Propoñemos que o Concello de Ribadumia actúe para conseguir que a  Xunta mellore o transporte público.

  • Sumámonos as reivindicacións de Cambados en materia de transporte público.
  • Propoñemos que o goberno local actúe e tome as medidas necesarias orientadas a que a Xunta modifique o Plan de Transporte Público.
  • A nosa veciñanza precisa ter conexións cos hospitais, coas universidades que cos centros da administración.  
  • David Castro, de  votar en contra do Plan de Transporte da Xunta a gardar silencio para non molestar ao PP.

  Dende Somos Ribadumia consideramos, igual que os nosos compañeiros e compañeiras de Somos Cambados, que debemos poñer un foco no problema que ten a nosa comarca, pero especialmente Ribadumia, coa practica ausencia de transporte público que nos comunique co resto da comarca, cos hospitais e universidades e coas cidades de referencia.

  A situación actual do transporte público por estrada na nosa comarca é peor da que era hai décadas. Co paso dos anos foron eliminándose liñas e frecuencias, ata o punto de deixar practicamente sen utilidade boa parte das conexións entre algúns dos concellos máis poboados do Salnés. De maneira que a existencia de determinadas liñas interurbanas parece hoxe meramente simbólica. As conexións por estrada coas principais cidades galegas tamén empeoraron notablemente, sendo inexistentes nalgúns casos e con viaxes máis longas ou duradeiras noutros. Neste  aspecto, no Concello de  Ribadumia quedamos practicamente incomunicados, e de feito non temos nin tan sequera comunicación cos dous hospitais de referencia, o do Salnés e Montecelo,  nin coas universidades e centros da administración máis próximos.

   O Plan de Transporte Público de Galicia (PTPG), aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o 29 de novembro de 2018, lonxe de axudar a mellorar, contribuíu decisivamente a empeorar a situación do transporte público por estrada na comarca do Salnés. No momento da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG), a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade indicaba que o PTPG “marca as directrices para lograr un modelo sostible e eficiente que se adapte ás necesidades de mobilidade dos galegos do século XXI“. Unha afirmación que, cando menos, parece afastarse moito da realidade.

   Nun momento no que estamos a abordar o reto que supón acadar os obxectivos da Axenda 2030, a política de transporte público por estrada da Xunta, e particularmente o PTPG, non lle deixa outra opción á cidadanía do Salnés que seguir empregando vehículos particulares para dirixirse aos centros de traballo (polígonos industriais), hospitais (e centros de saúde), universidades, aeroportos, estacións de tren, centros comerciais ou de ocio, etc. E así resulta imposible ter unha mobilidade sostible, na que se dea prioridade ao transporte público para mellorar a seguridade vial e reducir a contaminación atmosférica e acústica.

   Para a cidadanía do Salnés, especialmente a que vive nos Concellos máis pequenos e afastados dos centros urbanos maiores onde se encontran as sedes administrativas, as universidades e centros formativos e os hospitais, dispoñer dunha boa rede de transporte público é unha prioridade indubidable. Xunto coa vivenda, a sanidade, o ensino ou o emprego representa unha das cuestións máis importantes para favorecer a economía e mellorar a calidade de vida na nosa comarca. Xa que logo, todos os concellos do Salnés, Ribadumia entre eles, deben prestar unha atención especial ao transporte público, expoñendo as súas demandas ao respecto ante a Xunta de Galicia e traballando na medida das súas posibilidades nesta materia tan importante para o noso futuro.

   Compre recordar que xa se debateu está cuestión en Pleno, cando David Castro era supostamente independente e gobernaba da man de Somos Ribadumia e do PSOE, dando como resultado a oposición da Corporación Municipal ao Plan  de Transporte da Xunta, sendo Ribadumia o primeiro Concello da comarca en presentar alegacións. Todo isto antes do 2019. En canto David Castro colleu a maioría absoluta, como con moitas cousas, gardou silencio cómplice coas políticas da Xunta.

Seguindo esta liña de pensamento, o noso Concelleiro Sergio Soutelo presentou esta semana unha moción no Concello coas seguintes propostas de acordo:

  • A Corporación do Concello de Ribadumia acorda  requirir á Xunta de Galicia,  a través dunha comunicación formal, a aumentar o número de liñas e frecuencias do transporte público por estrada entre as vilas que conformamos a comarca do Salnés, entre o noso Concello co Hospital do Salnés e de Montecelo,  e coas cidades de Pontevedra, Santiago e Vigo.
  • A Corporación do Concello de Ribadumia insta á Alcaldía, na súa calidade de Presidente da Corporación, a que se nos próximos seis meses a Xunta non atende a ese requirimento, poña en marcha todas as iniciativas e  as medidas pertinentes para que a Xunta de Galicia atenda a esta demanda tan importante para a nosa veciñanza, a convocar á  Xunta de Voceiros para coordinar as accións políticas que se deban levar a cabo dende a Corporación, a  convocar aos voceiros dos partidos con representación na Corporación para que participen nas xuntanzas que se poidan producir e a dar conta en cada Pleno Ordinario das accións realizadas e dos avances producidos.

Deixar un comentario