Festa do Pan: novo fiasco de David Castro. Sen noticias da declaración de Festa de Interese Turístico e perdendo afluencia.

  • David Castro pasou de anunciar a declaración de Festa de Interese Turístico para este ano a silenciar esa posibilidade.
  • Unha festa estabilizada, pero á baixa, con cada vez menos presencia dos panadeiros e con actuacións discutibles.
  • Escándalo cos fogos de artifico nunha zona incendiable pola negativa a contratar actuacións locais.

   Pasou a Festa do Pan, e parecera que David Castro quixera obviar que aconteceu. Dende Somos Ribadumia, como sempre, optamos por agardar un tempo prudencial, antes de facer unha valoración, e evitar así afectar de ningunha maneira ao evento, pero a realidade é que David Castro vai de fracaso en fracaso.

  Queremos recordar que fai un ano, o propio David Castro sacaba peito falando de “xa se está entregando documentación” para obter a declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia, e de feito, nun medio de radio chegou a declarar que a edición deste ano xa contaría con esa distinción. Unha pasada de freada que supoñemos está detrás do silencio este ano ao respecto desta cuestión.

  A realidade é que cando fai un ano falaba de que xa se estaba presentando documentación, David Castro mentía descaradamente. O primeiro paso, que é a aprobación polo Pleno Municipal do inicio do trámite, non se realizou ata o 5 de setembro, tres semanas despois de celebrarse o Pleno. E dende ese día nunca máis se soubo, por que a realidade é que  David Castro non moveu un papel.

  Dende Somos Ribadumia consideramos unha tremenda tomadura de pelo mentirlle a veciñanza e as persoas voluntarias que colaboran na organización e desenvolvemento dese evento dicindo que se estaban facendo trámites e que xa este ano íamos ter esa ansiada declaración, cando en realidade non se estaba facendo nada. David Castro e as Concelleiras de eventos e cultura, perfectamente ao tanto tamén deste fiasco froito en primeira estancia da vagancia do goberno local, deberían desfilar en fila pola porta dos dimitidos, pero como sabemos que David Castro non ten pensado asumir ningún tipo de responsabilidade, non digamos xa o seu equipo, asumimos que a veciñanza vai seguir sufrindo a este alcalde un pouco máis.

Sobre o desenvolvemento da Festa.

Por outra banda, a propia festa da síntomas de ter pasado a súa mellor época, e empeza a adoecer de certa falta de frescura que a levan a perder asistencia de maneira paulatina. Non axudan determinadas cuestións, como o apretado das mesas e cadeiras, ou o longo dalgúns actos. Dende Somos Ribadumia recollemos queixas de todo tipo, pero hai cuestións que debemos salientar. En primeiro lugar que a algunha cabeza pensante se lle ocorrera tirar fogos de artificio moi  preto da propia festa practicente enriba da Carballeira e nunha zona particularmente seca e cun piñeiral ao carón, algo que puido provocar un importante susto. A Carballeira de Ribadumia está situada nunha zona moi concreta que fan bastante inviables cousas como os lumes de artificio por non ter unha zona segura onde lanzalos, pero iso ano noso alcalde non parece preocuparlle moito. En todo caso debemos lamentar que na situación de especial seca deste ano e dese día concreto, o goberno se dedicara literalmente a xogar co lume.

   Unha cuestión que xerou moitas queixas e molestou a unha boa parte da nosa veciñanza foi a xestión do espazo para cear. A maioría da veciñanza informóuselle que a Carballeira permanecería pechada e non se poderían reservar mesas ata as 18:00 horas, pero a realidade foi moi distinta e a maior parte das mesas e cadeiras desa hora resultou que xa estaban reservadas, o cal xerou, a parte de enfados e xente que se foi, a sensación de que en Ribadumia hai veciños de primeira aos que se lle permite todo, e outros de segunda aos que se lle obriga a cumprir horarios. Dende logo non podemos compartir esta maneira de actuar favorecendo a uns e prexudicando a outros.

  Tampouco podemos valorar positivamente que tendo grupos musicais no noso Concello o goberno opte por contratar grupos de fora de Ribadumia, que ademais saen máis caros.

E dende logo, se algo botamos en falta nesa festa, é a presenza dos panadeiros, que venden o produto ao Concello pero fai tempo que non participan activamente do evento.

 O que si debemos por en valor e o traballo e Alecrin e de todo o corpo de persoas voluntarias que fan posible a realización da festa do Pan.

  Dende Somos Ribadumia temos moi claro que a Festa do Pan merece unha revisión a fondo, e tamén un goberno que traballe por poñer en valor a nosa tradición muiñeira e de elaboración deste produto, actualizando o evento, tendo coidado con certos detalles, e dándolle un valor engadido que permita manter unha boa afluencia de xente, pero que ese non sexa o único obxectivo, e que tampouco sexa tan alta que impida  á nosa veciñanza gozar dese evento con tranquilidade, isto é: sen ter que facer colas longas, andar as liortas por coller un par de cadeiras ou comer apertados, entre outras cousas.

Deixar un comentario