Lamentable estado do ximnasio municipal.

  • As instalacións sitas en Cabanelas presentan un estado de falta de mantemento, limpeza e coidado inaceptables.
  • Maquinaria rota dende fai meses, outra deteriorada polo uso, óxidos, desperfectos de todo tipo, as instalacións con numerosas deficiencias, e en xeral un estado pouco hixiénico.
  • Instamos ao goberno a que actúe, poña ao día e manteña o ximnasio municipal, que se mantén cos impostos de toda a veciñanza.
  • Hai un problema evidente coa limpeza das instalacións municipais e esiximos que se solucione.

O noso Concelleiro Sergio Soutelo, seguindo a súa rutina de visitas as instalacións de titularidade do Concello, e logo de recibir as queixas de varias persoas usuarias do ximnasio municipal, estivo esta semana nesa instalación, onde constatou o lamentable estado de deterioro e falta de mantemento, coidado e posta ao día que presenta.

   Ao longo da visita comprobamos todo tipo de deficiencias. De partida a propia instalación presenta luces fundidas, boa parte das duchas funcionando mal ou sen funcionar, colgadoiros rotos, óxidos e falta de mantemento por todos lados, goteiras sen reparar, e unha importante e moi preocupante falta de limpeza e hixiene nunha instalación que usan moitos veciños e veciñas do noso Concello e que polas súas características require dun especial coidado.

  No respecto á maquinaria do ximnasio, os óxidos e o deterioro de boa parte do parque das maquinas de peso é evidente, hai varias maquinas de exercicio cardiovascular, valoradas en miles de euros, avariadas e algunha mesmo desmontada nunha esquina, e detalles como asentos rotos que son unha mostra da desidia no mantemento e do pouco interese que o goberno do señor Castro ten polo ximnasio municipal.

  Ademais non falamos dunha situación puntual, pois as queixas polo estado da instalación, que resulta de todo inaceptable, veñen de meses atrás, aínda que nós agardamos un tempo antes de tomar outras medidas porque nos consta que o goberno está ao tanto da situación e contabamos algo mais de dilixencia. Non foi o caso, e polo tanto a vista da desidia do goberno do señor Castro, onte Sergio Soutelo presentou un escrito no Concello solicitando que se actue de maneira inmediata nesa instalación, recordándolle que é unha instalación de titularidade municipal, aínda que teña un uso compartido co club de piragüismo , polo que o Concello e o goberno local son os responsables de que estea, non xa ben, senón en perfectas condicións de uso para as persoas que por certo pagan unha cota por usar esa instalación e merecen que se lles trate con respecto e se lles dispoña un ximnasio en condicións. A maiores disto imos estudar outro tipo de medidas e propostas na liña de buscar unha alternativa pública que sexa axeitada que dea un correcto servizo cun horario amplo, e non unha instalación compartida.

Un problema coa limpeza.

  No caso da falta de limpeza e hixiene, o ximnasio non é un caso illado. Temos recollidas queixas de persoas usuarias de case todas as instalacións municipais, e en todas elas as nais das nenas e nenos que van a diversas actividades aos pavillóns ou aos locais sociais, se queixan da falta de limpeza, que ademais resulta moi chamativa e evidente.

Dende Somos Ribadumia temos claro que hai un problema coa xestión da limpeza no Concello, un problema de carácter político pola desidia de quen nos goberna, máis interesado nos palcos e nas fotos que na xestión do día a día do noso Concello, e pedimos que se actúe antes de que teñamos un problema real, ou que unha inspección nos peche unha instalación.

Deixar un comentario