Unha rotura na rede de auga pública leva 5 meses estragando auga.

  • O concello actuou varias veces  pero non reparou a fuga de auga.
  • Centos de  litros de auga pública, que se paga con cartos públicos, estragada a diario  e o goberno mirando para outro lado.
  • O Consumo de auga desbocado,  a auditoría da rede de abastecemento sen facer e o goberno  nin sequera repara as fugas das que ten coñecemento.

     Dende Somos Ribadumia queremos por de relevancia unha situación que ademais de explicar a clase de goberno que temos en Ribadumia, supón un estrago de recursos públicos.

 Na parroquia de Ribadumia detectouse no mes de setembro unha fuga de auga na  rede de abastecemento. Varios veciños informaron ao Concello de que nun punto dunha estrada  secundaria estaba nacendo auga.  De partida, xa o Concello tardou en reaccionar, pois non foi ata novembro que foron atender á rotura.

  Pero despois resultou que logo  de abrir unha gabia de varios metros  e acometer a reparación, a fuga seguiu producíndose, ata o punto de que a día de hoxe, cinco meses despois,  segue nacendo auga no mesmo punto desa estrada.

   Dende a nosa formación asumimos que unha reparación poida complicarse ou dar problemas. O que non podemos aceptar é o pasotismo e a chapuza. Os veciños levan meses chamando ao Concello avisando de que sigue saíndo auga, e a única solución do goberno local foi ir reasfaltar cando a auga desfixo o asfaltado que se había usado para tapar a gabia.

Queremos recordar que cando se produce unha fuga na rede de abastecemento, non so se estragan  miles de litros de auga depurada, senón que ademais esa auga págase con fondos públicos. A última modificación de crédito levada a Pleno polo goberno  incluía unha partida de 50.000 € para pagar  auga, por  enriba  dos 165.000 € orzamentados para o 2024. E foi a propia Concelleira de Contas a que admitiu en Pleno que este gasto esaxerado estaba motivado por  numerosas fugas na rede pública.  Ademais, o goberno do señor Castro non realizou a obrigatoria auditoría da rede de abastecemento, polo que enriba  de perder axudas promovidas pola Xunta para mellorar eficiencia das redes de abastecemento, non ten ningún control sobre a rede pública ribadumiense, e descoñece por onde se lle está escapando a auga.

  Dende Somos Ribadumia pedimos dilixencia na reparación das fugas que como no caso do que falamos hoxe son coñecidas, e esiximos que se cumpran as normas e que o goberno realice a auditoría da rede de abastecemento para definir canta auga se está perdendo  poder actuar para controlar esa perda.

Deixar un comentario