Mentres a Xunta e outros concellos da comarca impulsan a creación de vivenda pública, David Castro mira para outro lado e outros intereses.

· Vanse construír na comarca do Salnés máis de medio millar de vivendas públicas, en Ribadumia cero.
· Mentres a Xunta habilita mecanismos de axuda aos Concellos para dotar terreos para vivenda, David Castro mira para outro lado, e négase a levar a Pleno esta cuestión.
· O alcalde négase a debater a nosa moción propoñendo que o Concello dote terreos para poñer a disposición da Xunta.
· Mentres outros Concellos fan os deberes, David Castro está noutros negocios e adícase a facer de axente inmobiliario para unha empresa do sector xeriátrico.
Como xa dixemos fai uns meses, Ribadumia está no momento xusto, ademais de reunir outras condicións, de que se constrúa vivenda pública e así, ademais de dar saída a unha necesidade que ten moita xente nova que quere instalarse ou non marchar do noso Concello, aumentar de poboación e estabilizarnos por enriba dos 5.000 habitantes.
Por ese motivo no pasado mes de decembro, ao abeiro dos anuncios da Xunta de Galicia de impulsar parques de vivendas públicas nos Concellos que quixeran colaborar, presentamos unha moción propoñendo que Ribadumia fose un deses Concellos e xestionase a dotación de terreos que dispoñer a disposición da Xunta de Galicia.
Meses despois, vemos como cada semana os Concellos da Comarca do Salnés e a propia Xunta de Galicia anuncian a construción de vivendas que de momento poden superar en conxunto o medio millar de vivendas públicas, agardemos que sexan bastantes máis. Porén, Ribadumia non aparece en ningún deses anuncios.
Unha situación que nos parece dunha enorme irresponsabilidade, ademais do enésimo exemplo da desidia do señor Castro, que nos deixa fora dos poucos avances que o goberno da Xunta está facendo no noso país. O pasado venres o DOGA publicaba unha resolución pola que se regula o Programa de oferta de solo de titularidade das entidades locais para a construción de vivenda protexida e se dá publicidade do convenio para asinar entre este instituto e as entidades locais. Un programa que en resumo pretende facilitar o traballo burocrático dos Concellos á hora de poñer a disposición da Xunta parcelas edificables para a construción de vivenda pública. Pois Ribadumia vai perder ese tren porque David Castro négase a levar a nosa proposta, que encaixa perfectamente no plan da Xunta, a Pleno e por suposto a aprobala polo único feito de que a presentamos nós, e tampouco tomou a iniciativa pola súa conta, deixando o noso Concello fora desta posibilidade, nun Concello onde fai anos que non se levanta un edificio e onde o acceso á vivenda é un problema importante para moita xente.
Buscando terreos para regalarllos a unha empresa xeriátrica.
Para o que si dispón esforzos e tempo o señor Castro é para buscarlle terreos a unha empresa xeriátrica que logo de pasear por todos os Concellos da comarca topou en David Castro o axente inmobiliario que precisa. Nas últimas semanas tivemos coñecemento das xestións feitas polo señor Castro para comprar, en Ribadumia e con cargo ás arcas municipais , terreos que poñer a disposición dunha empresa xeriátrica, e así solventar, a conta dos veciños e veciñas de Ribadumia, a proposta que Sabela Fole lle obrigou a anunciar antes do peche do asilo cambadés e que o resto de Concellos da Mancomunidade, incluídos os do seu partido, xa dixeron que non ven factible.
Dende Somos Ribadumia entendemos que un alcalde non debe usar o Concello e os recursos públicos para favorecer deste xeito a ningunha empresa privada, menos a empresas con recursos sobrados. Se unha empresa privada desas características quere asentarse no noso Concello, non teremos nada en contra, pero non podemos aceptar que teña o Concello que comprarlle os terreos e regalarllos como non se lle compran e regalan a ningunha das empresas privadas do noso Concello. No caso de que goberno local considere a necesidade dun segundo xeriátrico en Ribadumia e polo tanto decida dotar recursos para ese obxectivo, o xeriátrico que se faga debe facerse por iniciativa e cos recursos da Xunta, que é a administración que ten competencias para o tema, con recursos públicos e xestionada dende o sector público, garantindo a atención de calidade das persoas usuarias e tamén a accesibilidade para a ampla maioría, algo que non pasa co sector privado, con prezos deshorbitados e unha atención que esta en entredito en demasiados casos.
E dende logo, consideramos que no momento actual é moito mais urxente en Ribadumia dotar vivenda pública que non un segundo xeriátrico privado, amén de outras medidas que dende o ámbito local se poden e se deben facer. Por todo iso pedímoslle ao señor Castro que acepte a nosa proposta, ou no seu defecto que teña un mínimo de decencia e responsabilidade e leve as mocións do noso partido a Pleno e que os partidos se posicionen ao respecto, ou aporten alternativas, e así buscar solucións conxuntas dende o diálogo.
Por último, queremos por de relevancia o valeirado de contido dos Plenos Municipais. David Castro non só bloquea o dereito a falar e expresarse ao noso Concelleiro Sergio Soutelo, senón que reduciu o contido dos Plenos ao mínimo, sen levar ningún tema de relevancia para a veciñanza máis aló de cuestións obrigatorias e urxentes ou xa fora de prazo, evitando debater boa parte das mocións da oposición ao negarse a levalas a Pleno e intentado dividir na oposición, poñendo de bos a unha parte, de malos a outra e intentado comprar outra. E mentres, as contas do ano 2024 sen pechar, o orzamento deste ano sen aprobar, e centos de miles de euros paralizados e outros tantos en perigo de perderse e o Concello paralizado.

