Ante a grave situación da EDAR de Lois, presentamos unha moción para que o goberno xestione unha solución.

- Un informe de empresa que xestiona a EDAR de Lois destapa que está saturada e verquendo de xeito continuo.
- David Castro negou a existencia dun convenio con Meis para ocultar a situación.
- Propoñemos que se busque unha solución negociando unha actuación conxunta con Meis, mesmo con outros concellos e outras administracións.
O Concello de Ribadumia ten un problema moi grande coa EDAR de Lois, e David Castro está máis preocupado de ocultar o problema que de darlle solución.
O pasado 24 de maio de 2024 entrou por rexistro do Concello de Ribadumia un informe da empresa que xestiona a EDAR de Lois, elaborado ao fío dunhas obras que nese momento se estaban realizando no Concello de Meis, en concreto na rede de saneamento nos lugares de A Ponte Nova e As Portelas, que apuntaban a unha conexión con esa depuradora. Nós tivemos acceso a ese informe en setembro dese ano, logo doutro episodio de retraso na entrega de documentación tan habituais no goberno local. O informe resultou demoledor e ao tempo moi esclarecedor.
Demoledor porque puxo de relevancia unha realidade da que en ningún momento se informou á corporación, que é que a EDAR de Lois está completamente saturada, “ existindo un vertido por rebose do caudal que non pode asumir á instalación practicamente todo ano, agás os meses estivais (xullo-agosto-setembro).” Está situación é totalmente inaceptable porque implica un verquido continuado ao río Cañón, que David Castro oculta e que máis aló do desastre ambiental, moi importante pois o río Cañón rega boa parte da parroquia de Lois e flúe ao río Umia, a situación pode ter consecuencias legais moi graves con multas que piden superar o millón de euros e outras consecuencias como podería ser o peche da instalación.

O informe resultou esclarecedor porque puxo de manifesto a completa irresponsabilidade de David Castro, que vai máis aló de ocultar unha situación e evitar buscarlle unha solución. O informe, insistimos que entrou por rexistro o 24 de maio, fai referencia a un convenio co Concello de Meis para conectar un grupo de vivendas da parroquia de Paradela a EDAR de Lois. David Castro negoulle ao PSOE no Pleno de Xullo a existencia dese convenio. Ante a discrepancia entre as declaracións do señor Castro e o informe da concesionaria da EDAR, o noso Concelleiro solicitou formalmente a Meis que confirmara a existencia ou non dese convenio, e en caso afirmativo solicitamos copia.

Recibimos resposta do Concello de Meis o 14 de outubro de 2024, tanto a confirmación da existencia do convenio como unha copia do mesmo, perfectamente asinada polo alcalde de Ribadumia e pola alcaldesa de Meis con data do 30 de xullo de 2021. No mesmo día que recibimos copia dese informe tivo lugar un Pleno Extraordinario, no cal David Castro non permitiu a Sergio Soutelo expor as súas preguntas na quenda correspondente, pero en calquera caso dende a agrupación socialista confirmouse publicamente a existencia dese convenio con Meis, que David Castro insistía en negar, e que recolle o seguinte:
“ Primeiro. Obxecto do Convenio. Este convenio ten por obxecto establecer a forma e condicións de colaboración entre as partes comparecentes para a prestación do servizo de sumidoiros de vivendas dos lugares de As Portelas e Pontenova (Paradela) que evacuarán as augas residuais cara á EDAR de Lois (Ribadumia) con obxecto de mellorar as condicións de salubridade de persoas que posúen vivenda no ditos lugares.
Para iso, o Concello de Ribadumia cederá o uso da EDAR de Lois para que se sirvan persoas que teñen vivenda no lugares de As Portelas e Pontenova (Paradela).
Segundo. Beneficiarios/as. As persoas beneficiarias deste acordo de colaboración son aquelas titulares de vivendas dos lugares de As Portelas e Pontenova (Paradela), que poderán conectarse á EDAR que dá servizo á Parroquia de Lois (Ribadumia)”.
Compre remarcar que no Pleno de Xullo de 2024 David Castro ademais de negar a existencia do convenio, declarou, citamos literalmente que “as augas residuais dunha zona concreta de Paradela, que non tiñan (esas vivendas) onde vertela, estanse vertendo na nosa depuradora ( a de Lois)” . Esta afirmación é rotundamente falsa, non hai ningunha conexión realizada á EDAR de Lois dende o Concello de Meis, e de feito David Castro a día de hoxe non respondeu ás solicitudes de conexión realizadas e posteriormente reiteradas polo Concello de Meis en virtude do acordo asinado. Tal é así que preguntado pola situación a nivel de execución do convenio no Pleno celebrado esta pasada semana, o señor Castro non foi quen de dar unha resposta clara. O que si fixo o señor Castro foi bloquear o acceso ao video do Pleno, nun intento de ocultar o que aconteceu nese Pleno.

Sen entrar a valorar o feito que a David Castro se lle ocorrera asinar un acordo sen antes solicitar os pertinentes informes técnicos que corroboraran que a depuradora de Lois podía asumir as conexións que solicitaba Meis, ou o de que agora evite cumprir as súas obrigas, asinadas por el mesmo, optando polo silencio e negándose a resolver as solicitudes presentadas polo Concello de Meis, atopámonos que temos unha situación concreta moi grave que afecta á depuradora de Lois tanto no seu momento actual con verquidos continuados, como ás novas conexións á rede de saneamento que a veciñanza solicite – obviando o convenio con Meis – dende a propia parroquia de Lois, e que non se van poder realizar. Un problema moi grave, do que a corporación non tiña constancia, e que dende a nosa formación entendemos que deber recibir unha resposta acorde e, sobre todo, urxente.
Dende Somos Ribadumia queremos por de manifesto o problema, pero tamén propoñer posibles solucións.
E para nós a mellor solución está no diálogo e en abandonar a dinámica de confrontación infantil que David Castro mantén coa alcaldesa de Meis. O Concello de Ribadumia ten que poñer unha solución ao problema que ten actualmente, incluso sen dar cabida ao caudal procedente de Meis. Pero tendo en conta que Concello de Meis ten tamén problemas para poder dar conexión de saneamento a parte do seu concello nunha zona ou en varias lindantes ou próximas a Ribadumia, existe a oportunidade de colaboración e polo tanto de asumir custes de maneira compartida.
Polo tanto, ten todo o sentido do mundo valorar unha actuación conxunta dos dous Concellos para, ben ampliar a depuradora existente se iso fora posible e razoable, ben para dotar unha nova depuradora que dera servizo sobrado e cun planeamento previsor de cara o futuro, e que incluso se podería, estudando ben a súa situación, facer extensiva a Vilanova de Arousa ou incluso Portas. Compre remarcar que o propio informe da xestora da EDAR , propón como solución para a situación actual e para poder recibir o caudal de Meis a ampliación desa EDAR sita en Lois. E compre remarcar que se varios Concellos van da man nunha actuación deste calado e importancia, resulta máis sinxelo obter fondos de outras administracións.
Por iso vimos de presentar unha moción que propón o seguinte acordo:
– Instar ao Concello de Ribadumia ao seguinte:
a) que solicite a Espina&Delfín un estudo en profundidade da situación da depuradora de Lois que inclúa tanto os problemas técnicos ou de capacidade como as consecuencias que están tendo eses problemas no funcionamento da depuradora e no medio ambiente, e as posibles solucións, no curto e no medio e longo prazo.
b) con independencia do anterior iniciar de maneira inmediata un proceso de diálogo e colaboración co Concello de Meis para buscar unha solución conxunta ao problema de saturación que vive a depuradora de Lois e que resulte beneficiosa a ambos Concellos, sen descartar ampliar a colaboración a outros Concellos pero en calquera caso sempre poñendo o foco en resolver o problema da parroquia de Lois e a saturación que ten a depuradora que hai nesa parroquia.
c) que o goberno local compareza ante esta corporación no próximo Pleno Ordinario a partir da aprobación desta moción ou, se se considera facelo con anterioridade, nun Extraordinario, para dar conta do recollido nos puntos anteriores, do estudo referido da situación da depuradora de Lois, das solucións posibles, tanto a curto prazo para minimizar o impacto ambiental como a medio e longo prazo para dar solución á falta de capacidade da depuradora de Lois, das actuacións realizadas polo Concello de Ribadumia e da evolución ou resultado das conversas mantidas con Meis e no seu caso con outros Concellos.
