Celebramos que David Castro por fin faga caso de Somos Ribadumia e audite a  rede de auga.

  • David Castro mantiña ao Concello na ilegalidade, perdendo axudas dende o ano 2019 e arriscándose a multas e subas no canon da Xunta por irresponsable.
  • Perdeu cartos para auditar a rede, e perdeu cartos para realizar actuacións de mellora. Dende 2022 ao redor de  100.000 €.
  • Aínda que sexa obrigado,  alégranos que David Castro nos  dea a razón a Somos Ribadumia  despois de desprezar a Sergio Soutelo varias veces por pedirlle que fixera o que agora anuncia a bombo e pratillo.

    Fai uns  días tivemos coñecemento a través da prensa (David Castro mantén os funcionamentos democráticos como a Xunta de Voceiros inoperativos e non fala coa oposición, ademais de non convocar os Plenos), de que o goberno vai auditar a rede de subministro de auga potable.

   Este anuncio chega logo de anos ignorando as advertencias de Somos Ribadumia dos problemas coa rede de abastecemento de auga, de innumerables roturas, algunhas que estiveron meses estragando en auga e outras que seguen a día de hoxe sen reparar logo de case un ano vertendo, e despois de que se disparasen os custes en reparacións e por fugas da rede, particularmente dende que o señor Castro tomou o costume de cando escasea a auga andar a pechar chaves de paso e volvelas abrir provocando problemas de presión nas tubaxes.

  Dende Somos Ribadumia, aínda que non entendemos que un alcalde  presuma nos medios de prensa de estar fóra da lei nin moito menos de que vaia a corrixir unha situación creada por él mesmo, non podemos máis que felicitar ao señor Castro por cambiar o discurso e decidir facer caso das recomendacións do noso partido, pois non esquezamos que non fai moito, en concreto nun Pleno Extraordinario celebrado en decembro de 2024, o propio señor Castro,  nunha intervención deplorable e falta de todo respecto cara Sergio Soutelo, desprezaba a necesidade dunha auditoría negando que servira  para detectar fugas de auga, e a súa Concelleira de Contas chegou a declarar, citamos literalmente “as tuberias rompen, van, arreglanse e xa non hai averias, enton, si que se sabe, e si que se detectan onde están [as fugas de auga]” , dando a entender que unha auditoría non aportaría nada.

   En todo caso, os argumentos achegados polo goberno para xustificar a decisión de auditar  a rede de abastecemento demostran  que dende Somos Ribadumia estabamos acertados ao reclamar que se realizara, para poder ter datos concretos, localizar as fugas e saber por onde se esta escapando auga e canta se esta escapando, pois non debemos esquecer que se paga con fondos públicos.

   Por outra banda, compre por de manifesto que ter auditada a rede de abastecemento de auga, con independencia doutras consideracións,  é obrigatorio por Lei dende decembro  de 2019, e que o Concello estaba perdendo axudas por non cumprir a legalidade vixente, unha cifra que vistas as ultimas convocatorias da Xunta pode estar nos 100.000€ en 3 anos. Tamén se estaba  expoñendo a sancións por parte da Xunta, e subas no canon do recibo da auga  que ían ter que pagar os veciños. Ademais agora tamén entrou en xogo a Administración Central e Europa, con esixencias inapelables, polo que o señor Castro ten que  facer algo ao que se estaba negando tercamente, pois por algún motivo, que pronto saberemos, David Castro non quere facer pública a xestión que se está facendo da auga.

  Por outra banda, hai  que remarcar que agora o Concello acóllese a unha axuda de Augas de Galicia como algo novidoso, pero resulta que estas axudas veñen dándose dende o ano 2022. Dende o noso punto de vista resulta lamentable que David Castro estivera cinco anos negándose a realizar esta auditoría e perdendo axudas, tanto para realizar a auditoría como para actuar na rede de subministro, como están xa facendo moitos Concellos, pois Ribadumia é un dos 89 Concellos pendentes de auditar a rede e tamén un dos 89 Concellos que non puido optar ás diferentes liñas de axuda para melloras na rede de subministro. De feito, recordemos que para a colocación de  varios contadores de caudal realizada no 2023, o goberno do señor Castro tivo que acudir á liña do Fondo de Cooperación Local por que non podía acceder ás liñas específicas.

   Así pois, David Castro chega o último, e cando Concellos veciños como Meis ou Meaño xa están levando a cabo actuacións para corrixir as perdas de auga, Ribadumia leva anos de retraso, non sabe por onde se lle escapa a auga, nin canta, non pode optar as  axudas específicas para mellorar a rede de subministro, e cando quere facer algo ten que tirar de fondos, sexan propios ou doutras liñas de axuda,  que poderían ir para outras cousas tamén moi necesarias.

E non só se perden cartos de axudas doutras administracións. Os millóns de litros perdidos nestes anos pagáronse e estanse pagando con fondos públicos.

   E todo isto acontece mentres  temos problemas de subministro como os vividos a principios de xuño, cando Ribadumia foi o único Concello da comarca con problemas de abastecemento xa  antes da chegada do verán, ata o punto de que chegou a cortarlle o subministro a Meis, xerando un problema e un conflito co Concello veciño, noutro exemplo de incompetencia e comportamento infantil a partes iguais.

 Dende Somos Ribadumia agardamos que a auditoría aclare que está pasando na nosa rede de subministro, para poder actuar ou propoñer actuacións concretas e efectivas. Pero mentres tanto, recordámoslle ao señor Castro que no Concello hai fugas de auga á plena vista, que non requiren de ningunha auditoría para saber delas e das que o goberno está perfectamente informado, e algunhas levan meses sen solucionarse.

Deixar un comentario