David Castro négase a buscar fondos para dotar unha nova sede para protección civil.

- Sumámonos a unha moción do PSOE para dotar unha nova sede a protección civil.
- Sergio Soutelo fixo pública a existencia dun acordo previo e dun proxecto para Protección Civil no anexo de servizos sociais.
- Escusas e mentiras do señor Castro para non apoiar a proposta.
- E mentres, para o desfile de entroido houbo que contratar seguridade privada.
No Pleno celebrado oo pasado xoves someteuse a debate e votación unha proposta do PSOE que buscaba dotar a Protección Civil dunha nova sede, logo de que David Castro relegara a esa agrupación ao local social de Besomaño, un lugar pouco indicado que ademais deixou á veciñanza desa parroquia sen o seu local social.
Dende Somos Ribadumia non só apoiamos esa proposta, que instaba ao Concello a dotar térreos ou un local para situar unha nova sede e a buscar apoio económico da Xunta para realizar os investimentos necesarios, senón que propuxemos ampliar o acordo poñendo enriba da mesa unha alternativa xa planificada no 2017, durante o tripartito do que formábamos parte tanto nós xunto á agrupación socialista e David Castro. Unha proposta que o PSOE aceptou de bo grado, non así David Castro.
A realidade, e así o expuso Sergio Soutelo, é que “o local anexo ao edificio que alberga os servizos sociais comunitarios, xa se construíu no seu momento como unha primeira fase dun edificio que prevía levar un primeiro andar onde albergar a Protección Civil. De feito, no Concello debe constar un proxecto básico dese novo local, que no seu momento foi amosado ao presidente de Protección Civil, que o valorou esegue valorando positivamente”.
Compre remarcar que tanto o proxecto como a idea de trasladar a Protección Civil a ese novo local, nun espazo céntrico, con sitio para aparcar os vehículos e moi próximo ao local dos servizos sociais comunitarios, cos cales Protección Civil colabora de maneira habitual, estaba acordado entre os tres partidos do goberno, e mesmo o Partido Popular de Salomé Peña amosara a súa disposición favorable.
Contra todo pronóstico, pois o PP había dado voto favorable na Comisión Informativa, David Castro, que confirmou a existencia da proposta que expuxo Sergio Soutelo chegando incluso a colgarse a medalla da mesma , cambiou o paso, e baseándose en que segundo el non existe o proxecto básico do que falamos dende Somos Ribadumia , él e o seu grupo votaron en contra desta moción, dando a entender que Protección Civil vai seguir onde está e que non ten ningún interese en dotarlles unha sede adecuada, e de feito é evidente polas súas declaracións que ese corpo de voluntarios a David Castro estórballe.
Gastando en seguridade privada.
E mentres o señor Castro continua na súa guerra de desgaste contra Protección Civil, cunha situación de enfrontamento inaceptable, a veciñanza paga as consecuencias con fondos públicos.
O exemplo témolo no pasado desfile de entroido. O Concello, que durante anos tivo a súa disposición á maior agrupación de voluntarios de toda Galicia en Concellos con menos de 10.000 habitantes, véuse obrigado a contratar unha empresa de seguridade privada para cortar as estradas e garantir unha mínima seguridade vial durante o desfile.
Dende Somos Ribadumia non podemos aceptar nin as formas nas relacións do goberno coa agrupación de Protección Civil, nin as escusas absurdas – e tamén falsas – esgrimidas onte no Pleno, atacando a Somos Ribadumia para xustificarse a si mesmo e intentando crear conflitos entre os partidos da oposición.
Dende Somos Ribadumia agradecemos a talante dialógante do PSOE , grazas ao cal pensamos que se someteu a votación unha proposta moi completa, tamén apoiada polo BNG, para un colectivo que cumpre unha función moi necesaria, máis nun Concello sen policía local, e que non merece os desprezos de David Castro.
A nosa posición sempre será a do diálogo en beneficio de Ribadumia e da súa veciñanza. Outros terán que explicar esas ansias destrutivas e de confrontación continúa.
