David Castro ten paralizada unha modificación de crédito de 840.000€ dende decembro.

  • A modificación, aprobada a toda a presa en decembro, ficou paralizada ao non levarse a Pleno as alegacións presentadas.
  • 840.000 € parados e sen poder usarse pola incompetencia do señor Castro.
  • David Castro oculta as facturas afectadas por esa modificación de crédito.

  Tres meses e medio despois de que o goberno do señor Castro aprobara a última modificación de  crédito, por un valor de 839.628,16 €, esta segue sen facerse efectiva.

  O motivo de que a modificación de crédito estea paralizada é que o señor Castro está incumprindo a súa obriga de levar a Pleno as alegacións presentadas ante ese documento, en concreto as presentadas pola nosa formación.

  Compre aclarar que as Modificacións de Crédito, unha vez aprobadas en Pleno deben pasar por un período de alegacións, que no caso de producirse, deben solventarse de maneira obrigatoria en Pleno antes de que a modificación quede definitivamente aprobada e o goberno poida facer uso dos cartos. De feito, sendo estritos coa interpretación da lei, as alegacións deberían resolverse como no caso das alegacións ao Orzamento Anual dos Concellos no prazo de un mes a partir do final do período para alegar, algo que non sucedeu e que debería dar por decaída a modificación de crédito, pero ante a ausencia de comunicación neste senso por parte do goberno debemos interpretar que David Castro unha vez máis ignorou esta cuestión.

  Dende a nosa formación, votamos en contra no seu momento e despois  presentamos alegacións entre outras cousas en base ao mesmo motivo que é a  falta de transparencia a hora de determinar o destino dos cartos. Tal é así que a pesar de ter solicitadas as facturas e partidas específicas afectadas por esa modificación de crédito antes do Pleno que recordemos se celebrou o pasado 17 de decembro,  a día de hoxe non se nos entregou esa documentación, nin a nós nin a outras formacións da oposición que taména solicitaron, e que debería aclarar en que se pretende meter 840.000 €, unha cifra considerable que implica aumentar o gasto do orzamentado para o 2024 un 17%.

  A modificación contiña máis irregularidades, como que se incumpre o principio de sustentabilidade e de feito, resultaba imposible dende o legal acudir ao remanente para facer fronte a esta modificación de crédito ao non terse aprobada a Conta Xeral do ano anterior e non poderse determinar se o remanente tiña nese momento fondos suficientes para facer fronte a estes 840.000€.

  Hai que ter en conta tamén que parte deses fondos tiñan como destino recuperar a capacidade de varias partidas económicas esgotadas polo exceso de gasto, que ao non poder facer uso da modificación de crédito quedan inhabilitadas, co cal o Concello non ten capacidade para facer fronte aos gastos imputables a esas partidas.

  A realidade, en calquera caso, é que estamos rematando marzo, pasaron tres meses e medio dende a aprobación inicial desa modificación de crédito, e eses 840.000 € están paralizados, salvo que o señor Castro tivera a ocorrencia de usar eses fondos de  maneira totalmente fraudulenta, algo que non podemos saber porque outra cousa que nos esta ocultando o señor Castro a pesar de terllo solicitado en xaneiro é o estado  de execucións das partidas económicas a día 31 de decembro.  Dáse  a circunstancia de que polo medio xa se celebraron dous plenos sen que o goberno local solucionase esta situación polo que para nós esta maneira der actuar é totalmente inaceptable, pois non esquezamos que, incluso sen saber o detalle, sabemos que boa parte deses cartos estaban destinados a pagar facturas con empresas, moitas delas do noso Concello.

 Dende Somos Ribadumia volvemos pedirlle ao señor Castro seriedade e rigurosidade nas obrigas do cargo, que entregue a documentación que nos está negando, que leve as alegacións da modificación de crédito a Pleno e que aporte os informes que invalidan esas alegacións ou no seu caso, decrete o desestimento da modificación de crédito e volva iniciar o proceso ou no seu defecto que presente o orzamento para o nao 2025, que prometeu para inicio do ano e xa vai alo un trimestre sen que saibamos nada del.

Deixar un comentario