Propoñemos que o Concello adquira a parcela da antiga Alfageme.

  • Propoñemos recuperar ese espazo para a  nosa veciñanza.
  • As limitacións da parcela, nunha área protexida e sen posibilidades de recuperar a actividade industrial, principais atrancos para que a adquira unha empresa ou particular.
  • A situacións actual, insalubre e foco de bicharía variada, resulta inaceptable.
  • Recuperar a ribeira do Umia nesa zona, e prolongar a senda fluvial dende Barrantes ata a desembocadura do río a través da xunqueira de Sisan, a nosa proposta para a posta en valor dunha zona de altísimo interese.

    Como é de coñecemento público, os terreos da antiga Conserveira Alfageme levan anos en mans do IGAPE dende que se fixo con ela no ano 2013 logo de que a empresa entrara en concurso de acreedores certificando así o seu peche definitivo. Dende entón foron varios os intentos que fixo o IGAPE de desfacerse desa parcela, que supera os 8.000 metros cadrados, e todo o que hai nela a través de varias subastas públicas. O último intento foi o pasado 19 de xuño deste 2025, e novamente a subasta quedou deserta, a pesar de baixar o prezo na terceira poxa ata pouco máis de 300.000 €, unha cifra que en subastas anteriores incluso chegou a baixarse ata os 200.000 €. O motivo polo cal de maneira sistemática as diferentes subastas ficaron desertas está nas limitacións urbanísticas da parcela: solo rústico, con abundantes afeccións, varias figuras de protección do espazo natural, Costas, Augas de Galicia, Patrimonio Cultural, que a fan inviable para o desenvolvemento de novas actividades industriais, e despois de pasar tanto tempo e co grande deterioro que ten a parcela, incluso é inviable manter a mesma actividade económica que tiña, xa que implicaría modificacións de calado que se atoparían de fronte coa normativa urbanística e medioambiental. En resumo, a parcela non ten posibilidades dun uso industrial, e tampouco é edificable.

 Así que por un lado temos ao IGAPE  con moito interese en desfacerse desa propiedade e con moito máis que boa vontade de negociar un prezo adecuado, e o Concello de Ribadumia é hoxe por hoxe o postor máis lóxico para adquirir esa parcela, pois é o único que pode sacarlle partido, do xeito que veremos máis adiante.

   Por outra banda temos a situación  actual desa propiedade. Logo de máis dunha  ducia de anos abandonada, sen que o IGAPE se moleste o máis mínimo, máis aló de algunha actuación puntual, o certo é que esa nave e toda a parcela convertéronse nun foco de problemas de salubridade que afecta ás propiedades e negocios lindeiros, que xa levan realizado innumerables queixas, as últimas en días recentes, recollidas pola prensa e mesmo a través das redes sociais.  A presenza de ratas e bichería, e o perigoso estado de abandono da instalación non pode ser pasado por alto pola administración local.

  En terceiro lugar, o que claramente resulta de interese para a Administración Local, cando menos dende o noso punto de vista: a súa localización. Na desembocadura do río  Umia, dentro da zona intermareal Umia-O grove, incluído no Listado de Humedais de Importancia Internacional (Humedal RAMSAR) e designado  Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA), entre outras figuras de protección. Non cabe dúbida pois de que a localización desa parcela resulta do máis interesante dende o punto de vista medioambiental e paisaxístico.

  E por iso resulta evidente que para o Concello de Ribadumia resulta moi interesante optar a facerse con esa parcela, obviamente negociando un prezo razoable co IGAPE, aínda que ese non parece que vaia a ser o problema.

Facerse con esa parcela dende a Administración Local e recuperala medioambientalmente, que é o único obxectivo factible, tendo en conta as características e limitacións do chan onde se encontra, non só solucionaría o problema de salubridade que ten esa zona, e permitiría dotar un espazo recuperado para a veciñanza nunha contorna tan interesante e de tanto valor paisaxístico como é a desembocadura do río Umia e a xunqueira de Sisán. Tamén permitiría o desenvolvemento de proxectos de posta en valor do espazo natural e de promoción turística e, no medio prazo, ampliar a senda fluvial que ven dende Pontearnelas ata o final do limite do noso Concello, poñendo un broche de ouro a unha senda que gañaría moito con esa ampliación.

   Por todo o anteriormente exposto, Sergio Soutelo ven de presentar unha moción en nome do noso partido, onde ademáis de recoller todo o exposto máis arriba propon o seguinte acordo concreto:

–         Instar ao Concello de Ribadumia ao seguinte:

a)  que leve a cabo as negociacións necesarias para que o Concello de Ribadumia  dentro deste ano 2025 chegue a un acordo co IGAPE para facerse coa titularidade da parcela onde se encontra a nave da antiga Alfageme, na parroquia de Sisán.

b) que nos orzamentos que correspondan se dote a partida necesaria para a adquisición desa propiedade, ou de ser preciso se leve a Pleno a solución que corresponda para facer fronte economicamente a esa adquisición.

c) que  posteriormente se redacte e se leve a cabo o proxecto de recuperación completa da parcela e da súa posta en valor, dotando nos orzamentos a partida económica necesaria.

d) que mentres non se cumpra todo o anterior, o Concello de Ribadumia cumpra coas súas obrigas, instando ao IGAPE a manter esas instalacións nunhas condicións mínimas de salubridade e actuando con todas as ferramentas que se dispoñan se iso non acontece.

Deixar un comentario