Que está pasando co subministro de auga pública en Ribadumia?

- Antes do verán e xa tivemos problemas de subministro, pero só no deposito que da auga a Ribadumia e Meis.
- Ou ben hai unha fuga de importancia en Ribadumia ou ben David Castro oculta en que se está gastando a auga.
- Os contadores instalados para detectar fugas, ou non funcionan, ou David Castro oculta o que contan.
- David Castro culpa á veciñanza da súa incompetencia, mentres ten sen resolver dende fai meses fugas de auga en varios puntos do Concello.
Antes xa de comezar o verán de maneira oficial, Ribadumia viviu un problema co subministro de auga pública. A semana pasada o depósito que abastece a Ribadumia e Meis quedou en mínimos provocando que o presidente da Mancomunidade, David Castro, dera orde de cortar o servizo ao Concello de Meis, unha orde máis que cuestionable, pois él non ten potestade para tomar ese tipo de decisións, nin para deixar un Concello sen auga.
A cuestión é que o problema detectouse unicamente no depósito de Sete Pías que da servizo a Ribadumia, Meis e unha zona reducida de Cambados. Non foi pois un problema que afectara ao todos os concellos conectados ao subministro de Treviscoso, foi un problema de consumo esaxerado en Ribadumia. E dicimos Ribadumia por que a pesar de cortar o servizo a Meis durante máis de 24 horas o depósito non se recuperou nese tempo nin o máis mínimo, de feito foise recuperando ao longo da semana, e moi lentamente.
David Castro, por boca do xerente da mancomunidade culpou á veciñanza falando dun suposto enchido masivo de piscinas, algo moi lonxe da nosa realidade. Ribadumia nin ten moitas máis piscinas que anos anteriores, nin porcentualmente ten máis que outros concellos como para que haxa un problema en Ribadumia cando non o hai no resto da comarca, nin todas esas supostas piscinas se encheron o mesmo día, para empezar porque a maioría das piscinas hoxe en día están cheas todo o ano, polo que habería que falar unicamente de piscinas desmontables ou as máis pequenas, simples pozas inflables que levan moi poucos litros , pero ademais a maioría énchense con auga de pozos particulares. Para este último caso é ante as acusacións de David Castro de que a veciñanza enche as piscinas con auga da rede de abastecemento, hai que recordarlle ao señor Castro que o goberno de Ribadumia ten unha normativa sobre o uso de auga é que a súa responsabilidade como alcalde é tomar medidas para que a lexislación de cumpra. Se opta por mirar para outro lado cando menos que estea calado e non culpe aos veciños da súa propia incompetencia.
A realidade é que en Ribadumia nas últimas semanas, con choiva ou con sol, produciuse un uso esaxerado de auga, que non ten nada que ver con ningunha piscina particular, e do que David Castro debe dar explicacións.

Hai que recordar que no ano 2023 o goberno do señor Castro investiu case 50.000€ na instalación varios contadores de auga na rede, para controlar o consumo e detectar fugas puntuais, así que resulta moi difícil creer que haxa un desaxuste e que o Concello non teña constancia, salvo que eses contadores estean inutilizados, o cal sería o colmo da incompetencia. Tamén resulta difícil de creer que haxa unha rotura capaz de deixar seco o depósito e que o Concello non sexa capaz de localizada. Polo tanto, temos moi claro que David Castro sabe que está pasando co subministro de auga no noso Concello, e que de maneira intencionada oculta unha realidade que nos pode levar a ter problemas de auga nas próximas semanas.
Por outra banda, resulta que o alcalde que fala das piscinas dos demais non soluciona as diversas fugas de auga pública que ten detectadas ao longo do Concello, algunha denunciada por nós mesmos e que sigue 9 meses despois estragando miles de litros de auga diarios.
Esiximos a David Castro que deixe de culpar á veciñanza da súa incompetencia e que aclare cal é a situación, se Ribadumia ten un problema, explique en que está gastando auga o Concello, e que aclare tamén se nos próximos meses os veciños e veciñas de Ribadumia imos sufrir cortes de auga mentres no resto da comarca non e por que. E por suposto, que solucione as fugas existentes.

