Privatización encuberta da xestión do Punto Limpo?
- O Punto Limpo segue pechado sen motivo, pero David Castro está contratando os servizos do mesmo por separado.
- Todo apunta a unha privatización encuberta da xestión do Punto Limpo.
- Pedimos que se fagan públicos os contratos de xestión dos minipuntos limpos e da recíclaxe dos restos de obra e demolicións.
- David Castro presume de reciclaxe mantendo puntos de verquido sen controlar.
- Recordámoslle a David Castro o seu compromiso persoal e político de non privatizar a xestión do Punto Limpo.
Os últimos anuncios de David Castro falando de reciclaxe de restos de obra e dos minipuntos limpos colocados fai uns meses, mentres o goberno local mantén o Punto Limpo de Leiro pechado sen motivo aparente, xeran unha serie de dúbidas que dende a nosa formación creemos que deben ser resoltas de maneira pública.
Sen valorar os supostos informes sobre uso dos minupuntos limpos, dende a nosa formación consideramos que na situación actual co Punto Limpo pechado facer valoracións sacando peito da que resulta a única alternativa posible para reciclar determinados elementos como as pilas, as lámparas ou os cartuchos de tinta, resulta algo presuntuoso, máis dando unhas cifras tan baixas. Falar de éxito na reciclaxe cando o propio goberno mantén verquedoiros no Concello onde se acumula de todo sen ningún control hixiénico e ambiental, e vendo o estado xeral de contedores e a acumulación de lixo e enseres na rúa que levamos meses denunciando, parécenos ademais unha tomadura de pelo.
Centrándonos nos últimos anuncios do goberno local, compre recordar e remarcar que tanto os produtos que se recollen nos minipuntos limpos como os restos de obras e demolicións non se tiran no monte, senón que deben someterse a un proceso de separación para a súa posterior reciclaxe. Ata fai ano e medio está función realizábase con persoal municipal no Punto Limpo situado en Leiro, o mesmo onde o Concello invisteu 300.000€ nunha obra de ampliación con data de finalización en marzo de 2024. Dende o peche do Punto Limpo coa escusa das obras en novembro de 2023, o Concello non conta con espazos adecuados para a recollida de materiais para reciclaxe. Iso ten implicación directa, xa o dixemos en novembro cando ademais de poñer de relevancia a existencia de dous puntos onde o goberno do señor Castro acumulaba verquidos de todo tipo, dos cales un sigue exactamente igual que entón, expuxemos que non había constancia de ningún contrato para a xestión dos minipuntos limpos, algo que o señor Castro desmentiu pero ocultando o suposto contrato.
Meses despois encontrámonos con comunicacións do goberno local onde se fala de supostos informes dunha empresa sen identificar e con anuncios onde se fala da contratación dun servizo de reciclaxe dos restos de obra que por certo o goberno está acumulando nun verquedoiro completamente fora da lei, ademais no centro de Barrantes, preto dun parque infantil e nunha zona na que se move moita veciñanza a diario.
Pero o que non fixo o señor Castro foi explicar a quen contratou – e mediante que procedementos – para xestionar eses restos de obra e demolición e para a separación e tratamento do que se recolle nos minipuntos limpos. Tampouco explicou nin o custe nin a duración deses contratos. De feito o señor Castro nas súas comunicacións oculta intencionadamente cales son as empresas ou a empresa que está realizando esas funcións.
Dende Somos Ribadumia temos a sospeita de que o señor Castro está privatizando a xestión do Punto Limpo de maneira encuberta , laminándoa en contratos menores coa escusa de que o Punto Limpo está pechado. De partida, queremos recordarlle ao señor Castro o seu compromiso persoal e político amosado nos Plenos de non privatizar a xestión do Punto Limpo. Somos conscientes de que a palabra do señor Castro non vale absolutamente nada, como ben leva demostrado nestes anos, pero por iso mesmo poñemos de relevancia estes compromisos, e se o señor Castro quere facer o de sempre, cando menos que o explique claramente, xa despois a veciñanza fará as súas valoracións. Pero con independencia disto, dende a nosa formación entendemos que o señor Castor debe abrir de maneira inmediata o Punto Limpo e a través del, como corresponde, facer unha correcta xestión dos materiais de reciclaxe, eliminado os verquedoiros dos que non quere falar , e deixar de gastar os cartos da veciñanza en contratos innecesarios. E se hai algún motivo xustificado para non abrir o Punto Limpo, que o explique claramente e deixe de enganar á veciñanza.
O noso Concelleiro Sergio Soutelo vai solicitar os expedientes completos da contratación deses servizos e copia do que están facturando e dos supostos informes de xestión emitidos por esas empresas para corroborar que todo está correcto, e dentro do legal.
En calquera caso pedimos ao señor Castro que dea explicacións públicas de como se realizaron esas contratacións, se é que se contratou algo, e canto nos están costando.
