Quen paga as guerras persoais de David Castro?

  • Un auto desestimatorio feito público desvela que David Castro presentou denuncias  en calidade de alcalde.
  • Queremos saber se David Castro está usando recursos públicos para as súas cuestións persoais.

Fai uns días a prensa  fíxose eco dun auto xudicial que desestimaba un recurso presentado por David Castro contra unha desestimatoria  a partir dunha denuncia interposta polo propio  Castro contra un veciño de Ribadumia por presunta inxurias.

  Tanto a sentenza como o auto do recurso, resultaron contrarios aos intereses de David Castro, que tivo a ocorrencia de denunciar a unha persoa como presunta propietaria dun perfil en redes sociais crítico coa súa persoa, sen aportar, segundo corroboran tanto a sentenza como o auto desestimatorio do recurso presentado contra esa sentenza que se fixo público.

  Dende Somos Ribadumia xa temos declarada a nosa postura contraria a calquera ataque persoal contra calquera persoa, e por suposto contra  as persoas que exercen na política, unha postura que por certo o señor Castro non ten. Polo tanto, se houbo un ataque  persoal debemos antes de nada condenalo. 

  Outra cuestión distinta é que David Castro se dedique a denunciar a  calquera que o critique, con acusacións graves, realizando sinalamentos públicos buscando “xuizos paralelos” na opinión pública, pero  sen aportar probas que fundamenten eses sinalamentos, como se mira neste caso,  que non foi o primeiro. Pendente está unha denuncia contra outro perfil nas redes do que pretende responsabilizar ao noso voceiro Enrique Oubiña, outro episodio en campaña que tamén denunciou e que rematou igual que o que hoxe nos ocupa,   ou a denuncia interposta no 2022 tamén contra Enrique Oubiña  e Somos Ribadumia por denunciar publicamente os problemas durante o verán coa auga pública e  que  foi arquivada sen admitirse a trámite por absurda.

  Neste último  caso feito público a semana pasada que pon fin a unha denuncia posta no 2023, en plena campaña electoral,  hai unha cuestión relevante que nos preocupa.  Ese auto feito público deixa constancia de que David Castro presentou a súa denuncia a titulo particular, e despois ampliouna  incluíndo a súa condición de alcalde.

 Así  que a primeira pregunta é “ quen paga o avogado?  Dende Somos Ribadumia temos moitas dubidas ante o que empeza a parecer un episodio de persecución apoiado en recursos municipais, polo que o que nos corresponde  como formación política é solicitar ao señor Castro que compareza publicamente e explique ben que anda facendo, e aclare se esa persecución legal contra quen lle leva a contraria a paga el ou a paga a veciñanza.

  Non é probable que David  Castro vaia a dar a cara, polo que sobre esta denuncia e todo o proceso xudicial que tivo imos solicitar toda a documentación que haxa no Concello sobre este tema, se o levou o servizo legal do Concello, e imos presentar unha serie de preguntas para que o señor Castro explique en Pleno  se certas informacións en relación con este tema son certas, e no seu caso saber canto lle están costando ao Concello as persecucións persoais do señor Castro. Non esquezamos que o Concello tivo que facer fronte aos custes dun proceso  contra unha extraballadora que ademais dunha indemnización de máis de 30.000 € costou miles de euros en avogados e costas xudiciais.

Deixar un comentario