Sumámonos a Somos Cambados e propoñemos que o Concello de Ribadumia retire a bandeira europea pola súa actitude ante o exterminio en Gaza.

- Cambados aprobou unha moción nese senso que facemos propia coa colaboración de Somos Cambados e presentamos no Concello para debaterse en Pleno.
- Non podemos permanecer impasibles nin ante o que está acontecendo, nin ante a como esta actuando a comunidade internacional, nomeadamente a Unión Europea.
Dende Somos Ribadumia decidímonos, logo de moito agardar que o goberno local tivera a ben facer algo, a tomar a iniciativa para que a nosa Corporación se exprese sobre o exterminio ao que Israel, coa complicidade da Comunidade Internacional, esta executando en Gaza.
Tal como afirman no seu Manifesto Urxente por Gaza, a Unrwa (Axencia de Nacións Unidas para os Refuxiados Palestinos en Oriente Próximo), Unicef (Fondo de Nacións Unidas para a Infancia) e as ONG Save the Children, Médicos sen Fronteiras, Oxfan Intermón e o Movemento pola Paz, en menos de dous anos, máis de 56.000 persoas palestinas foron asasinadas polo Exército de Israel en territorio gazatí; máis de 18.000 nenas e nenos. Máis de 127.000 persoas foron feridas, moitas delas con amputacións, queimaduras, mutilacións e traumas imposibles de curar. Despois dos ataques cometidos por Hamás o 7 de outubro de 2023, con 1.200 persoas mortas e tomando arredor de 250 reféns, Gaza tense convertido no escenario do sufrimento humano máis insoportable do noso tempo, transformado nun símbolo brutal de dor.
Segundo o citado manifesto, practicamente, toda a poboación gazatí vive desprazada e asediada, sen un lugar seguro onde refuxiarse. Máis da metade son nenas e nenos. Como consecuencia do asedio total imposto polas autoridades israelís dende o 2 de marzo deste ano, o 100% dos habitantes de Gaza corre agora risco de padecer fame, en palabras de Nacións Unidas. Máis de medio millón de persoas están en fase 5 de fame catastrófica, ducias delas morreron xa e seguirán morrendo se o Goberno de Israel non permite a entrada de axuda humanitaria masiva.
A protección e asistencia especiais que o Dereito Internacional Humanitario outorga á infancia – e que constitúen unha obrigación legal para as partes en conflito – non se compren. Asasinados ou mutilados, cercados pola fame e o medo, nenos e nenas están sendo afectados de forma desproporcionada por este conflito. Más de 41.000 perderon a un ou ambos dos seus proxenitores. O impacto é tan profundo que foi necesario acuñar un novo termo para describir a aqueles que sobreviven, “nenos e nenas feridos, sen familiares superviventes”. Os ataques contra a poboación civil, a destrución de infraestruturas esenciais, a obstrución sistemática da acción humanitaria, a privación da auga e da comida, así como o desprazamento forzoso constitúen graves violacións do Dereito Internacional Humanitario.
O sistema de saúde gazatí colapsou. Case todos os hospitais da Franxa están danados ou foron destruídos. A atención médica está sendo sistematicamente atacada en toda Gaza. Quen sobrevive aos bombardeos morre por falta de coidados básicos. Os equipos médico-humanitarios vense obrigados a curar feridas sen analxésicos e a racionar medicamentos esenciais. Nos quirófanos teñen que operar sen electricidade.
Seguindo co sinalado no Manifesto Urxente por Gaza, a esta devastación, súmase un modelo de axuda imposto polo Goberno de Israel que exclúe os principios humanitarios, ás axencias de Nacións Unidas e ás principais organizacións humanitarias internacionais. Un modelo que, lonxe de aliviar o sufrimento, perpetúao, violando os principios fundamentais da neutralidade, imparcialidade e independencia. Non é un sistema de axuda humanitaria, é a militarización da axuda contra unha poboación famenta. Facilita desprazamentos forzados, bloquea o socorro vital e consolida o castigo colectivo como arma de sometemento. Nos últimos días foron asasinadas más de 500 persoas e máis de 4000 foron feridas nos postos de axuda militarizados como consecuencia dos disparos do exército israelí. Mentres, toneladas de alimentos, medicinas e material sanitario permanecen retidas ao outro lado da fronteira, a escasos quilómetros de quen as precisa con desesperación.
Non podemos permitir a indiferenza e a complicidade ante este xenocidio. Non podemos aceptar que os gobernos europeos e a Unión Europea sigan observando en silencio mentres unha poboación enteira masacrada se desvanece baixo as bombas, os escombros, a inanición e o abandono. Cabe lembrar que o artigo 2 do Acordo de Asociación UE-Israel establece o seguinte: “O respecto aos dereitos humanos e os principios democráticos constitúe un elemento esencial do presente Acordo.” Cantos miles de nenos e nenas máis deben morrer para que os gobernos europeos e a Unión Europea actúen?
Fai uns días o Concello de Cambados, aprobou en Pleno unha serie de puntos tomando posición clara ante este xenocidio e a actitude da Comunidade Internacional e a Unión Europea. Dende Somos Ribadumia consideramos que a proposta dos compañeiros e compañeiras Cambadeses recollen o noso pensar perfectamente, polo que sumámonos á mesma e esta semana Sergio Soutelo presentou unha moción nos mesmos termos e propoñendo o seguinte:
– A Corporación do Concello de Ribadumia condena o xenocidio cometido polo Estado de Israel contra a poboación palestina de Gaza.
– A Corporación do Concello de Ribadumia declara ao Primeiro Ministro de Israel, Benjamin Netanyahu, persoa non grata.
– A Corporación do Concello de Ribadumia insta ao Goberno de España a deter calquera compra ou venda de armamento a Israel e a romper relacións diplomáticas con ese Estado mentres siga perpetuado o xenocidio contra a poboación palestina en Gaza.
– O Concello de Ribadumia retirará a bandeira da Unión Europea da entrada do Concello, mentres a Unión Europea non condene con rotundidade o xenocidio que está cometendo Israel en Gaza e non suspenda o Acordo de Asociación con ese Estado.
