Obra da rúa Condesa: unha chapuza cara, e ante os erros, actuacións aínda máis chapuceiras.

- Primeiro obrigando aos nenos a ir do colexio ao ximnasio polo medio dos coches.
- A solución ante o lío montado: impedir o uso dos aparcadoiros nas horas que máis falta fan, de 9 a 3.
- O Umia quedou sen aparcadoiro.
- As supostas 55 plazas de aparcadoiro novas, unha mentira.
- Pais e nais cabreadas., o Umia cabreado, o Colexio cabreado…todo o mundo cabreado, ningunha dimisión.
· Nin sequera está claro o custe da obra.
Se David Castro pensaba que facéndose unha foto sentado nun banco de pedra presumindo de investimento xa ía calar bocas ante as críticas recibidas ao longo destes anos, estaba moi errado, porque esa obra, lonxe de pechar bocas, abreu moitas, e de desgusto.
A obra realizada nos últimos meses na rúa Condesa debía solucionar varios problemas: o de seguridade para os nenos e nenas nas horas de entrada e saída do colexio, o de dotar dunha zona de transito segura e abrigada entre o ximnasio e o colexio e o de dotar máis prazas de aparcadoiro das existentes. Todo isto sen valorar outros problemas pendentes, como a falta dun patio cuberto para o colexio ou dun local social moi necesario. De todo isto, logo de ver a obra rematada, podemos confirmar que só cumpre, e con reparos, o primeiro problema.
De partida, queremos salientar o máis grave. Debido a un erro gravísimo de deseño ao facer o aparcadoiro no espazo onde ata agora estaba a sede de Protección Civil, eliminouse o acceso seguro que conectaba o ximnasio co colexio a través dunha beirarúa realizada no ano 2016, cando Somos Ribadumia levaba a concellería de obras. O resultado desta chapuza é que agora para poder desprazarse entre o colexio e o local onde esta o ximnasio, e onde se realiza o Plan Madruga, a Escola de Ocio e que tamén acolle o comedor escolar, os nenos e nenas deben ir polo medio da zona de aparcadoiro, unha zona que nin sequera está pechada nin tiña ata este luns restrinxido o uso, polo que os nenos e nenas deben, incluso coas restriccións que falamos máis adiante, pasar polo medio dos coches ou saír do espazo do colexio para ir pola beirarrúa. A situación e de tal risco que temos constancia de que dende o colexio non se están levando os nenos ao ximnasio, así como das queixas das nais e pais.
A solución de David Castro: poñer sinais incorrectos sen saber o seu significado e intentar anular os novos aparcadoiros.
A última hora do luns apareceron sinais que supostamente, e remarcamos o supostamente, prohiben que os coches accedan ou se movan nos dous aparcadoiros novos, no feito na finca comprada polo Concello entre as nove e as tres, e no máis conflitivo , o que se construíu no espazo onde antes estaba a sede de protección civil, entre as nove e as tres e media. A maiores neste último, que é o que xerou as queixas, instalouse unha cadeiña “ de quita e pon,” coa que se pretende bloquear o acceso a ese aparcadoiro nesas horas, e así , tamén moi supostamente, mellorar a seguridade na zona.

De partida, o goberno , cuxos membros foron vistos nalgún momento conducindo coches polo que se supón que teñen todos e todas o carnét de conducir, parece descoñecer a diferenza entre “prohibido estacionar” e “prohibido circular”, unha diferenza moi ben recollida no código de circulación. Tal é así que para prohibir circular e evitar dese xeito o movemento de coches, puxeron equivocadamente sinais de prohibido estacionar. E remarcamos tamén que os sinais son de “prohibido estacionar” , non de prohibido “parar e estacionar”.
Polo tanto, agora nos dous aparcadoiros entre as nove da maña e as tres ou tres e media da tarde, está prohibido estacionar, pero non está prohibido parar para, por exemplo, deixar os nenos no colexio ou para recollelos se teñen que saír por calquera motivo, polo tanto non está prohibido o movemento de coches neses aparcadoiros que é o que supostamente pretende o goberno en aras de garantir seguridade. Para lograr iso, deberían ter colocado sinais de “prohibido circular“.
E está é a cuestión, que o goberno local, con independencia dos sinais que colocou, pretende bloquear o uso dos dous aparcadoiros xusto para a súa función principal e nos momentos nos que máis falla fai ter espazos onde parar ou incluso estacionar para deixar ou recoller os nenos do colexio ou para facer calq eluera xestión no centro educativo. Pretender isto colocando sinais erróneos non deixa de ser unha chapuza, que pode incluso parecer unha broma de moi mal gusto, pero que é a realidade. Unha realidade á que a maioría non está facendo moito caso, co cal a medida resulta, a parte de absurda, inútil.
Tan absurda e tan inútil que se o domingo tiñamos as mesmas prazas de aparcadoiro que o día antes de comezar as obras que supostamente ían ampliar ese número de prazas, hoxe directamente temos durante boa parte do día un 90% menos, e na práctica non hai apenas onde aparcar. Resultado: 704.000 € despois os pais seguen obrigados a aparcar enriba das beirarúas nas horas de entrada e saída do colexio e onde antes había un punto negro a esas horas, agora hai dous, o de sempre e outro cen metros máis abaixo e na saída dunha curva moi perigosa, nun aparcadoiro que pola maña non se pode usar e pola tarde apenas ten uso porque queda demasiado alonxado, ou sexa que resulta inútil.

Hai que remarcar que a falta de seguridade dos nenos e nenas no espazo entre o colexio e o ximnasio segue sendo a mesma, por que ademais de que os sinais colocados non impiden a circulación de coches, a cadeiña posta non está asegurada e calquera pode poñela ou sacala polo que non impide que os coches entren ou saian en calquera momento, nin que os que xa estean no aparcadoiro se movan. A isto temos que engadir que a cadeiña non é automática, e o goberno ten que dispor dun operario para que vaia todos os días a poñela as nove e a retirala as tres e media, neste caso xa fora de horario laboral, o cal é de todo inaceptable.
O Umia quedou sen aparcadoiro.
Ademais disto, e de que toda a obra non incluíu ningunha zona de sombra nin ningunha cuberta, polo que cando chova os nenos e nenas vanse mollar bastante máis do que xa se mollaban, e de o aparcadoiro feito xunto ao ximnasio resulta moi apretado e dificulta tanto a maniobrabilidade que xa se deu algún golpe, está a cuestión da eliminación do aparcadoiro do campo de fútbol.
Dende Somos Ribadumia xa dixemos no seu momento que eliminar ese aparcadoiro sen dar unha alternativa viable era un erro. Pero David Castro, mais centrado prexudicar ao Umia C.F que en solucionar problemas, non quixo atender a mais razóns que as súas, e o resultado é que onde antes había máis de setenta prazas de aparcadoiro, agora so quedan 25. Porque esta é a realidade. David Castro declarou que a zona pasou de 20 prazas a 75, e iso é unha completa falsidade, porque ao prohibir o acceso á explanada onde ata agora aparcaban os coches, eliminou esa bolsa de aparcadoiro que se usaba polas tardes e nas fins de semana, e polo tanto na conta hai que restar todas esas prazas. A zona que habilitou a case 150 metros de distancia, non aporta máis prazas das que xa había dispoñibles, nin sequera sumando as novas prazas realizadas ao longo dese tramo da rúa Condesa. Polo tanto 704.000 € despois, resulta que nesa zona hai as mesmas prazas de aparcadoiro que había, senón menos e cun uso igual de restrinxido. Como é de supoñer, dende o entorno do Umia trasladan que as queixas por non ter un lugar próximo onde aparcar son diarias, pero máis especialmente nas fins de semana, cando se xuntan deportistas e pais, local e visitantes.
Dende a nosa formación queremos pedir abertamente, primeiro que de maneira inmediata se resolva, pero ben resolto, non da maneira chapuceira que se pretende, o problema de mobilidade entre o colexio e o ximnasio, dando completa seguridade aos nenos e nenas , e despois, á vista do que temos, que mentres non se dea un uso concreto ao espazo que ata agora se usaba como aparcadoiro entre o colexio e o campo do Umia, se siga permitindo o aparcamento fora do horario lectivo e nas fins de semana.
Canto lle costou a Ribadumia esa obra?
E para rematar unha breve nota sobre o custo das obras. A nós as contas non nos saen, e xa o dixemos no 2023 cando se anunciou a obra. En concreto non nos cadra o custe declarado para o Concello, que creemos foi moi superior aos pouco máis de 211.000 € que se dixo, entre outras cousas porque os peches dos retranqueos e o derrube do local onde estaba Protección Civil non figuraban no proxecto, e a isto hai que sumarlle os 163.000€ da compra da parcela onde se fixo o novo aparcadoiro. Ademais, compre recordar que David Castro perdeu no seu momento 1.300.000 € en axudas de dous Plans da Deputación por que se negaba a aceptar a titularidade do tramo de vía afectado e a pagar o 30% das obras, condicións que ao final tivo que tragar, polo que esta obra pode considerarse calquera cousa menos un triunfo de David Castro, que demostrou a súa incapacidade para negociar nada e rematou pedindo por favor os investimentos e aceptando todas as condicións postas pola Deputación, naquel momento gobernada polo PSOE. Porque esa é a outra gran mentira do señor Castro e do señor Luís Lopez: o PP non puxo un euro nesta obra, o que veu foi todo da man do PSOE.
Imos pedir nos próximos días toda a documentación relativa a esas obras para tratar de aclarar esta cuestión, pero todo apunta a que á veciñanza de Ribadumia cargou coa maior parte do custe das obras, que se moverá, con todo, no Millón de euros.
Dende Somos Ribadumia sempre defendemos outra solución para o centro de Barrantes, que ao final vendo como gasta o señor Castro resultará tamén ser a máis barata, pero asumimos que quen goberna ten a potestade para levar adiante a súa solución, aínda que como neste caso non se corresponda co prometido á veciñanza. Pero claro, a cousa pasa por un gasto racional e por que se solucionen problemas, non por que se creen outros novos.
