Somos Ribadumia participamos nun encontro con forzas  municipalistas de toda Galicia .

  •    A xuntanza tivo lugar en Monforte de Lemos, e reuniu a candidaturas de toda Galicia.
  • Acordo para impulsar un proceso de confederación de proxectos locais.

Este pasado sábado en Monforte de Lemos,  candidaturas municipalistas de toda Galicia  mantivemos un encontro co obxectivo de avanzar nas relacións entre nós e impulsar un proceso de confederación de proxectos locais. Pola banda de Somos Ribadumia estiveron presentes o noso Voceiro Enrique Oubiña e o noso Concelleiro Sergio Soutelo, que valoraron moi positivamente o encontro.

 Ao longo desta xuntanza, onde estivemos representadas agrupacións de máis de vinte Concellos, tanto na oposición como gobernando,  avaliáronse as diferentes situacións que temos nos nosos respectivos concellos,  e concordamos  na necesidade de seguir tecendo  rede entre os proxectos municipalistas, para apoiarnos nun traballo local que, moitas veces, se topa cun caciquismo moi asentado e  cunhas corporacións inmobilistas nos lugares onde estamos na oposición e con falta de apoio e as veces incluso información en temas concretos  nos Concellos onde gobernamos. Así, acordamos avanzar nunha confederación de forzas  locais para apoio mutuo a nivel de traballo municipal e asistencia xurídica, dando continuidade e homoxeneizando os diversos grupos que levamos anos xa colaborando entre nós.

   De cara as Eleccións Municipais de 2027, as candidaturas asistentes decidimos avanzar nunha fórmula electoral de coalición que permita o mantemento das marcas locais consolidadas e, ao tempo, a suma dos votos de cara a escolla de deputados/as provinciais. As candidaturas asinantes cremos que “é posible aumentar a pluralidade política e a transparencia  nas catro deputacións, podendo deste modo, levar alí as problemáticas que sofren os nosos concellos no día a día e son da súa competencia”.

  Deste xeito, tamén consideramos relevante  presentarnos  unidas por que permite visualizar a suma total dos votos a estes proxectos que, en conxunto, representan a cuarta forza política do País, sendo, en moitos concellos, a segunda forza.

  Caracteriza aos proxectos locais presentes o combate frontal contra o caciquismo, a pésima xestión  dos recursos locais e  a parálise institucional e a participación no asociacionismo de base, sendo, fundamentalmente, veciñanza que quere un futuro xusto para os seus Concellos. Con este paso que avanza na coordinación a nivel galego, mantense a soberanía das localidades no seu ámbito de actuación e búscase apoio mutuo e suma de forzas, no espíritu das Irmandades que, precisamente, se xuntaron en Monforte hai máis dun século.

 Para as  candidaturas presentes “este é un chamado á cooperación dos proxectos de base e aos movementos da cidadanía para, desde os concellos, construír unha ferramenta plural ao servizo do país no seu conxunto  e da nosa veciñanza no ámbito máis local, partindo da base de que só coa expansión do espazo político galego é posible un cambio de rumbo en Galicia aumentando a pluralidade política e o entendemento entre as forzas transformadoras e para mobilizar abstencionistas, xente descontenta co escenario político actual de crecente desafección, e a convencer votantes doutras forzas de que hai unha alternativa galega construída por veciñas e veciños sen dogmatismos nin hipotecas”.

   Queremos destacar tamén que  que somos forzas  “coas xanelas abertas ao diálogo co fin de chegar a puntos de encontro con outras  forzas políticas e sociais”.

As candidaturas presentes aproveitamos  para amosar o rexeitamento  ao proxecto de Altri na Ulloa que vai supor no caso de saír adiante a morte da ría de Arousa, algo que nos afecta directamente.

Deixar un comentario