Estamos preocupados pola posible construcción dunha represa no río Umia en Cabanelas.

- Temos constancia de que Augas de Galicia autorizou facer unha represa en Cabanelas, que sería moi dañina e afectaría gravemente a unha paraxe natural moi importante.
- Esa obra sería a mesma que xa se tumbou no 2016 con forte oposición do Concello de Ribadumia, incluído David Castro.
- Pedimos a David Castro que aclare se se vai realizar esa obra e se el lle deu permiso para realizala.
O pasado 20 de marzo de 2025, un medio de prensa recollía unha nova que aseguraba que “Augas de Galicia ha autorizado la reconstrucción de la represa del río Umia, una obra que se acometerá en la zona de Cabanelas para evitar que el agua salada pueda entrar en la captación de agua potable de la isla de A Toxa”. Na mesma nova tamén se expoñía que “no se descarta que la autorización sea para acometer una actuación de carácter permanente, mucho más allá de los grandes bloques de piedra que se instalaban hasta el momento, llevando a la práctica un proyecto que lleva mucho tiempo en espera”, sendo esta unha clara referencia a un proxecto anterior ao que o Concello de Ribadumia, sendo David Castro Alcalde, denegou os pertinentes permisos por que, máis aló de consideracións medioambientais e do grave prexuízo que unha obra así tería para o Río Umia, para a praia fluvial de Cabanelas, para o Club o Muiño e para un importante atractivo turístico, a proposta non cumpría co PXOM e polo tanto no se podía autorizar. Compre recordar que o Concello de Ribadumia, con David Castro á cabeza creou unha fronte común con pescadores, ecoloxistas e deportistas, chegando a dar unha rolda de prensa conxunta en febreiro de 2016 onde se deixou ben claro que a posición do Concello de Ribadumia era totalmente contraria á realización dese proxecto, que prevía ocupar máis de 1.400 metros cadrados de río.
Dende Somos Ribadumia, xa preguntamos en xullo de 2023 polos permisos do azud que ese verán se levantou como cada ano, nun escrito presentado o 31 dese mes e en cuxa resposta, 16 días despois, David Castro ademáis de asegurar que a empresa responsable non solicitara permiso para esa obra, expoñía o seguinte:
“Con data 4 de agosto de 2023 se recibe escrito de Augas de Galicia ao que se adxunta o anuncio de Información Pública da solicitude presentada por Gestora Inmobiliaria La Toja S.A. para a súa exposición ó público no taboleiro de anuncios dese concello por un prazo de vinte (20) días, contados a partir da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia e a admisión de reclamacións durante o mesmo periodo.
Así mesmo con esa mesma data se recibe outro escrito de Augas de Galicia no que se indica que “ante o Servizo Territorial de Augas de Galicia presentouse unha solicitude de autorización de recrecido de represa e solicítase do concello o preceptivo informe previo, segundo o establecido nos artigos 79 e 80 da da Lei 39/2015, do 01 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, o que debe ser emitido no prazo de dez (10) días, conforme ó disposto no apartado 2 do artigo 83.” Con data 8 de agosto de 2023 por parte deste Concello remítese oficio a Augas de Galicia no que se indica que “en relación á solicitude recibida neste concello por parte de Augas de Galicia, respecto dos asuntos citados no encabezamento, solicítase a remisión da documentación técnica que defina as actuacións a realizar por parte de Gestora Inmobiliaria La Toja S.A., aos efectos de poder valorar a emisión do informe solicitado e que os interesados que así o desexen poidan ter acceso completo ao expediente que será posto en exposición pública”.
Do exposto, cabe supoñer que Augas de Galicia debeu mandar a información requerida e que o Concello debeu tanto realizar o informe solicitado como no seu caso proceder á exposición pública do proxecto, pero pola nosa banda non tivemos constancia de ningún anuncio nin de que o proxecto referido estivese exposto en ningún momento. Tampouco de que se autorizase ninguna obra.
Pero agora vimos de ter constancia que xa non é que a empresa teña autorización para a obra de Augas de Galicia, senón que ademais ten previsto realizalas ao longo deste verán, ou como moi tarde ao principio de outono. E na nosa formación estamos francamente sorprendidos, pois unha obra así requiriría do permiso do Concello de Ribadumia, que en ningún momento comunicou un cambio de criterio que iría contra os intereses da nosa veciñanza, e suporía una ataque directo a un dos nosos atractivos como Concello.
Pola nosa banda mantemos a nosa oposición a que se realicen este tipo de obras polas consecuencias negativas que tería en todos os aspectos: obviamente os medioambientais ao afectar gravemente ao cauce do río, e polo tanto á flora e fauna que nel conviven, e por extensión á pesca; implicaría un aumento dos desbordamentos invernais en Cabanelas e Oubiña, suporía a desaparición da praia fluvial de Cabanelas e deixaría ao club O Muiño sen unha das súas zonas de entrenamento e ao noso Concello sen un dos seus puntos emblemáticos, por non falar das repercusións negativas de ter tamaño mamotreto no medio da senda fluvial do río Umia e da variante espiritual do Camiño de Santiago que tantas persoas percorren a diario. Por iso, onte mesmo presentamos un escrito solicitando, primeiro, que David Castro dea explicacións e aclare a situación, e segundo, acceso a toda a documentación relacionada con este tema. En concreto, solicitamos o seguinte:
- Que de maneira inmediata se me clarifique, ou que se faga público, cal é a situación actual e se certamente se vai acometer unha obra desa envergadura e un atentado medioambiental no Río Umia ao seu paso por Cabanelas – na zona comunmente coñecida como “O Atranco” – , e no caso de ser así se o Concello de Ribadumia informou favorablemente ou desfavorablemente e se concedeu ou denegou o permiso para esa obra e en base a que motivos.
- Que dentro dos prazos establecidos pola lexislación vixente, se me faga entrega ou se me incorpore no meu espazo persoal dentro da sede electrónica os seguintes documentos:
- Expediente completo e toda a documentación relativa tanto a suposta obra que se pretende realizar no río Umia á altura do lugar coñecido como “ O Atranco”, solicitudes, expedientes de obra, informes e autorizacións municipais ou calquera outro informe en relación a esa obra, e tamén toda a documentación existente relativa ao proxecto anterior.
Agardamos que David Castro despexe dúbidas de maneira inmediata e que, cando menos por esta vez, se manteña do lado dos intereses da veciñanza de Ribadumia.
