David Castro confirma a súa incapacidade para a xestión dos espazos públicos.

  • Anuncia como un logro verse obrigado a contratar -a dedo- a tres empresas para “poñer ao día” os espazos verdes do Concello.
  • Insólito: anuncia que está adecentando o Concello para o AF7! . Esiximos desculpas por esa falta de respecto á veciñanza.
  • Cero novidade: levamos anos denunciando a privatización encuberta da xestión dos servizos municipais.
  • Nunca tanta maquinaria tivo o Concello, nunca tan pouco se fixo.

    Esta semana David Castro confirmou algo do que levamos anos informando á veciñanza :  non ten capacidade para xestionar o Concello e vese obrigado a subcontratar os servizos municipais, unha medida  inédita en Ribadumia iniciada fai uns anos polo propio Castro logo de alcanzar a maioría absoluta, nun Concello que non destaca nin polo seu tamaño nin pola súa falta de medios materiais

  O goberno local emitiu un sorprendente comunicado esta semana poñendo de manifesto a realidade da xestión de David Castro. Unhas declaracións que chocan frontalmente co declarado polo propio  Castro  en Pleno o pasado mes de novembro, cando asegurou que o mantemento de todas as áreas verdes, viais e rueiros do Concello “están nun estado moi bo”. Esas  declaracións foron realizadas durante o debate dunha moción do noso partido onde precisamente propoñiamos a creación dunha mesa de traballo para organizar e coordinar o mantemento dos espazos públicos do noso Concello que o goberno non aceptou, e agora demóstrase, por boca do propio David Castro, que era unha proposta máis que razoable, e unha medida moi necesaria porque o seu equipo non ten capacidade de xestión.

   Sobre o lamentable  estado real dos espazos públicos municipais temos feito innumerables comunicados e amosadas fotos e videos abondo. Tamén temos informado sobre a subcontratación de empresas, amigas, para determinadas labouras de mantemento ao longo do ano. Para a nosa formación, tendo en conta que nos últimos dez anos o Concello fixo investimentos en maquinaria que rondará  no seu conxunto os 400.000€, é totalmente inaceptable que sexa necesario recorrer a empresas externas, e emnos gastar 20.000 €.  Recordemos que con moitos menos medios, e unicamente reforzando o apoio que recibimos de BATA, durante o período 2015/2019 o Concello estivo en perfectas condicións  de mantemento, e que nós sepamos, nin Ribadumia aumentou de tamaño, nin temos máis kilómetros de viais nin moito menos máis zonas verdes.

Posta a punto para eventos foráneos, non para dar servizo a veciñanza.

  Pero o máis sorprendente do comunicado esta semana por David Castro está nos motivos esgrimidos para acometer este reforzo e contratar ata tres empresas para o que antes se facía con persoal municipal. Resulta que non se fai porque haxa unha responsabilidade cara a veciñanza – que paga os seus impostos – de ter o Concello coidado. O comunicado emitido polo goberno do señor Castro explica literalmente que “esta acción enmárcase nun plan de posta a punto do municipio de cara á chegada da época estival, coincidindo ademais coa celebración de eventos deportivos como a Fase Final da AF7…”, poñendo este evento por diante como motivo fundamental desta acción.

  Dende Somos Ribadumia consideramos totalmente inaudito, pero ademais absurdo, que se diga que se están gastando miles de euros por que hai que ter o Concello bonito para o AF7, un evento foráneo.  En verbas do noso Concelleiro Sergio Soutelo “nin sequera puxo de escusa  a nosa festa máis importante, que será en dúas semanas,  tivo que meter o AF7 como xustificación de algo tan básico como atender ao Concello, como se a veciñanza de Ribadumia estiveramos á disposición do que ese evento mande. Non podemos aceptar isto”.

Tampouco aceptamos que se fale de ter o Concello adecentado “cara á chegada da época estival”. O Concello debe ter os seus espazos públicos, todos eles, en perfectas condicións todo o ano, non só unha parte. E dende logo, temos moi claro que os Concellos que se coidan todo o inverno, pouco reforzo precisan durante o verán.

Esiximos a David Castro que rectifique publicamente estas declaracións. Os espazos verdes do noso concello, os parques, os rueiros e os viais deben estar en correctas condicións prorque é un deber do goberno local cara a veciñanza. Lamentable é que o goberno limpe as contornas dos campos das festas parroquiais unicamente días antes de cada festa, e que o resto do ano deixe todo abandonado, pero este tipo de declaracións son unha tomadura de pelo inaceptable.

Deixar un comentario