Instamos a David Castro a actuar xa ante unha nova posibilidade de adquirir a antiga Alfageme.

  • O IGAPE abreu un prazo para presentar ofertas.
  • A cifra  de partida é de 150.000€, unha cantidade razoable, que un alcalde competente con carné do PP debería poder incluso mellorar.
  • Instamos a  David Castro a actuar xa e non deixar escapar esta oportunidade.

   Fai uns día facíamos pública a nosa proposta, presentada no Concello en forma de moción, de que o goberno local realice as xestións pertinentes para facerse coa parcela da antiga Alfageme. Xa nese momento explicamos os motivos polos  cales consideramos que adquirir para a veciñanza  eses terreos é unha enorme oportunidade para o noso Concello, que tería así a posiblidade de por un lado acabar cun problema de salubridade denunciado pola veciñanza, e por outro recuperar un espazo nunha zona de gran valor ambiental, que reforzado con outras actuacións como a ampliación  da senda do Umia permitirían a valorización desa zona tan interesante como case descoñecida.

  Da nosa proposta non tivemos resposta por parte do goberno do señor Castro, pero este pasado 23 de xullo,  no DOGA publicouse o acordo polo cal  o IGAPE  deixa “ aberto, durante trinta días naturais, o prazo para a presentación de ofertas vinculantes, previo ao procedemento de alleamento en cuarta poxa pública para a venda dun inmoble, propiedade do instituto polo que se acorda deixar aberto, durante trinta días naturais, o prazo para a presentación de ofertas vinculantes, previo ao procedemento de alleamento en cuarta poxa pública para a venda dun inmoble, propiedade do instituto”, fixando o prezo mínimo da poxa en 150.000€, unha cantidade que consideramos razoable para unha parcela de case 8.700 metros cadrados. Non esquezamos que o Concello pagou non fai moito  máis que esa cantidade por unha parcela de mil metros para únicamente facer un aparcadoiro. Ademais, en Somos Ribadumia non somos ningún ilusos sobre como funciona o goberno do PP na Xunta, e sabemos que un alcalde minimamente competente con carné do PP, podería incluso mellorar esa cifra inicial, e conseguir, senón a cesión gratuita dos terreos como parte dalgún  convenio de colaboración para a súa recuperación, cando menos un prezo moi axustado.

 Por outra banda, compre remarcar que a día de hoxe Ribadumia non conta con Orzamento para o ano 2025, polo que aínda hai tempo de encaixar esta adquisición no mesmo, para o  caso de que o goberno decida aprobar un orzamento. En caso contrario asumimos que o declarado polo señor Castro é correcto e o Concello dispón de recursos para facer fronte a unha compra deste calibre, que entendemos é moi asumible.

  Dende Somos Ribadumia queremos pasar por alto a falta de resposta á nosa proposta dende  o goberno local e á ausencia da nosa moción na lista de temas previstos para o próximo Pleno, inicialmente previsto para esta semana, un síntoma moi esclarecedor de que a David Castro non lle interesa nin o máis mínimo Ribadumia nin moito menos falar das nosas propostas, nin sequera unha tan sinxela de asumir como esta,  pero pedímoslle que mire máis aló das siglas e dos personalismos , e traballe pola veciñanza e polo que é beneficioso para o Concello.

  Dende Somos Ribadumia non temos afán de protagonismo nin un particular interese en debater as nosas mocións se, como neste caso, resulta prioritario  que o goberno actúe sen agardar a debates plenarios. Dende logo no relativo a esta cuestión consideramos que neste momento resulta máis urxente e importante que o Concello aposte por actuar e facerse con esta parcela, por ese motivo onte Sergio Soutelo presentou un escrito dirixido á alcaldía onde o insta a actuar xa e realizar as xestións que como alcalde lle corresponden para facerse con esa parcela. Agardamos que o noso alcalde, que logo de semanas desaparecido, unicamente apareceu para facerse fotos en eventos deportivos e comidas, saiba, cando menos nesta ocasión, estar á altura.

Deixar un comentario