David Castro advertido xudicialmente por non pagar a indemnización a unha extraballadora.

- O prazo para pagar os 30.100 € venceu o 14 de marzo.
- A negativa a pagar do señor Castro aumenta o custe para as arcas municipais e pode rematar nun embargo de bens públicos.
- A xuiza xa decretou un segundo prazo de un mes, con pago de intereses e advertencia de outras medidas.
- David Castro segue antepoñendo as súas ideas vingativas por enriba da xestión municipal.
Este pasado xaneiro facíamos público o desestimento de David Castro ante unha sentenza que obriga ao Concello de Ribadumia a aboar unha indemnización de 30.100 € a unha traballadora, logo de cinco anos de gastos nunha loita meramente personalista.
Contábamos que ese sería o final desta historia, pero o señor Castro segue encirrado en negarlle a esta extraballadora os seus dereitos, e de paso en aumentar os custes para o noso Concello dunha historia que nunca debería ter chegado a un xulgado.
O pasado 14 de marzo cumpriuse o prazo para pagar a indemnización a esta traballadora, pero o señor Castro fixo oídos xordos ao mandato xudicial e non pagou a indemnización. Ao actuar deste xeito o único que conseguiu foi que a afectada presentase unha solicitude de execución de sentenza, que xa tivo resposta por parte da xuiza este pasado venres, requerindo o pago da indemnización, cos correspondentes intereses de mora, no prazo de un mes, coa advertencia de que no caso de non cumprirse a sentenza poderá haber outras consecuencias, polo que se David Castro insiste en non pagar o que debe, o Concello podería rematar cunha intervención dos bens públicos. En calquera caso, de partida aos 30.100 € agora hai que sumarlle os intereses xerados por non pagar en tempo e forma, así que á veciñanza xa lle está saíndo máis caro, e sen ningún tipo de xustificación. Recordemos que cada euro que David Castro mete en avogados e en procesos deste tipo, pérdese de investir noutro tipo de actuacións en beneficio de toda a veciñanza.
Dende Somos Ribadumia condenamos as actitudes e actos do señor Castro, carentes de calquera ética e dignidade, e moi contrarios ao sentido da responsabilidade que se agarda dun alcalde, e pedímoslle que deixe de unha vez as guerras persoais, pague o que corresponde, ademais neste caso motivado pola súa incompetencia, e que asuma as responsabilidades políticas dos seus feitos..
