David Castro cede a empresas externas maquinaria municipal.

- Inaudito! Contrata empresas para labores de desbroce sen incluír a maquinaria no contrato.
- Non contrata persoal dende o Concello, nin pide apoio á mancomunidade, pero paga a empresas externas por ceder persoal ao Concello que usen tractores municipais .
- Inseguridade xurídica e legal e estrago de cartos.
Logo de que David Castro anunciara a bombo e platillo a contratación de tres empresas para supostamente adecentar o Concello de cara o AF7 , nun lamentable comunicado do que xa falamos a pasada semana, encontrámonos con algo que non sendo novidade resulta totalmente inaudito e increíble na xestión municipal.
Resulta que vimos de ser informados de que David Castro contratou os servizos de tres empresas externas para labouras de desbroces, pero non como podería pensar unha persoa normal. O que fixo foi contratar a cesión de persoal, que polas tardes está usando a maquinaria municipal para eses traballos, a mesma maquinaria que pola mañá usan os empregados do Concello.

Esta situación que agardamos que David Castro aclare de inmediato, resulta por completo absurda . Como explica Sergio Soutelo “ o normal se vas gastar 20.000 € en contratar tres empresas, é que esas empresas dispoñan a maquinaria necesaria para realizar o traballo. Para contratar persoas sen ferramenta, un Concello o que debe facer é contratar o persoal cualificado que precise polo tempo que sexa necesario”. Non ten ningún sentido tirar cartos en empresas que só aportan persoal cando ese persoal se pode contratar directamente e, a parte de saír máis barato, o traballo pódese organizar dende o Concello, que por algo Ribadumia ten liberados a parte do alcalde, a dous membros do seu goberno, entre eles o concelleiro de urbanismo. Ademais, a propia Mancomunidade que preside David Castro ten un parque de maquinaria compartido, que suporía un reforzo e un aforro económico importante, pero por algún motivo David Castro renunciou a facer uso dese servizo incluso de maneira puntual. Outro exemplo do desastre da súa xestión no Concello e na Mancomunidade.
Dende Somos Ribadumia non podemos aceptar esta maneira de facer as cousas que nin sequera é novidosa. Xa tivemos constancia destas prácticas en ocasións anteriores pero neses casos de xente de empresas externas manexando maquinaria municipal dicíase que era algo moi puntual para cubrir unha baixa e escusas similares. Agora vemos que non ten nada de puntual e que é a maneira que ten o señor Castro de xestionar o Concello. Unha irresponsabilidades enorme, por que no caso dun accidente grave eses traballadores, usando maquinaria que non é da súa empresa e sobre a que non teñen ningunha responsabilidade quedan nunha situación xurídica moi delicada, e o propio Concello, que cede o uso de maquinaria a persoas alleas ao Concello, tamén. E sen accidentes graves, preguntamonos se se dera o caso dun uso indebido dos tractores municipais ou outra maquinaria que derivará en danos a terceiros – moi habituais son as pedradas nos coches ou a ventas de vivendas – ou en avaria na maquinaria, quen se faría cargo? Porque esas persoas non teñen ningunha responsabilidade legal sobre maquinas que non son da súa empresa.

E todo isto sen valorar os posibles favores políticos que o señor Castro poida estar manexando con esa maneira de actuar.
Pedimos a David Castro aclare as condicións das empresas contratadas e que persoal está usando a maquinaria municipal, e para o caso que deixe de comportarse como se estivera “xogando as casitas” co Concello. A xestión dos recursos públicos é algo moi serio que se debe realizar con rigor, con moito sentido, moito coidado polas persoas que traballan para o Concello e polos propios recursos municipais e con moito respecto pola veciñanza que é quen paga cos seus impostos todo o que se fai.
