual do SAF en Galicia é moi preocupante Por unha banda temos unha precariedade laboral crónica: O convenio colectivo está sen actualizar desde 2011, con salarios baixos (en moitos casos arredor de 1.200 € brutos para xornada completa e contratos a tempo parcial de 20 horas semanais).
A isto debemos sumar a falta de protección laboral: As traballadoras acoden a domicilios sen protocolos claros de prevención de riscos nin medidas fronte a situacións de acoso. O asasinato en xullo de 2025 dunha traballadora do SAF en O Porriño, que xa denunciara riscos sen recibir protección, puxo en evidencia esta gravísima desprotección.
En terceiro lugar temos unha Infrafinanciación estrutural: O custo real do SAF supera os 20 €/hora (os contratos actualizados en 2025 teñen un custo medio de 22,75€, mentres que os que hai en tramitación van dos 23,66€ aos 28,58€), pero Xunta e Estado achegan conxuntamente apenas 12 €/hora, obrigando aos concellos (e usuarios finais) a cubrir a diferenza a pesar de non ter competencia plena en dependencia. Segundo os últimos datos dispoñibles, a Xunta financiou un 27,35% en 2024, No caso do Estado, o importe financiado foi do 30,56% (a maiores de ter retrasos históricos nos pagos da financiación en dependencia). Esta falta de recursos tradúcese en sobrecarga para as traballadoras, listas de espera para as persoas dependentes e deterioro da atención. En Lugo, por exemplo, hai persoas con grao III agardando máis dun ano para recibir SAF.
A esta situación xeral que queremos por de relevancia, súmase o caso concreto de Ribadumia. O contrato do SAF no noso Concello está vencido dende comezos de ano, de feito xa venceu a última prorroga obrigatoria, quedando o servizo no aire a expensas de que en calquera momento a empresa se desvincule do Concello ou deixe de acoller novas altas, situación que xa aconteceu anteriormente, sen que se iniciase un novo procedemento de licitación nin se presentase ao Pleno municipal. Compre remarcar que o convenio vencido establecía un prezo un prezo de 18,36 euros a hora de dependencia (sen IVE) e de 16,90 a de libre concorrencia (sen IVE), o cal queda por debaixo do xuste real do servizo.
Esta falta de planificación pon en risco a atención a arredor de 80 familias dependentes do servizo, e outras cincuenta en proceso de tramitación.

Ademais, non podemos obviar a mobilización das traballadoras do SAF de Ribadumia, que co apoio da CIG o pasado 13 de agosto concentráronse reclamando solucións inmediatas: licitación urxente ou municipalización do servizo para garantir continuidade, mellorar as condicións laborais e asegurar calidade na atención. Nesa concentración estivo presente o noso Concelleiro Sergio Soutelo, e puido comprobar de primeira man cal é a situación desas traballadoras e amosarlle o seu apoio moral pero tamén político, asumindo o compromiso de levar o debate da súa situación a Pleno.
Non consideramos relevante entrar no debate sobre se a competencia é da Xunta ou do Concello. É evidente que a Xunta ten competencias plenas en dependencia e debe asumir o seu financiamento, pero tamén é certo que o Concello non pode ficar de brazos cruzados cando un servizo esencial está en risco.

Ribadumia non pode permitirse nin un día máis sen garantías de continuidade do SAF, sen medidas de protección para as traballadoras, e sen compromiso firme por un servizo digno e seguro para quen o precisa. Por ses motrivo, ante a habitual desidia do goberno local, dende a nosa agrupación presentamos esta semana unha moción para o seu debate en Pleno, onde propoñemos o seguinte:
1. Instar á Xunta de Galicia a:
- Actualizar e mellorar o convenio colectivo do SAF, equiparando salarios ao IPC acumulado e eliminando escalas salariais discriminatorias.
- Implantar de inmediato protocolos de prevención e seguridade fronte a riscos laborais e situacións de acoso.
- Incrementar a súa achega ao financiamento do SAF ata cubrir, polo menos, o 50 % do custo real do servizo.
- Avanzar cara un modelo público de xestión directa, con orzamento e persoal suficientes, evitando a precarización mediante concesións con financiamento insuficiente.
2. Instar ao Goberno de España a:
- Restablecer e aumentar a súa achega ao financiamento do SAF, cumprindo co previsto por lei e eliminando a “débeda” acumulada en dependencia.
3. No que respecta ao Concello de Ribadumia:
- Tramitar de forma inmediata un novo procedemento de licitación do SAF para garantir a continuidade do servizo e mellorar as condicións laborais.
- Valorar e estudar seriamente a municipalización ou , como alternativa, o mancomunado do servizo, de forma temporal ou definitiva, para asegurar a súa calidade e estabilidade.
- Garantir que ningún usuario ou usuaria do SAF quede sen atención por cuestións administrativas ou contractuais.
- Establecer medidas de protección e apoio para as traballadoras que denuncien riscos ou acoso no desempeño do seu traballo.
- Incorporar cláusulas sociais e laborais estritas nos contratos ou na xestión directa, para asegurar condicións dignas e transparencia.
